Salavelatoria e Amenaza de Muerte, o 18 de marzo no Transylvania

O sábado 18 de marzo terá lugar un novo concerto de bandas de metal galegas no Pub Transylvania de Vigo: nesta ocasión actuarán Amenaza de Muerte, banda de deathcore de Malpica de Bergantiños, e Salavelatoria, banda de thrash metal radicada na parroquia de Tourón, en Ponte Caldelas. O concerto está organizado polo colectivo Vigo Metalheads, A entrada será única, cun prezo de 10€, e o evento comezará ás 21:30 da noite.

Amenaza de Muerte. Foto de @sourceeyou

O cuarteto de deathcore Amenaza de Muerte está conformado por Iván na voz, Héitor na guitarra, Mario no baixo e Adam na batería. O estilo dos da Costa da Morte mestura a perfección os pesados breakdowns do hardcore co lado máis técnico e incluso melódico do death metal, como se pode apreciar en traballos como o álbum Atrapado (2011), os EPs Deathcoast (2014) e False Prophets (2017), ou especialmente en Huulet (2021), o seu novo álbum. É habitual velos tocando por toda Galicia, pero xa os botabamos de menos en Vigo, onde desatarán unha vez máis toda a súa enerxía.

Salavelatoria. Foto de Dark Memories Photography

Por outra banda, Salavelatoria é unha das bandas máis destacadas da potente escena thrash metal galega. Está conformada por Diego na batería, Tino no baixo (ambos procedentes da mítica formación de death metal noventeira pontevedresa To Nowhere), Mon na guitarra, e Javier na voz e tamén na guitarra (membro así mesmo este último dos coñecidos Dismal, de Viascón). Tendo en conta o historial dos seus membros só se pode esperar metal de primeira, como se pode comprobar no seu EP de 2018 …Ya me Dejas más Tranquilo, ademais de noutros sinxelos que teñen lanzado ao longo da súa traxectoria, que comezou no ano 2014.