Por Patty Castro.
Hoxe toca coñecer máis a fondo a unha banda de rock duro da zona de Arteixo, na Coruña, que comezou a súa andaina a medidados de 2015: Eager Platypus. “Stop trying» e «Not the time» foron as súas primeiras composicións, que en novembro de 2015 pasarían ser parte da banda sonora dunha cortometraxe feita en contra da violencia de xénero chamada Disfraces. En 2016 comezan coas súas primeiras actuacións e continúan avanzando na composición musical coa gravación do seu primeiro EP, co mesmo nome da banda, Eager Platypus, que sae en Bandcamp o 21 de decembro de 2016.
En 2017 participan no festival Noroeste da Coruña, entre outros, ademais de participar en concursos de maquetas, e comezan preparan o que sería o seu álbum States of Mind. Este sae o 22 de novembro de 2019, e foi gravado nos estudos Bonham de A Coruña, cun coidado deseño por parte do artista brasileiro Diego Max, e sacan tamén o seu primeiro videoclip para o tema “No turning back”, da man de Ferga’s Project.
Despois dunha pandemia, marcha do grupo en 2021 o seu baterista Jose Manuel Martínez. Volve entón o baterista co que gravaran o seu primeiro EP, Jesús Ruibal. Durante o ano 2022, ademais de dar varios concertos, presentan o 4 de agosto o seu novo sinxelo e segundo videoclip “Last howl” a cardo de novo de Ferga´s project. Nel, a modo de conto, relatan unha historia baseada nunha antiga tradición da comarca de Seabra.
A banda está composta por David Castro e Pablo Fonteboa nas guitarras, Ruibal na batería, Esteban Vazquez no baixo e Inés Naya na voz. Caracterízanse polas súas composición propias, cun estilo de hard rock alternativo contundente mesturado con elementos mais clásicos e outras diversas influencias, e tamén pola potente e inconfundible voz da súa vocalista. Puiden falar con David, un dos seus guitarristas, para que nos contase de onde veñen, comezando por preguntarlle de onde sae ese curioso nome que teñen.

Moi boas, David! Grazas por conceder esta entrevista para Rouco Son. O primeiro era preguntarche cal é a historia que se agocha detrás deste nome.
Moi boas, Patty! Pois a verdade é que o nome xurdiu por buscar algo orixinal. Gustábannos moito os nomes con animais, tipo Artic Monkeys, e a través dunha proposta dun membro da banda sobre o ornitorrinco comezamos a chamarnos así no grupo de whatsapp. O de Eager vén dun xeito sarcástico en referencia a unha broma persoal interna da banda; a mestura dos dous términos foi algo que se fixo por votación. Despois, ó gañar o concurso para tocar no festival Noroeste xa fixo que se asentara como o noso nome.
E, como se formou esta banda? Cales foron os vosos comezos?
A banda comezou a raiz de Esteban e Pablo, que xa se coñeceran noutra formación. Eu coñecía a Pablo do conservatorio e a Esteban do instituto, e con él levaba anos tocando noutra banda que se chamaba El Rumor. Cando rematamos aquel proxecto eles comentáronme de iniciar este outro, e a Jesús coñecíamolo de toda a vida e foi algo natural que se unira para formar parte da banda. E a Inés xa a coñecía dende hai anos, incluso participara gravando algunhas voces con El Rumor. Foi a raiz dos ensaios que vimos que a cousa funcionaba bastante ben, e ata o de agora.
Con que estilo vos etiquetades? Se é que vos gusta etiquetarvos.
Pois o de etiquetarnos nalgún estilo esta ben, pois é mais doado para a xente poder saber de que vai o proxecto. Nos somos hard rock, alternativo e mesturado con tintes clásicos. En todo caso, nós compoñemos sobre todo para nós, e para estar a gusto co que facemos.
Cóntanos de que tratan as letras dos vosos temas.
A verdade é que tratan un pouco de todo, só temos flitro á hora de tocar temas políticos. Aínda que si falamos de guerras ou conflitos bélicos, que, por desgraza, sempre están de actualidade. Tamén está o tema do amor, do desamor, conflitos internos, sobre o que nos vai ocurrindo no noso día día…
En que andades metidos actualmente?
Pois estamos inmersos na preparación de novos temas, e seguro que proximamente anunciaremos novas datas da banda.
Pois quedamos moi pendentes das vosas redes sociais, para saber o que estades a argallar. Deséxovos o mellor!
Moitas grazas, Patty, e moitas grazas a Rouco Son por facerse eco da banda.