Tres novas bandas galegas reuníronse o pasado mes de decembro en Cangas do Morrazo nunha “Noite Punk”: os vigueses Gracias por Nada (GxN), os composteláns Trikornio e os estradenses Eskravos. As tres deron todo sobre o escenario da SalaSon, confirmando que a escena punk e alternativa galega, unha das máis senlleiras e robustas do noso país, segue pisando forte e xerando novas formacións moi interesantes. Rouco Son estivo alí para coñecer o directo das tres agrupacións e contárvolo ás que non puidestes asistir, para que tomedes nota para a seguinte oportunidade!

Gracias por Nada foi o grupo encargado de abrir a noite. Este trío naceu este mesmo ano 2022, así que era normal que, como banda máis nova e tamén como anfitrións, ao proceder do concello veciño de Vigo, lles tocase a eles quecer os ánimos. Son Sergio á batería e os irmáns xemelgos Miguel e Alberto no baixo e guitarra respectivamente, ademais de compartindo entre os dous as voces principais. Os dous irmáns proceden dun proxecto anterior, chamado En Proceso, que non puido chegar estrearse por mor dos problemas para a música derivados da pandemia, e ían dar o seu primeiro concerto o pasado xuño na Sala Molotov no marco do primeiro concerto organizado pola plataforma Grupos en Loita. Porén, como xa ben sabedes os lectores desta revista, a Policía Local de Vigo, enviada polo Concello, interrumpiu este concerto reivindicativo xusto cando estes rapaces subían á escena. Con estas credenciais, certamente axeitadas para un grupo punk (un primeiro concerto desaloxado pola policía), esta segunda estrea tiña xa unha considerable anticipación por parte dos en torno a cincuenta asistentes.

Meténdonos xa en materia, o grupo comezou o concerto co tema “Incomprendidos”, seguido de “Boca a boca”. Dous temas rápidos e desenfadados que traeron inmediatamente á mente a escena do skate punk e o pop punk californianos dos anos 90, e en particular ás primeiras etapas de Blink 182 polos paralelismos entre ambas aliñacións: power trios con baterías potentes e cuxos baixista e guitarrista repártense por igual a voz cantante. Estes dous temas marcarían o ton xeral do concerto, con melodías pegadizas, estruturas sinxelas e letras románticas que entroncan moi ben co revival comercial do pop punk que parece que estamos vivindo nos últimos anos a nivel internacional, pero sen perder o espírito máis puramente punk, rápido e furioso.

Sergio levou o ritmo de xeito incesante e incansable, adornándoo aquí e acolá con fills coidados que lle deron o toque completo ao seu estilo. Por outra banda, os riffs de guitarra e baixo marcamente melódicos non eran por iso pouco demandantes nin pouco variados, recorrendo o libro completo do punk rock e incluso incorporando múltiples solos. E as voces dos irmáns, similares aínda que distinguibles, creaban un curioso efecto ao ir dun lado ao outro dos oídos dos espectadores segundo cantaba Alberto ou Miguel. Nalgúns temas o reparto era equitativo, mentres que noutros un dos dous levaba a voz cantante, pero sen faltar nunca logradas armonizacións que realmente facían destacar os retrousos do grupo.
Houbo lugar para temas máis lentos e a medio tempo, como “Noite de festa”, xa en galego, e outras incluso máis rápidas que as anteriores, a velocidade de hardcore, como “Oír tu voz”. E non faltaron tampouco versións, como “Sonic reducer” de Dead Boys, coa que pecharon, ou, apropiadamente, a mítica “Dammit” de Blink 182. Ao longo de todo o concerto destacou a presencia no escenario do trío, sorprendendo ao ser o seu primeiro concerto como tal pola enerxía que desprenderon ao tocar. Aínda se notou a falta de rodaxe da banda nos espazos, ás veces excesivamente longos, que separaron cada tema, pero nada que ter ben anotado o setlist nun papel e ter algo máis preparadas as interaccións co público non poida solucionar no futuro.

