Estase a falar de beefs en Galicia! Logo dunha serie de desencontros previos que agora están relatando nas súas cancións, o dúo de hip hop compostelán Boyanka Kostova subiu, o pasado 15 de abril, dous vídeos a Instagram cunha canción adicada ao xa extinto grupo Sondarúa, procedentes de Ponteareas e que tamén facían hip hop en galego. No vídeo, unha gravación de pantalla dun móbil, pódese ver que o tema levaba listo meses, pero foi subido apenas un día despois do último concerto de Sondarúa, que xa anunciara a súa separación. Daba comenzo así un beef que non parece aínda estar pechado entre os dous grupos de rap en galego, seguramente o máis sonado e directo dos que teñen existido nesta escena.
Esta primeira canción, titulada “Infeliche”, só esta dispoñible para ser escoitada nestes dous vídeos no perfil de Instagram do grupo. Nela, Cibrán, rapeiro que conforma o duo compostelán xunto ao produtor Chicho, critica a música e as letras de Sondarúa, acusándoos entre outras cousas de ser “aspirantes a Che Guevara porque sabedes que en Galicia hai un circuíto que vos ampara”, e facendo referencia a ataques previos dirixidos contra eles por parte dos membros de Sondarúa. Entraban así en conflito dous xeitos moi diferentes de enfocar o rap en galego: o de Boyanka, de corte máis moderno pero mesturado con letras costumistas e cunha forte influencia de subxéneros como o trap, e o de Sondarúa, máis clásico e influído en boa parte polo rap político popularizado no Estado por Los Chikos del Maíz.
Tiveron que pasar 5 semanas e media para que o 24 de maio respondese un dos membros de Sondarúa, pois só o fixo un dos membros do xa desaparecido grupo de Ponteareas, o rapeiro Hugo Guezeta. Este aproveitou a ocasión para lanzar a súa carreira en solitario, cunha nova canle de Youtube e subindo o tema en todas as plataformas dixitais, previo anuncio nos días anteriores. O título do tema. “A derradeira lección do mestre”, a imaxe do cadro co que Castelao homenaxeou a Alexandre Bóveda, fai referencia a un verso de “Infeliche”, onde Boyanka Kostova acusaba aos de Ponteareas de empregar reiteradamente a figura de Bóveda como recurso lírico nas súas cancións.
Hugo Guezeta respondeu ás acusacións dos composteláns, sinalándoos entre outras cousas por aparecer na TVG e recibir axudas da Xunta de Galicia, criticando o uso do autotune e facendo varias referencias a cancións de Boyanka. O tema foi producido por Peter Petrowski de Ezetarre, outro grupo de hip hop galego, que cesou a súa actividade hai uns anos logo de varias controversias que afectaron aos seus membros.
Apenas un día despois, e de novo en forma de vídeo rápido en Instagram, xa estaba fóra a resposta do dúo de Compostela, “Movidas gaiegas”. Cibrán lembrou a axuda da Xunta recibida tamén por Sondarúa, e afeou a Hugo Guezeta que “o teu tema son os comentarios do noso instagram”, en referencia ás coincidencias entre os versos do pontareán e as críticas recibidas nos comentarios de “Infeliche”. Estas críticas están sendo en boa parte provintes de xente vencellada ao BNG, partido político no que tamén milita o de Sondarúa.
Tamén colleu o micrófono Chicho, que, de xeito case falado e casual, explicou a súa versión dos feitos que lles levaron a sacar o primeiro tema. Hugo Guezeta anunciara inicialmente nas súas historias de Instagram que non continuaría o beef e só sacaría un vídeo explicando a súa versión, pero logo borrou esta historia, polo que a liorta aínda podería prolongarse máis. En todo caso, moitas das temáticas xa tratadas nel trouxéronnos á mente algo do que vos falaremos axiña…
Este conflito resulta relativamente novedoso no panorama do hip hop en galego e no da música galega en xeral, por afectar a dúas bandas habituais nos festivais e nas salas de todo o país, con centos de miles de visitas nas súas cancións en plataformas dixitais, e polas cuestións políticas de fondo que salpicaron o beef. E, como tal, está tendo un gran seguemento tanto nas redes sociais como nos medios de comunicación, e está habendo posicionamentos implícitos ou explícitos por parte dunha gran porción da escena musical galega.
Porén, este non é, obviamente, nin de lonxe o primeiro conflito entre artistas galegos, nin o primeiro que chega ao interior do estudio de gravación. A maioría destas leas dase entre bambalinas ou con referencias máis ou menos veladas e máis ou menos breves en cancións aquí e acolá, case sempre sen mencións directas. Pero hoxe traémosvos o exemplo doutro diss track en toda regra que é histórico e pioneiro na música galega, e uns 35 anos anterior aos anteriormente mencionados: “La movida de Vigo”, de Desvirgheitors.

