O sábado 29 de abril ás 23:00 na cervexería Miguel, Max & Bull e Kalokoro Teke ofrecerán un concerto no que a experimentación, o post rock e a electrónica serán protagonistas. O local, que está a programar numerosos concertos de diversos artistas nestes meses, está ubicado no Camiño dos Liñares nº 6 de Canido, na parroquia viguesa de Oia. As entradas anticipadas están á venta por 6€, mentres que na billeteira terán un custo de 8€.
Max & Bull é un dúo instrumental vigués que se autodenomina como «inclasificable». Está formado por Nacho Araújo na batería e Iñaki Blanco na guitarra, no sintetizador, nas bases e nos visuais. Bebe de fontes como o rock, a electrónica IDM (Intelligent Dance Music) ou o live looping. Mesturan así «pesados riffs de guitarra» con «baterías potentes e bases electrónicas e atmosféricas», conxurando «paisaxes sonoras que afloran a base da superposición do mundo analóxico co dixital», en palabras do dúo. Acompañando á música e creando un fío condutor paralelo, contan cos visuais do propio Iñaki, creando «unha atmosfera única».
Tamén procedentes de Vigo, Kalokoro Teke é, pola súa banda un proxecto de música electrónica experimental que mestura «a nostalxia e a innovación» para crear «unha experiencia musical evocadora». Afírmanse influenciados «polos synths dos oitenta, a música descritiva e os temas máis escoitados nos mellores elevadores do mundo». As súas Canciones para tiempos de Extinción, un traballo formado por varios EPs, combinan elementos familiares e novas tendencias, cos que pretenden chegar tanto ós fans da música electrónica como a novas audiencias que busquen «unha oferta musical diferente».