Chegou entón a quenda de Trikornio. Aínda que este trío compostelán se formou en 2020, os seus membros eran os músicos máis experimentados da noite, procedendo de bandas anteriores como Reino Animal e con membros compartidos con outras, como a banda de groove metal e hardcore Nin a Tiros. Son Pablo á batería, Estrella ao baixo e coros, e Luís á guitarra e á voz principal. Tamén foron o grupo en si con máis traxectoria da noite, contando xa con música editada: teñen no seu haber un álbum, Hikikimori, lanzado en 2021, e máis un EP do mesmo ano titulado Recortes de Ostias. Viñeron á sala acompañados pola súa promotora La Farruca Producciones, coñecida entre outras por ter organizado na sala Capitol o Farruca Rock Fest con Sr. Salvaje, Los Pretty e os propios Trikornio.
Nada máis subir o escenario, a banda captou inmediatamente a atención dos asistentes cos atuendos de Luís, Pablo e Estrella, onde non faltaron medias cubrindo a cabeza, torsos descubertos ou ás de anxo negras. Pero non menos chamativa e sorprendente resultaba a súa música. Con raigame no punk rock e especialmente no rock alternativo, a banda chegaba a outros estilos como o post punk, o rock psicodélico ou mesmo o rock progresivo, con estruturas coidadas nas que se xuxtapuñan pasaxes variadas e sorprendentes.

Nelas, destacaba o xogo entre as liñas de baixo de Estrella e as melodías e acordes de Luís, tocadas apropiadamente nunha guitarra en forma de lapa. E tamén as coidadas baterías de Pablo, que deu todo nunha interpretación potente e tecnicamente perfecta a pesar de que o seu bombo, ante os seus golpes, movíase constantemente do sitio. De feito, un dos detalles que máis chamaban a atención era a incorporación no bombo do dobre pedal, frecuente no metal pero non tanto nos estilos nos que se move a banda, dándolle un toque persoal aos ritmos de batería.
As letras do grupo son irreverentes e surreais, axeitadas á súa presencia no escenario. Un dos momentos destacados do concerto deuse cando activaron dúas máquinas de pompas de xabón situadas a ambos lados do escenario, recobrendo de pompas ao público mentres sonaban os seus potentes temas. Este orixinal efecto supuxo un lixeiro risco engadido para a xente que estaba facendo pogo entre o público, tendo lugar algún que outro resbalón pero afortunadamente sen nada máis que lamentar. Non faltaron ao longo do concerto temazos como “Opina”, “Demogracia”, ou a que da título ao álbum do grupo, “Hikikimori”.

Era xa o momento do concerto do último grupo da noite punk, o de Eskravos, tamén coñecidos en redes sociais como Eskravos da Choiva. A banda máis numerosa da noite, non son nada menos que un quintento, formado polo baixista Slim, o batería Eloi, a vocalista Uxía e as guitarristas Noa e David. Naceron en 2021 na Estrada, pero ensaian en Santiago de Compostela, onde tamén ensaia agora mesmo Gracias por Nada, entrando en contacto as dúas bandas a raiz disto. O seu nome inicial era Rain Slaves, co que chegaron dar algúns concertos en varias cidades e vilas.

Facendo honra ao seu estilo puramente punk rock, as letras do quinteto foron as máis reivindicativas e potentes da xornada. Xa fose con cancións en favor da okupación ou contra a igrexa, ao rematar o concerto non quedou títere con cabeza. Pegadizas e inxeniosas, as letras gañaban aínda máis forza coa interpretación de Uxía, que domiñou o escenario mentres cantaba cun estilo que pasaba axiña da recitación e a voz falada aos berros máis hardcore. Paralelamente, o resto da banda amosouse compacta, compenetrada e igualmente forte, con ritmos rápidos e riffs pegadizos. Xa hai ganas de escoitar os seus temas tamén en estudio!
Un momento curioso da noite deuse cando a banda interpretou novamente o “Dammit” de Blink 182, ofrecendo un contrapunto á interpretación máis canónica de Gracias por Nada coa súa adaptación como quinteto. Tamén houbo unha versión doutro destacado grupo de punk rock estradense, Noxo, da que xa vos temos falado anteriormente nas nosas páxinas. En definitiva, foi un concertazo perfecto para pechar a noite co máis puro punk. Un estilo que, ao longo das actuacións das tres bandas, amosou as súas diferentes facetas, os seus múltiples matices, e a proxección que ten cara ao futuro na nosa terra.
Polo momento, ide anotando nova data, pois Eskravos e Gracias Por Nada van volver compartir escenario pero esta vez na Sala Moon de Compostela. Será o día 28 de xaneiro, sábado, ás 21:45. A entrada está a 6€ na billeteira e 5€ anticipada, podéndose adquirir esta última na librería Komic da mesma cidade.
