O cuarteto vigués de pop rock SNST vén de lanzar o seu videoclip «Y ahora nada». Este é o primeiro vídeo oficial do álbum Canciones Maltratadas, que foi lanzado o pasado novembro do 2022 e que se pode atopar para a súa escoita nas diferentes plataformas dixitais. O vídeo foi realizado por Siete Gatos Blancos Creaciones Audiovisuales.
SNST naceu en Vigo como trío en 2007, co nome de Sunset?, gravando a maqueta Arredemo. En 2010 incorporaron novos membros, incluíndo á vocalista Rebe Rodríguez, cos que gravarían o seu primeiro álbum A Noite en que Esperamos ao Sol. Tras o cambio de vocalista, entrando na banda Belize Martínez, o grupo seguiu xirando por Galicia ata a chegada da pandemia.
Neste tempo o grupo deu un xiro ao seu son e a súa formación, que se estabilizou con Iñaki á voz principal e guitarra, Diego á voz secundaria e guitarra, Raúl ao baixo e coros e Javi á batería. O cambio de formación e o correspondente cambio de son suxería un cambio de nome, e así, no 2019, naceu a nova etapa de SNST. Os vigueses teñen un «estilo propio» que «une variadas tendencias do rock e dá lugar a un son potente á vez que melódico, onde as letras, que tocan desde temas sociais ata os sentimentos máis íntimos, cobran moito protagonismo», en palabras da propia banda. SNST toca en dous formatos: o eléctrico, onde priman «o guitarreo e a forza»; e o acústico, máis «íntimo e relaxado».
Os próximos concertos confirmados da banda son: o 6 de maio en Nigrán, no festival benéfico para Aldeas Infantiles; o 20 de maio en Vigo na sesión vermú de El Trotes en acústico; o 10 xuño en Vigo, no Festi benéfico para o Santuario Vacaloura do Mr Moch Beer en acústico; o 16 de xuño en Vigo na Sala Sinatra; e o 11 de xulio na Illa de Arousa, en Patapalo.