A Sombra dos Soños é un quinteto liderado polo guitarrista José Carballido, e vén de publicar dixitalmente, despois da saída de catro sinxelos, o seu primeiro álbum, I. O disco foi gravado nos estudios Disquesí e está formado por catorce pezas, nas que Carballido está acompañado por diferentes músicos que xa o teñen acompañado en proxectos anteriores. Estes son Diego Lestón na batería, Daniel Añón nas guitarras, Lalo Carnota no baixo e José Roca nos teclados.
A banda mestura, nas súas propias palabras, «diferentes estilos de rock e metal con influencias variadas que abranguen dende o rock setenteiro ata o folk galego, pasando por momentos máis progresivos e outros máis acústicos», e sempre cantando en lingua galega. As letras, pola súa banda, son predominantemente intimistas, explorando «a alma humana desde diferentes puntos de vista e poñendo os personaxes de cada canción en diferentes situacións co obxectivo de entender e analizar un mundo que case nunca é sinxelo de comprender», sinala a agrupación.

Carballido formou previamente parte doutros proxectos, como Mízar, Requiem ou Khitara. Mízar resultou no seu momento premiada en certames como o Aguillolo Rock de 2002 e o Festival da Canción de Ordes de 2003. Requiem, pola súa banda, é unha obra para grupo de rock progresivo e coro clásico que foi presentada por teatros de toda Galicia a partir de 2011. Tamén resultou nominada aos premios ProgAwars, e foi publicada en formato físico pola discográfica Musea Records.
Khitara, por outra banda, lanzou un EP en 2016, no que exhibe o seu particular estilo logrado cunha formación de dúas guitarras clásicas, dúas eléctricas, caixón flamento e voz. O traballo tamén foi interpretado en directo en diversos puntos do país. Ademais destes proxectos, o guitarrista tamén participou noutras agrupacións musicais, como son: Piazzolla, interpretando música do compositor arxentino; Dezine, bandas sonoras; ou Aeternam, versións de rock.
Carballido compaxina o seu traballo como mestre de música no CEIP de Caión coa composición e a interpretación musical. Licenciado en guitarra polo COSMAC (Conservatorio Superior de Música da Coruña), rematou o grao superior co guitarrista Ramón Carnota como mestre. Acudiu a cursos impartidos por guitarristas como Álex Garrobé, Antonio Duro, Carlo Marchione ou Liliana Matos. Tamén estudou con compositores como Francisco Rosa ou Antón García Abril, e coa soprano Diana Somkhieva.