Segunda cita do Festival RESIS con Arxis Ensemble, hoxe en Palexco

A Sala de Exposicións de Palexco acollerá un novo recital da agrupación galega de música clásica contemporánea Arxis Ensemble, esta vez baixo a batuta do célebre director Nacho de Paz. O evento comezará ás 20:30, e contará na súa programación cunha preestrea, unha estrea estatal, e a estrea mundial de Libro Delle Immagini V do coruñés Hugo Gómez-Chao. A entrada é de balde, pero deberá reservarse previamente en ataquilla.com ou no kiosko da praza de Ourense.

Esta será a segunda cita deste Festival RESIS de Música Contemporánea e Artes Vivas da cidade da Coruña. Despois dunha inauguración no restaurante Ábore da Veira, o mellor da música contemporánea internacional trasladarase agora á Sala de Exposición de Palexco, para un novo concerto da formación galega, que mestura o académico co máis moderno e vangardista. Nestas ocasión, os músicos galegos poranse baixo as ordes do director Nacho de Paz. O ovetense é particularmente recoñecido pola súa especialización na música deste século e do anterior, sendo unha referencia internacional no repertorio experimental e audiovisual.

A programación deste evento constará de catro obras de compositores contemporáneos tan destacados como son Beat Furrer, Alberto Posadas, Claudia Cañamero e o coruñés Hugo Gómez-Chao, mesturando autores consolidados con novas revelacións deste ámbito. Entre elas hai unha preestrea, unha estrea en España, e mesmo unha estrea absoluta, a de Gómez-Chao. A primeira obra en ser interpretada, e que da nome á velada do sábado, será Still, do suizo Beat Furrer. O célebre compositor xa estivo presente na Coruña en edicións anteriores do Festival RESIS, mesmo dirixindo a Arxis Ensemble para interpretar as súas obras.

A continuación terá lugar unha estrea en España, La Lumière du Noir, do coñecido compositor vallisoletano Alberto Posadas. E, despois, a valenciá Claudia Cañamero traerá a preestrea da obra Gran Hotel Abismo. A programación do sábado finalizará coa estrea absoluta de Libro delle Immagini V, de Hugo Gómez-Chao. O mozo coruñés é actualmente o compositor residente na Real Academia de España en Roma, ademais de ser director artístico tanto de Arxis Ensemble como do propio Festival RESIS.

A entrada do evento é gratuíta, pero deberá reservarse previamente. Dita reserva poderá realizarse sen custo na web ataquilla.com ou no kiosko da praza de Ourense. O festival continuará a desenvolverse ata o vindeiro 6 de maio, cunha programación que inclúe un total de 9 concertos, 2 instalacións sonoras e numerosas actividades. Sumarase á celebración do Ano Picasso co concerto Pierrot Lunaire do 29 de abril, e tamén á conmemoración do centenario do compositor húngaro György Ligeti.

A próxima cita para os melómanos coruñeses será o 20 de abril no Teatro Colón, cun concerto da Banda Municipal baixo o título de Déserts. Interpretarase a obra homónima de Edgard Varese, unha nova versión revisada de A Cova Sumerxida de Carme Rodríguez, e Percussion Concerto de Brett William Dietz, unha estrea en Galicia.

O festival organizado pola Asociación Cultural AÏS é xa toda unha referencia no sector, e contará ao longo de toda a súa programación coa presencia e participación dos directores e intérpretes máis prestixiosos do mundo. Nos 9 concertos que conforman a edición deste ano inclúense 5 estreas absolutas e 2 instalacións sonoras. Os eventos do festival repartiránse entre os principais centros de arte da cidade. Ademais dos xa mencionados, haberá música e arte na Fundación Luis Seoane, no Museo de Belas Artes, na Casa Museo Casares Quiroga, na Domus, no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Muncyt, e no Teatro Rosalía de Castro. O festival conta co patrocinio do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o INAE.