A banda de rap metal coruñesa QFB vén de lanzar un novo videoclip, correspondente ao sinxelo «Compañeiro Daniel». Malia estar centrados na presentación do seu traballo discográfico autoproducido, titulado Rexurdir, a banda lanza este novo sinxelo pensando nun novo disco e tamén no Día das Letras Galegas do vindeiro mes.
«Compañeiro Daniel» é a adaptación dos coruñeses do mítico poema de Darío Xohán Cabana adicado a Castelao. Neste tema participan unicamente o picadiscos, Zalo, e o MC Toninho, que se atreven cun poema que xa foi convertido nun himno da nosa música no seu momento por nada menos que por Suso Vaamonde. Fanno en clave de hip hop da vella escola, afastado do rap metal ao que nos teñen acostumado.
QFB ten os seus cimentos a principios dos anos 90, e tras estar case 25 anos fóra de toda actividade, volven agora cunhas forzas renovadas que nin a pandemia puido deter. De feito, o seu álbum Rexurdir foi incluído na lista dos 35 discos galegos de 2022 de Rouco Son pola súa importancia histórica, xa que incorpora as gravacións dos anos 90 nunca antes lanzadas polo grupo, xunto a regravacións a cargo da formación actual.
A banda está composta, ademais de por Toninho e por Zalo, tamén baterista da formación, por David Rodríguez á guitarra, David Acuña ao baixo, e o MC Darío Feijo. Fan un rap metal influenciado primordialmente por Beastie Boys e por Rage Against the Machine, mais con letras maioritariamente en galego cargadas de retranca, e introducindo sons procedentes da música tradicional galega.