Tecor Societário presenta o seu novo tema e videoclip “Vai por vós”

«Vai por vós» é o primeiro adianto do novo disco da banda de folk punk Tecor Societário, cuxa saída está prevista para finais de 2023. O grupo compostelán apostou por adiar a publicación do seu novo traballo, sacando cancións paseniñamente ao longo do ano, a modo de pílulas, publicadas en datas sinaladas.

A primeira destas pílulas é este «Vai por vós», que pretende ser unha homenaxe a todas as persoas que, malia as dificultades, continúan, ano tras ano, «amosando que Galiza non é un país manso no que nunca pasa nada», en liña coa temática reivindicativa habitual no grupo. Para ilustrar o contido da letra, Tecor Societario decidiu presentar un vídeo, que foi encargado ao coñecido realizador galego Pixelinphoto. Nel, amósanse fragmentos do proceso de gravación do tema, así como materiais orixinais gravados polo colectivo de contra información Galiza Contrainfo, que dan testemuño dalgúns dos conflitos sociais aos que a banda pretende facer referencia. Varias manifestacións e loitas clave dos últimos anos no país aparecen reflectidos no clip. Musicalmente amosa a mestura entre punk rápido e instrumentos máis propios da música tradicional como son a gaita e o acordeón.

O novo tema será presentado ao vivo o sábado día 4 de febreiro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, dentro dun concerto que os composteláns darán xunto coa mítica banda italiana de Ska-punk Talco. O concerto comezará ás 21:00 horas e o prezo da entrada é de 20 euros.