Abondan os nomes de grandes grupos de folk en galego. Son tamén moreas as bandas de rock, de pop ou de punk que cantan ou cantaron nosa lingua. Tamén conta o galego con expoñentes da música urbana e con senlleiros cantautores. Porén, seguramente non moita xente saiba dicir un par de nomes de grupos de metal galegofalantes. E iso que habelos, hainos, aínda que a maior parte deles hai que ir buscalos aos estilos máis extremos e menos accesibles. Quizais fose porque pensaron que, xa que non lles ían facer moito caso máis alá da escena underground, e que o apoio por parte das institucións ía ser practicamente nulo, era mellor non esforzarse en ser comerciais e tocar directamente da forma máis agresiva e pesada posible. Isto último, en boa parte, é desgraciadamente certo: son relativamente descoñecidos e a falta de apoio institucional chega a ser aínda maior cá que sofren o resto de estilos musicais, onde a cousa non está para tirar foguetes. Porén, con cada vez máis bandas na teima de facer metal en galego, pode que por fin mude o asunto.
Nesta serie de reportaxes trataremos de poñer en orde unha historia que aínda apenas foi contada. E comezaremos polo principio. Na década dos 80, a época da música metal por excelencia, xa había quizais non moitos, pero si uns cantos grupos deste xénero en Galicia. Porén, estes grupos cantaban principalmente noutras linguas, tanto en castelán coma en inglés. Non empregaban o galego, ou polo menos non realizaron gravacións coñecidas na nosa lingua. A primeira excepción a esta regra veu da man dos lucenses Épsilon, un dos grupos máis veteranos de rock duro e heavy metal do país; a súa segunda maqueta, editada en 1987, incluíu temas coma “Noites de alcohol” ou “O líder”. A distribución limitada deste tipo de gravacións fai que sexan difíciles de atopar hoxe en día, e pode que moitas reliquias similares se perderan polo camiño. Por desgracia, a banda disolveuse ese ano antes de poder gravar un álbum propiamente dito, ocasión que non chegaría ata a súa reunión unha década despois.

Quen si tiveron esa oportunidade naqueles anos foron os coruñeses Xudef Klas (que ilustran a cabeceira desta reportaxe). Esta banda sacou xa unha canción en galego en 1989, como parte dunha gravación en directo dun concerto que deron ese ano na Guarda. Pola metade da actuación, o líder do grupo, Eduardo Canedo, dirixiuse aos asistentes dun xeito moi revelador: “Alguna vez habeis oído a un grupo como nosotros cantar en gallego?”, acompañado duns versos do “Galicia sitio distinto” do coñecido grupo de rock vigués Os Resentidos. E, a continuación, o grupo interpretou o seu tema “Galicia amaceirada”, unha canción sobre o atraso económico e social que sofre Galicia e que estaba, agora si, na súa lingua propia.
O concerto foi editado en casete baixo o título Lejos del Sabotaje, cun son obviamente determinado polos medios limitados cos que o grupo contaba nese momento. A banda nacera co obxectivo de tocar música que o resto de artistas da súa cidade non se atrevía a tocar, e de feito foron uns pioneiros no subxénero coñecido coma thrash metal en toda a península. Por esta razón, aínda que chegaron a ter unha considerable atención por parte de medios especializados, non chegaron despegar máis alá, igual que lle ocorreu á maioría das bandas das que vos falaremos nesta reportaxe. Conseguiron editar o LP, Eutanasia, en 1992, incluíndo unha versión de estudio de “Galicia amaceirada” que incluso puideron presentar no Luar. Porén, os cambios de formación foron constantes e o grupo remataría por disolverse a finais dos anos 90, logo de sacar un último disco, o CD Expiración, en 1998. A súa discografía nunca chegou a ser reeditada, pero circula amplamente por internet, onde a memoria do grupo segue intacta da man de decenas de fans acérrimos que seguen a escoitar e falar sobre o grupo.
Se foi unha banda coruñesa a que pode presumir de ter sacado a primeira canción de metal en galego nun LP, houbo nesa época un grupo de Vigo que non foi menos crucial. Desvirgheitors naceu en 1986 na cidade olívica como grupo de punk, un xénero que xa por aquela época contaba cunha potente escena en Galicia, e na súa demo en casete de 1991, que tivo unha considerable acollida en todo o Estado, incluíron un par de temas na nosa lingua. A pesar de que facían punk, era unha época de mestizaxe, e xa se adiviñaban algúns elementos de metal na súa música. Estes elementos comezaron a facerse moitísimo máis visibles a partir de 1992, ano en que participaron nun recopilatorio estatal contra o servicio militar titulado Deserción con dous temas; entre eles, un en galego, titulado “Unha de guerra”.
