Concertos de Eondry, Kalokoro Teke, SNST e Époje Tatum en beneficio do Santuario Vacaloura

O solista Époje Tatum e as bandas SNST, Kalokoro Teke e Eondry (na foto de arriba) farán parte dun ciclo de concertos en Vigo cuxa recadación servirá para apoiar ao santuario animal Vacaloura. Este festival benéfico, cun programa integramente composto por artistas galegos, celebrarase o vindeiro sábado día 10 de xuño en varios locais vigueses. O Santuario Vacaloura é un lugar onde animais de diferentes especies poden «levar a vida que lles corresponde como individuos sensibles con intereses propios, libres de especismo, abuso e explotación, onde se cobren as súas diferentes necesidades», como indican dende o propio colectivo.

O evento, que terá lugar o sábado 10 de xuño, constará de 4 concertos en 4 coñecidos locais da zona de Churruca en Vigo, en horario de 18:00 a 23:30 horas. En cada local haberá petiscos veganos á venda, e, ao remate da noite, sortearase un lote de produtos do santuario. O prezo da entrada será de 15€. As entradas anticipadas estarán á venda nos locais nos que terán lugar os concertos do festival.

Os horarios e a distribución dos concertos serán os seguintes: ás 18:00 horas, Époje Tatum no Tinta Negra, en acústico; ás 19:30 horas, SNST no Mr. Moch Beer, tamén en acústico; ás 21:00 horas, Kalokoro Teke na Cantina Candela; e ás 22:30 horas, Eondry na Sala Kominsky. Catro concertos de estilos variados, dende o pop rock ata o rock progresivo e dende o acústico ao eléctrico.