Dioivo homenaxea a Darío Xohán Cabana co videoclip «Que importa que nos craven as cadeas»

O dúo vigués de metal Dioivo vén de lanzar o seu novo videoclip «Que importa que nos craven as cadeas», no que poñen música ao poema homónimo de Darío Xohán Cabana. Precisamente, con este vídeo musical, o grupo busca render homenaxe ao escritor nado en Roás, falecido a finais de 2021. O vídeo, a cargo de Emilia Vidal-Hallett, mergulla ao espectador na letra deste célebre poema incluído na obra de 1970 Verbas a un Irmao. Lémbrase a traxectoria tanto artística como política do autor, que lanzou este libro desafiando á censura, durante a ditadura de Franco.

O poema é especialmente coñecido polo xa mítico verso «que importa que nos maten se deixamos semente de mencer», moitas veces reproducido de xeito lixeiramente alterado como «semente de vencer». Esta frase está especialmente asociada á memoria do galego Moncho Reboiras, asasinado pola policía franquista en 1975, poucos anos despois da publicación orixinal do poema. As conmemoracións da vida do militante antifascista, símbolo de boa parte da esquerda galeguista e compañeiro de Darío Xohán Cabana na UPG da época, adoitan incluír dun xeito ou doutro este verso ou parte del.

A canción de Dioivo é a que abre o último traballo do dúo, o álbum Cara os Ceios Incrementes. Este foi editado en xuño deste ano polo selo discográfico grego Sleaszy Rider Records, fundado en 1999 e especializado en música metal. Todo o disco foi gravado en 2022 no estudio DS Audio de Vigo por Dany Soengas, músico coñecido por facer parte de bandas como Atreides, Lardelúa ou Skydancer.

Ademais deste «Que importa que nos craven as cadeas», Cara os Ceios Incrementes inclúe outras adaptacións de obras da literatura galega. «Hai sede na nova Galicia», o terceiro tema do traballo, adapta ao metal o poema homónimo de Florencio Delgado Gurriarán, e foi lanzado como adianto en maio de 2022 con ocasión do Día das Letras Galegas, que foi adicado nese ano ao autor valdeorrés. Ademais, Cara os Ceios Incrementes inclúe, como tema extra «Retorno a Tagen Ata», a canción na que Dioivo colaborou con Xosé Luís Méndez Ferrín para musicalizar a súa novela curta do mesmo nome. Este tema fora xa lanzado en 2021, con ocasión do 50 aniversario desta obra. Méndez Ferrín, bo amigo persoal de Darío Xohán Cabana durante toda a súa vida, participou no tema dos vigueses narrando diferentes pasaxes tirados da novela.

Tamén como tema extra, o álbum de Dioivo inclúe a súa versión de «Unha de guerra», do mítico grupo vigués de hardcore punk dos anos 90 Desvirgheitors. Esta foi incluída na recompilación tributo a bandas galegas xa desaparecidas Ferro e Pedra: Homenaxe ós Precursores, lanzada dixitalmente no Día das Letras Galegas 2023 e na que Dioivo participou xunto a outras bandas da escena actual. No tema colaboran con Pili Dios, baixista, compositora e fundadora de Desvirgheitors, que se encargou precisamente do baixo na gravación.

Dioivo ten previsto anunciar axiña as primeiras datas de presentación desta canción e do novo traballo en xeral, coas que pretender percorrer Galicia e parte do resto do Estado. Ademais, o grupo ten anunciado estar preparando «novas sorpresas» que axiña poderán ser desveladas aos seus seguidores e seguidoras.