Así foron os concertos de Arxis Ensemble no Festival RESIS 2023

O Festival RESIS de Música Contemporánea e Artes Vivas, organizado pola asociación AÏS, finalizou xa con éxito unha edición máis na cidade da Coruña. Entre os concertos máis destacados da súa programación, que contou con artistas de todo o mundo ao longo de case un mes, estiveron os de Arxis Ensemble, formación galega de música contemporánea que mestura o académico co máis innovador e vangardista, tomando influencias de diferentes xéneros musicais.

A agrupación centra a súa actividade no traballo man a man con compositoras e compositores do noso tempo, así como en intercambios nacionais e internacionais para «situar a Galicia como un focos da arte de vangarda». Nas súas interpretacións podemos escoitar a música clásica máis experimental, na que tampouco faltan elementos propios da música electrónica ou do jazz fusion e incorporando todo tipo de instrumentación, incluíndo a batería ou instrumentos eléctricos.

Arxis Ensemble pode considerarse a formación residente do festival, ao contar entre os seus membros ao director artístico do festival, Hugo Gómez-Chao Porta, e ao coordinador artístico do mesmo, Noé Rodrigo Gisbert. A formación foi a encargada de dar os dous concertos inaugurais do RESIS, primeiro no restaurante Árbore de Veira e logo na Sala de Exposicións de Palexco. En ambos casos, con todas as entradas reservadas antes da súa celebración.

Un instante do concerto en Árbore de Veira

A programación da primeira destas dúas noites, variada pero ben cohesionada, constaba de tres obras con sinatura feminina. Dúas delas, de recente creación, amosando o máis vangardista da música académica, e outra, unha improvisación sobre o coñecido libro-arte Grapefruit book, creado por Yoko Ono e datado en 1964.

A primeira composición en ser interpretada foi Dust: bass drum, da compositora inglesa Rebeca Saunders, da man do percusionista Noè Rodrigo Gisbert. O membro de Arxis Ensemble amosou as infinitas posibilidades da percusión solista coa súa interpretación, tecnicamente perfecta pero á vez chea de matices e sensibilidade.

Despois foi a quenda da obra Latitudes, da croata Sara Glojnaric, presentada por primeira vez en todo o Estado. Xa dende o primeiro momento podía percibirse a gran expectación e curiosidade do público ante esta estrea. A peza para piano preparado solista foi executada, como non, pola pianista de Arxis Ensemble, Magdalena Cerezo Facales. O resultado foi unha interpretación coa total excelencia esperable dunha intérprete do máis alto nivel como ela, pero non por iso menos meritoria.

Chegara entón o momento da peza central da noite, na que Arxis Ensemble procedeu a improvisar en torno ao Grapefruit book de Yoko Ono. O revolucionario libro foi un exemplo temperán de arte conceptual, e está composto de instruccións e indicacións que foron interpretadas polos músicos galegos para crear unha música única.

A pesar de que, tecnicamente, estaban interpretando unha obra allea de hai case 60 anos, Arxis Ensemble fixo súa a peza, que soou fresca e innovadora. A agrupación gañouse unha vez máis o entusiasmado aplauso do público, xa extasiado coa culminación de tan fermosa velada. Porén, aínda quedaba a guinda do pastel, que chegou en forma dun cóctel servido polo chef Luis Veira, o anfitrión da noite.

Arxis Ensemble en Palexco

Despois desta inauguración por todo o alto no restaurante Árbore da Veira, o Festival RESIS de Música Contemporánea e Artes Vivas encaraba a súa segunda xornada na Sala de Exposicións de Palexco. Porén, esta vez os membros de Arxis Ensemble non estaban sós no escenario, pois contaban coa compañía do director Nacho de Paz. 

Nacho de Paz, dende Oviedo, chegou para dirixir a Arxis Ensemble cunha bagaxe de décadas de traballo especializado na música deste século e do século XX. A súa presencia nos escenarios do RESIS era unha das máis esperadas desta edición, e soubo cumprir coas expectativas coa axuda da agrupación galega. 

Outra cousa que xeraba unha grande expectación entre os asistentes ao concerto era a cantidade de estreas que se ían poder desfrutar ao longo da velada. Unha estrea en España, unha preestrea, e incluso unha estrea absoluta, nada menos que da nova obra de Hugo-Gómez Chao, Libro Delle Immagini V. 

Ademais de ser actualmente o compositor residente na Real Academia de España en Roma e director artístico do propio Festival RESIS dende o seu nacemento, Gómez-Chao é membro fundador de Arxis Ensemble, polo que a súa obra era particularmente agardada polo público do evento. 

Ao igual que ocorreu no caso da inauguración do festival, todas as entradas para o evento, de balde pero que requería reserva, estaban xa esgotadas dende antes da súa celebración. Isto xa daba unha idea da afección do público melómano coruñés, galego e mesmo estatal polo RESIS e a música contemporánea. 

A primeira obra en ser interpretada non foi outra que Still, de Beat Furrer, que lle daba título á velada. Podía percibirse a importancia desta obra de 1998 para os intérpretes, xa que o propio compositor suizo estivo no RESIS 2022 dirixindo a Arxis Ensemble mentres estes interpretaban dous dos seus traballos.

Interpretar a obra dun autor tan consagrado como Furrer é sempre unha aposta segura, e nesa liña continuou o evento coa interpretación de La Lumière du Noir, de Alberto Posadas. O público recibiu con entusiasmo a obra do célebre compositor vallisoletano, que, curiosamente, estreábase por primeira vez a nivel estatal, a pesar de datar de 2010. 

A continuación, Arxis Ensemble decantouse por interpretar obras de autores máis novos, amosando o inmenso talento das novas xeracións de compositores de música contemporánea. Foi pois a quenda da preestrea de Gran Hotel Abismo, da xove compositora valenciá Claudia Cañamero. Esta nova obra foi acollida con igual entusiasmo por parte dun público totalmente inmerso na música da agrupación galega. 

A última obra da noite foi a agardada Libro Delle Immagini V de Hugo Gómez-Chao, que se estreaba ante o mundo dende Palexco. Gómez-Chao é un mozo coruñés cunha carreira moi considerable xa ás súas costas, e esta nova obra non fixo máis que confirmar o seu talento tanto como compositor como como director artístico de Arxis Ensemble.