A programación do RESIS esta semana comezará o xoves, día 20, co concerto da Banda Municipal baixo o título Dèserts, ás 20:00 no Teatro Colón. O día seguinte á mesma hora na Sala Municipal de Exposicións de Palexco terá lugar outro concerto, Só un Solo, de Mario G. Cortizo, Marc Rosich e Ana Inés Jabares. E a semana completarase o sábado coa instalación sonora Organismo / Organscape, dende a 13:00 na Casa-Museo Casares Quiroga, e a proxección do filme Mist, ás 20:00 na Domus.
Despois dunha primeira semana inaugural con todos os aforos completos, o Festival RESIS de Música Contemporánea e Artes Vivas encara agora unha segunda semana cun feixe de concertos e actividades. De novo, todos os eventos son de balde, aínda que algúns concertos requiren reserva previa en ataquilla.com
A primeira cita co festival coruñés esta semana será a do concerto da Banda Municipal, este xoves ás 20:00 no Teatro Colón. O concerto toma o seu nome da emblemática obra Dèserts, composta polo célebre autor francés Edgar Varese, que culminará a velada. Antes, o público poderá gozar de como a banda interpreta A Cova Sumerxida, da nova compositora ribadense Carme Rodríguez. Concretamente, unha versión revisada da obra que, de feito, se estrea nesta ocasión.
Tamén interpretarán o Percussion Concerto, estrea galega da obra do estadounidense Brett William Dietz, coa intervención de Noè Rodrigo Gisbert na percusión solista. Como director convidado da velada exercerá José Trigueros, actual director asociado da Orquestra Sinfónica de Galicia e convidado recorrente da Nueva Orquesta Nacional de España. A entrada será de balde ata completar aforo, sen ser necesaria reserva previa.
O venres 21 terá lugar outro concerto, ilustrativamente titulado Só un Solo, na Sala Municipal de Exposicións de Palexco. Nel, o intérprete e compositor Mario G. Cortizo interpretará como percusionista solista tres pezas propias, aproveitando todas as posibilidades que este formato ofrece e acompañándose unicamente de elementos electrónicos e pregravacións. O espectáculo será interpretado exclusivamente con instrumentos de nova creación ideados polo compositor e levados a cabo por B-Sharp Percussion, agás a pandeireta galega, coa que conectará as súas creacións coa música de raiz.
O concerto non será exclusivamente musical, tamén será unha performance que conta coa dramaturxia e dirección de Marc Rosich e a escenografía e dirección de Ana Inés Sabares. Trátase da estrea do resultado da primera edición das Residencias Artísticas de Mariñán da Deputación da Coruña. A entrada, de balde, deberá reservarse en ataquilla.com ou no quiosco de praza Ourense.
A instalación e a proxección, pola súa banda, terán lugar o sábado. Á 13:00 abrirase ao público Organismo / Organscape, onde unha sorte de autómata emulará un repertorio de sons asociados coas aves, a modo de estudo posdixital de ornitoloxía. Trátase dunha obra do artista sonoro e investigador galego Xoán-Xil López. Poderá visitarse na Casa Museo Casares Quiroga ata o 6 de maio. Finalmente, ás 20:00 do sábado a Domus albergará a proxección do filme de danza multidisciplinar Mist, dos neerlandeses Damien Jalet e Nederlands Dans Theater. Nel, 18 bailaríns interactúan recreando o lume, unha erupción volcánica, un furacán, unha fervenza ou un río. Será necesario reservar convite en ataquilla.com ou no quiosco de praza Ourense, novamente, sen custo.
Así concluirá a programación desta semana do RESIS, mais o festival aínda ten moitos concertos e actividades por diante ata a súa clausura o día 6 de maio, cos que seguirá enchendo A Coruña de música contemporánea e todo tipo de arte do máis alto nivel. Organizado pola asociación AÏS e baixo o patrocinio do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o INAEM, o Festival RESIS consolida o seu éxito cada ano entre o público, a crítica e os profesionais do ámbito coa súa aposta por un festival galego e internacional.