O vindeiro sábado 4 de marzo as bandas Max & Bull e Buxa visitarán xuntas Cangas do Morrazo, ambas por primeira vez, para ofrecernos unha noite de rock instrumental con influencias moi variadas. As portas da Sala Son, ubicada na Rúa do Lirio número 30 de Cangas, abriranse ás 20:30, e ás 21:00 comezará o evento. A entrada será única e terá un prezo de 10€.
Max & Bull é un dúo instrumental vigués que une o rock, o metal e a electrónica. Está formado por Nacho Araújo coa batería e Iñaki Blanco coa guitarra, sinte, bases e visuais. Mesturan pesados riffs de guitarra con baterías potentes e bases atmosféricas. Paisaxes sonoras densas e saturadas, que afloran a base da superposición de capas. E para acompañar a música contan cos visuais do propio Iñaki Blanco. Actualmente están en proceso de mestura do seu primeiro disco de estudio.
Buxa é unha banda de stoner rock instrumental con residencia no Grove. Son Marcos Pou na batería, Paco Míguez no baixo, Alex Rodríguez na guitarra, e Rodrigo Trigo tamén na guitarra. As súas influencias e referencias veñen da década dos 90, dos sons característicos deses anos en diversos estilos como poden ser o progresivo, o grunge, o stoner, o metal ou incluso o pop, entre outros. O protagonismo na súa música recae na mestura de sons pesados con melodías que fan de fío condutor ó longo das composicións, como si trataran de contar unha historia a base de sons e de xogar coas dinámicas. Teñen tres sinxelos con cinco temas en total autoeditados, publicados en Bandcamp.