Dismal, nova incorporación galega ao cartaz do Resurrection Fest 2023

O Resurrection Fest de Viveiro contará na súa edición de 2023 cunha nova banda galega, que se sumará ás xa confirmadas Deleiba, Dark Embrace, Youcanthide e Sangre de Muérdago. Trátase de Dismal, lendaria banda procedente da parroquia de Viascón en Cerdedo-Cotobade, comarca de Pontevedra. Esta agrupación comezou a súa andaina en 1992, sendo pioneira do death metal en Galicia e gravando o mítico disco compartido Avowals xunto aos composteláns Absorbed e os ourensáns Unnatural en 1994.

A partir de finais dos anos 90 cambiaron de estilo musical cara a unha mestura de metal alternativo e hardcore, coa que atoparon unha considerable popularidade, compartindo escenarios con moitos grandes nomes do metal estatal e mundial. Porén, a finais da década dos 2000 separáronse, coincidindo cos anos nos que o Resurrection Fest comezaba a súa andaina; deste xeito, nunca tiveran a oportunidade de participar no festival ata que se reuniron e volveron aos directos o ano pasado. Durante os seus 15 anos de ausencia nos escenarios galegos, algúns dos seus membros fundaron bandas tan destacadas como Salavelatoria ou Enki.

Foto de Dark Memories Photography

A pesar de que dende o Resurrection anunciaran no seu momento que non se incorporarían máis bandas estatais ao cartaz case completo que xa desvelaran en novembro, e que só se ampliaría con bandas internacionais, parece que os de Viveiro non quixeron deixar pasar a oportunidade de contar cunha banda tan veterana no cartaz. Agora xa está anunciado completo e por días, así que, salvo sorpresa, non deberían haber máis excepcións, salvo, por suposto, que algunha ou algunhas bandas galegas resulten gañadoras do Concurso de Bandas do festival; cousa que, dado o elevadísimo nivel da escena galega, agardamos que ocorra.

Así, a representación galega no festival estará polo momento composta por Dismal, os vigueses Youcanthide, os coruñeses Dark Embrace, os muradáns Deleiba, e máis Sangre de Muérdago, banda de neofolk formada en Ourense aínda que actualmente establecida en Leipzig, Alemania. Youcanthide tocará o mércores 28 de xuño no escenario Chaos, Dark Embrace e Dismal o venres 30 no escenario Ritual, e Deleiba e Sangre de Muérdago o 1 de xullo no escenario Desert. Polo momento, aínda teremos que agardar á seguinte edición para ver algunha banda galega no escenario principal. Ademais da de Dismal, anunciouse tamén a presencia no cartaz das bandas internacionais Parkway Drive, Soulfly, Elegant Weapons e Mammoth WVH (banda de Wolfgang Van Halen). Estas confirmacións súmanse ás máis de 80 realizadas en novembro, cando saíron á venda os abonos. O xoves ás 12:00 sairán as entradas por día.