Eran os anos 80 en Vigo, e aínda que xa puideramos escoitar ramalazos de hardcore punk na música doutros grupos, como nos primeiros traballos de Siniestro Total, o estilo aínda estaba a nacer en Galicia, e Desvirgheitors foron un dos primeiros exemplos dos grupos de puro hardcore punk que axiña dominarían o subterráneo galego, con nomes como os de Fame Neghra, Dirty Barrighitas, Néboa, Juerga General, Prap’s, Eutanásia Activa ou The Feixons. Un dos temas do primeiro repertorio do grupo era este “La Movida de Vigo”, no que desataron un despiadado ataque sobre este movemento oitenteiro liderado musicalmente por Golpes Bajos, Aerolíneas Federales, Os Resentidos, Semen Up ou os propios Siniestro.
Este movemento compartía nome coa Movida Madrileña, e tamén boa parte das súas controversias. Tamén cabe mencionar como impulsor da Movida autóctona a Bibiano, cantautor que fora pioneiro do rock progresivo en Galicia a finais dos anos 70 e que logo tería un papel central neste movemento como promotor musical e propietario da sala Kremlin.
A principal gravación que se conserva de “La Movida de Vigo” pertence á primeira maqueta de Desvirgheitors, editada de xeito totalmente caseiro e distribuída pola propia banda a finais dos anos 80. É dificil aseverar a data exacta, xa que a maioría de fontes de internet sinalan o temperán ano de 1987, mentres outras apuntan a 1989, e ningunha aporta probas fotográficas inequívocas da aseveración. A calidade de son non é moi boa, incluso dentro do que adoitaban ser as casetes da época, xa que os temas desta maqueta foron gravados na sala de ensaio que empregaba a banda. E esta sala pertencia nada menos que aos propios Siniestro Total, sendo o membro do grupo Julián Hernández quen gravou a maqueta para o grupo! Fica pendente unha entrevista a tanto a Hernández como aos membros de Desvirgheitors para coñecer máis a fondo os detalles desta curiosa coincidencia.

En todo caso, Desvirgheitors foron coñecidos por non ter reparos en atacar a quen fose necesario en calquera circunstancia. Nunha ocasión, nun concerto organizado polo Concello de Vigo, o Rock’in’verno, o grupo fixo caso omiso aos consellos da concelleira de Cultura de non interpretar o seu tema “Soto HP”, unha versión de The Exploited na que atacaban ao entón alcalde de Vigo, Manuel Soto, daquelas no PSOE.
Outro curioso episodio, bastante similar pero con diferente final, ocorreu nun concerto na praza de Santa María de Lugo, onde se ubica a Catedral desta cidade. Segundo relata o xornal El Progreso do mércores 18 de maio de 1988, os membros de Desvirgheitors comezaron nada máis saír ao escenario a berrar frases como “me cago en Cristo, luego existo”, “aquí podemos estar tranquilos que no hay Dios, ni ahí tampoco”, “es igual porque soy ateo y me meo y me cago en Dios”, “vamos a comerle los cojones al hijo de puta del obispo” ou “vamos a asaltar la Catedral”.
O Concello de Lugo rematou cortando a electricidade para evitar o concerto, e a Policía identificou aos membros do grupo e deteu a un dos asistentes ao concerto por amosar os seus xenitais diante deles no escenario en sinal de protesta contra a intervención. Pódese apreciar audiovisualmente como a gastaba o grupo naqueles años neste anaco dun programa da TVG de 1989 no que participaron xunto á banda de thrash metal Xudef Klas, sendo entrevistadas polo omnipresente Gayoso (a partir do minuto 7:35): https://www.crtvg.es/cultural/especiais/a-polos-25-7
“La Movida de Vigo” é un tema de menos de 2 minutos con apenas un puñado de versos, pero nel realízanse ataques máis directos e certeros que en moitos beefs de rap. Xa dende o título, que menciona aos atacados de xeito directo, sabemos que o tema non vai andar con metáforas ou indirectas. Escoitándoo agora, destaca inmediantamente polos enormes paralelismos entre as acusacións realizadas por Desvirgheitors contra as figuras da Movida e as intercambiadas entre Boyanka Kostova e Sondarúa, coa diferencia de que este foi un beef moito máis asimétrico e unilateral, lanzado por unha banda pequena e non respondido polos grandes nomes aos que aludían.
As acusacións relativas ao consumo de drogas sempre foron un lugar común neste tipo de enfrontamentos, e podemos atopalas tanto nos temas de Hugo Guezeta e Boyanka como no de Desvirgheitors, que relata en referencia aos artistas da Movida como “gilipollas llenan sus bolsillos, se inundan de coca”. E a cuestión de achacar o éxito dun artista ao apoio institucional e empresarial e ao circulo hermético de artistas asentados ao que pertence tamén aparece nítidamente nesta canción: “hablan de movida en revistas de moda, y de lo que viene y va que solo ellos montan”. O retrouso do tema ofrece un bo resumo da mensaxe do grupo de hardcore punk nesta canción: “la Movida es falsa, la Movida es una mierda, la Movida es un truco, la Movida no interesa”.