Finalmente, ao ano seguinte editaron o seu primeiro e único LP, títulado Desvirgheitors, no que a banda toca xa unha fusión plena entre o chamado hardcore punk e o thrash metal coñecida coma crossover thrash. Este disco foi fundamental non só por ser o primeiro de crossover en Galicia; tamén por incluír non un, se non practicamente a metade dos seus temas na nosa lingua. Cantar en galego seguía sendo algo reivindicativo en si mesmo, pero neste álbum xa non é un elemento de sorpresa nin ornamental, se non que se asenta con comodidade no repertorio dun grupo de metal. As letras de cancións coma “Criaturas”, “Pintura rosa”, “Acto de fe” ou a regravación de “Unha de guerra”, escritas principalmente polo vocalista Xavi Vilar ou pola baixista Pili Dios, expresaban unha fonda crítica social, tratando temas coma o medio ambiente, a desigualdade de xénero, a relixión ou a guerra, que estaban á altura do revolucionario da súa música. De novo, ao igual que no caso de Xudef Klas, o grupo acabaría esvaecendo co paso dos anos e os seus discos agardan aínda por unha reedición, pero a súa influencia é aínda moi lembrada na escena viguesa e galega.

Falando de mestura entre hardcore punk e thrash metal con temas en galego, temos que falar doutro grupo clave destes anos, de novo procedente da Coruña: Mol. Non é raro que este sexa o perfil de boa parte das bandas pioneiras do metal en galego, xa que o punk sempre levou vantaxe no que a empregar a lingua se referiu, e o thrash fora en boa parte o estilo de moda no undergound dos anos oitenta. No caso concreto de Mol, que se inclinaba máis para o lado punk da balanza, a banda editou varias casetes e un sinxelo en vinilo entre 1992 e 1996. A pesar de que non chegaron sacar ningún álbum propiamente dito, a calidade de son destas maquetas é bastante boa en comparación a outras que se editaban na mesma época. A maioría das súas cancións estaban en castelán, pero tiñan temas en galego coma “Mal can che fodera”, da casete de 1992 Niños Estúpidos, ou a brevísima pero intensa “Prefiro” do sinxelo Dos Mundos (1995) e a casete en directo Ao Vivo (1996).
A diferencia das outras bandas, Mol seguiu en activo, aínda que erraticamente, máis alá da fin dos anos 90, e mesmo sacaron hai apenas tres anos e pico a gravación completa dun concerto ofrecido en 2009 na Casa das Atochas, un mítico e hoxe extinto Centro Social Autoxestionado da cidade herculina. Ademais, teñen dispoñible toda a súa discografía dixitalizada e nalgúns casos remasterizada na web, algo moi de agradecer para os fans que queiran rememorar unha banda que foi peza clave do punk e o metal de Galicia. De feito, que estas bandas editaran primordialmente en casete quizais contribúe a un certo encanto retro, que retrotrae a unha época na que gravar cintas era o xeito máis doado de compartir música. Nas portadas non adoitaba faltar un hoxe arcaico “non pagues máis de 400 pesetas”; cousas que poden parecer obsoletas, ao final son signos da pervivencia da música destas bandas co paso do tempo.
Aínda queda un grupo destes anos do que non se pode non falar no que a metal en galego se refire. Porén, a diferencia dos anteriores, este non provén de ningunha das principais cidades galegas, se non da Mariña de Lugo. É Mala Oxtia, unha banda que, coma Desvirgheitors e Mol, practicaba unha mestura entre metal e hardcore, que neste caso se inclina máis cara o estilo que aquí nos ocupa. Só deixaron dúas casetes: Morro de Noxo!!, de 1993, e Mala Oxtia, do 1994, disolvéndose o ano seguinte.
As dúas gravacións do grupo teñen unha gran importancia non só pola súa calidade, se non por incluír, igual que o LP de Desvirgheitors, preto da metade dos seus temas en galego. O seu primeiro lanzamento comeza cunha demoledora canción de apertura, “Primeira” que destaca polas súas partes a elevada velocidade incluso para os estándares do estilo. Tamén en galego está o tema que da nome ao disco, “Morro de Noxo”. Despois, o grupo sorprende con “Maruxiña”, unha versión metal da célebre canción popular que todos temos cantado de festa: “Éche un andar miudiño, miudiño, miudiño…”. E logo, o disco remata coa caótica “Estarabouzo”, palabra que o propio grupo define coma “algo así como ruído, barullo, alboroto”. Os memorables riffs de guitarra e as letras cargadas de carraxe e crítica social desta gravación demostran que non facía falla ser de cidade para facer metal de primeira calidade e cun son máis que aceptable, a pesar do formato. A casete homónima que lanzaron ao ano seguinte continúa a liña desta, con temazos en lingua galega coma “O verdadeiro animal”, “Revolta”, “Tarde, mal e arrastro” ou “Respeito”. Tamén en 1994 sacou as súas primeiras gravacións unha banda clave do metal en galego dos anos seguintes: os composteláns Túzaros. Pero esta xa é unha historia para o seguinte capítulo…