Este vindeiro sábado 22, a banda de rock alternativo Exeria estará na Cervecería Miguel en Canido, onde continuarán a presentar o seu novo sinxelo “Un novo nome”. Este tema, lanzado o pasado mes, reflicte a súa mestura de influencias do rock dos anos 90, de movementos tales como o grunge, o britpop ou o stoner. Os membros da banda, procedentes da comarca do Condado, proveñen de bandas como O Caimán do Rio Tea, Cool Funeral, Circular ou Met.
O concerto terá lugar ás 22:30, e as entradas poden mercarse na propia cervexaría (Camiño Liñares nº6, Canido, Oia) ou a través das redes sociais da banda. O grupo amósase “especialmente ilusionado” de tocar neste “templo da música” da parroquia de Oia, en Vigo, destacando “o agarimo e respecto que se ten neste local polos artistas e músicos”.
A Cerveceria Miguel “vén sendo un bar dos de toda a vida”, en palabras da banda, e nel organízanse un par de concertos cada mes, ademais de karaoke os domingos. A banda afincada en Ponteareas destaca tamén “o orgullo que sentimos nós por ter a oportunidade de levar as nosas cancións fora da nosa zona de confort unha vez mais”.
“Un novo nome”, foi gravado nos Estudios Lufs de Ponteareas, e conta tamén cun videoclip dirixido e realizado polo artista lucense Wences Lamas. “A letra trata sobre a transición, a aceptación dos cambios na nosa vida, así como as escollas que esta obríganos a realizar”, sinala a banda, que se pregunta nela “se cando algo remata abruptamente e debemos adaptarnos a unha nova realidade, teremos a forza para comezar una vida distinta e renacer”.