Das bandas das que temos falado nesta reportaxe, Desvirgheitors, polo menos nesta altura, era a única verdadeiramente subterránea e allea ao circuito máis institucionalizado. E aínda así, podemos constatar como participaron de varias iniciativas apoiadas e organizadas polas institucións, como é normal. Así que a acusación de estar ao abeiro do institucional sempre ten moitas aristas, e máis no caso do conflito entre Boyanka e Sondarúa. É menos institucional e ten menos apoio da Xunta un festival alternativo e reivindicativo como os que proliferan no verán galego e que reciben moi cuantiosas axudas públicas, que unha actuación na TVG ou nos concertos no Xacobeo? É non institucional ter o apoio dun dos principais partidos presentes nas institucións de Galicia? Realmente, non.

Desvirgheitors non se corta de dar nomes, e como nos diss tracks de hip hop máis directos, apunta directamente: “todo esto es un montaje que Bibiano pagará”. A pesar da contundencia e memorabilidade do tema, este non sería incluído na seguinte maqueta do grupo, como si o foron outros dos primeiros temas do grupo. Esta seguinte maqueta, lanzada en 1991, lograría unha distribución moito maior que a anterior, vendéndose máis de 500 copias por todo o Estado e logrando varios recoñecementos, unha gran proeza para unha banda das características de Desvirgheitors na época.
Nunca chegaríamos poder desfrutar dunha versión gravada con máis medios e calidade, pois, para 1992, Desvirgheitors xa dera unha viraxe definitiva no seu estilo cara ao crossover thrash, mesturando o seu hardcore punk co metal en cancións xa máis longas e elaboradas. O único LP do grupo, gravado nesta última etapa e lanzado en 1993, apenas conserva ningunha das cancións do seu repertorio anterior, con excepcións como “Pintura rosa”, que actualiza o “Chámalle X” da maqueta de 1991. Porén, este LP é igualmente clave na historia da música galega, sendo un traballo pioneiro tamén por incluir un elevado número de temas en lingua galega. Xa vos temos falado máis en profundidade disto noutras reportaxes, como esta sobre as orixes do metal en galego: https://roucoson.com/2021/09/24/a-historia-do-metal-en-galego-capitulo-i-1987-1994/

Por outra banda, a movida de Vigo tamén se diluiría totalmente cos anos, aínda que deixaría unha fonda pegada na música viguesa e galega, e a súa influencia é debatida aínda a día de hoxe. Bandas como Os Resentidos seguen activas, mentres que a máis popular delas, Siniestro Total, aínda finalizou a súa andaina apenas o ano pasado (isto sen contar ao seu exmembro Miguel Costas, que si que segue en activo). Xa teñen corrido moitos ríos de tinta sobre toda esta escena, e hai ata documentais, así que non ten sentido estenderse moito máis con ela.
Esta claro que os beefs teñen unha grande importancia cultural e deixan unha fonda pegada na escena polo grande interese que a controversia esperta tanto entre a xente como entre os medios de comunicación. A música galega segue tendo un número relativamente escaso destes conflitos, polo que en certo modo é benvido que ocorran, como un síntoma máis da normalización da nosa música, especialmente se esta está feita en galego. En todo caso, non é algo novo e de agora, como a historia da canción de Desvirgheitors demostra.
A sombra de dúbida sobre se estes conflitos están previamente pactados polas partes para gañar notoriedade, como finalmente adoita pasar dado o interese que suscitan, sempre axexa. De feito, unha acusación recorrente que os artistas en litixio lanzan uns aos outros é a de que o contrario só o fai “para gañar visitas”, aínda que, no caso de Boyanka Kostova, a banda máis coñecida e que só publicou os temas en instagram a diferencia do de Sondarúa, isto parece pouco probable. E, tendo en conta a virulencia dos ataques e os audios de whatsapp que están saíndo á luz, parece cada vez menos probable que o beef de Boyanka e Sondarúa estivese pactado, a pesar da conveniencia que supuxo para a carreira en solitario de Hugo Guezeta. Dende logo, é evidente que o que non foi pactado foi o de Desvirgheitors, que non chegou ser respondido.
Outro aspecto positivo deste tipo de leas é que xeran moito debate, e iso adoita ser bo para a escena. Porén, esta claro que, na súa maioría, a xente que máis fala sobre o tema é moitas veces xente que xa tería unha opinión prefixada sobre o conflito antes incluso de escoitar os temas, sexa por gusto persoal ou por afinidade ideolóxica con algunha das partes en liza.
Só cabe agardar que, co paso do tempo, vexamos máis beefs espontáneos de todo tipo entre artistas galegas, xa que nunha escena normal e normalizada estes xurden de xeito inevitable. Ademais, a música é un dos mellores xeitos de dirimir conflitos que poderían coller, e moitas veces collen, outros cauces. Porque, por moito que se diga, a todos nos causan un grande interese e dan moito que falar, e iso, para a música galega e en galego, adoita ser bastante beneficioso.