Para conmemorar o Día das Letras Galegas 2023, o grupo de rock duro e heavy metal cangués Astarot lanzou un novo videoclip interpretando o clásico da música galega «Lela». Este foi gravado en directo xunto á cantante Lucía Pérez, no concerto polo 40 aniversario da banda celebrado no Auditorio de Cangas do Morrazo, que se encheu ao completo.
Neste concerto especial, a celebración dos seus catro decenios de traxectoria, estiveron acompañados por máis de 20 invitados sobre o escenario: Bieito Romero, Xan Cerqueiro, Irma Macías e Pedro Valero de Luar Na Lubre, Alberto Cereijo de NEO e Los Suaves, Fernando Calvo tamén dos Suaves, Rosa Cedrón, Bieito Romero Dieguez de Luar Na Lubre e Breo, Tonhito de Poi de Heredeiros da Crus, Xosé Luís Rivas «Mini», Josito Porto, Vituco Neira de Ruxe Ruxe entre outras bandas, Lucía Pérez, Raquel Pato e Dani Camaño.
A ocasión non era para menos, xa que o hoxe quinteto é unha das formacións galegas máis veteranas en activo e uns pioneiros do hard rock e o heavy metal en Galicia. Ademais levan dende finais dos anos 90 facendo música en galego e con influencias da música tradicional do país.
Xunto á banda, Lucía Pérez, interpretou precisamente “Lela”, esa lendaria canción que narra a historia do boticario namorado escrito en 1941 por Castelao dentro da súa obra Os vellos non deben namorarse. A autoría da música, por outra banda, foi desputada durante moito tempo, pero uns documentos achados hai uns anos apuntaron a Rosendo Mato Hermida como verdadeiro compositor da mesma.
Lucía Pérez, natural do Incio, foi a primeira cantante galega que participou en Eurovisión, concretamente na edición de 2011. O evento, por outra banda, estivo organizado por Mirmidón Producciones, cun equipo técnico de arredor de 30 persoas. O espectáculo foi gravado en directo, coa realización de Jose M. Táboas de Imaxenium Produccións e o rexistro sonoro a cargo de Manuel Martínez de Sonacustic.
O novo sinxelo será o primeiro dunha vintena de temas que estarán gravados no próximo traballo discográfico de Astarot, co que a banda acada máis de catro décadas de traxectoria musical. O seu amplo repertorio inclúe os temas de álbumes de estudio como Dónde se hospeda el pasado (1990), Respirando (1994), Apuesta y Gana (1996), Xacobeo ´99 (1999), O Sentir dunha Terra (2000), Longa Noite de Pedra (2005), Séptimo Pecado (2013), Una vida en un segundo (2017) e Baixo a Luz de Breogán (2022).
Neste último álbum xa contaron coa colaboración de varios membros da agrupación folk Luar na Lubre, e optaron unha vez máis por musicar poemas de autores como Celso Emilio Ferreiro, Xela Arias, Rosalía de Castro ou Federico García Lorca. Carlos Gandón, guitarrista, é o único membro fundador do grupo que fica na formación, na que tamén podemos atopar a membros de longa traxectoria no grupo como Carlos Rodal (baixo). A última incorporación ao mesmo é a do guitarrista Nano Vikendi, tamén membro da mítica banda galega de power metal progresivo Tálesien.