C. Tangana reúne a Keltoi, Lagharteiras, Xisco Feijoó ou Lilaina en «Oliveira dos cen anos”

Poucas cancións deron ultimamente tanto de que falar en Galicia como «Oliveira dos cen anos», o himno oficial do centenario do Celta de Vigo. Cun músico de fama internacional como é C. Tangana detrás, non podía ser doutro xeito. Pero o madrileño, de ascendencia viguesa e seguidor do Celta dende sempre, comparte mérito musical cunha chea de artistas galegos. Unha das colaboracións máis destacadas do tema é precisamente a de Simeón Cantó Gavira, Sime; o vocalista da banda punk viguesa Keltoi, especialmente célebre polos seus temas adicados ao que é o seu equipo predilecto.

«Oliveira dos cen anos» interpola frases das dúas míticas cancións de Keltoi sobre o Celta, «1923», do álbum A Nosa Cinza (2010), e «Unhas cores un sentimento», do álbum Sons da Rúa (2016). Por esta razón, a presencia de Sime era obrigada no tema. Estes auténticos himnos da afección supoñen o vencello perfecto entre os clásicos xa asentados de Balaídos que se cantan cada semana e a nova proposta de C. Tangana, que non deixou indiferente a ningún vigués nin a ningún galego. Porque Sime de Keltoi non foi nin moito menos o único artista convidado do tema, que contou con moitos dos mellores expoñentes da escena da música tradicional e folk do país, e moito máis.

O tema comeza coa viguesa Coral Casablanca, cunha parte inicial que ben podería ser un himno en si mesma. Porén, ao minuto e pico comeza a seguinte parte, iniciada co berro de «Sempre Celta!» do «1923» de Keltoi, que introduce xa ás cantareiras e ás pandereteiras Lagharteiras e Lilaina. Elas poñen o fondo sobre o que sonan as voces de Sime e máis de Tropas de Breogán, peña celtista e antifascista que aparece tamén de xeito notable no videoclip. Este foi, por certo, dirixido polo propio C Tangana, e rodado, como non, na Ría de Vigo.

C. Tangana e Sime de Keltoi, xuntos no acto de presentación do himno

Lagharteiras e Lilaina toman definitivamente o protagonismo na seguinte estrofa, a que da nome ao tema e onde a influencia da música tradicional galega xa é absoluta. Porque o himno conta con grandes figuras da nosa música tradicional non só entre os intérpretes, se non tamén entre os compositores do tema, entre os que figuran pesos pesados como Quico Comesaña, membro fundador de Berrogüetto, Xisco Feijóo, ou Xosé Lois Romero, coñecido especialmente polo seu traballo xunto a Aliboria. E é que a creación de «Oliveira dos cen anos» seguiu un proceso similar ao de boa parte da música tradicional galega feita hoxe en día, pois partiu da inspiración de cantigas tradicionais recollidas nas aldeas.

O propio Celta explica así a xénese do tema: «O himno, gravado en Vigo durante a segunda metade deste mes de marzo, nace despois dunha fase de investigación previa xunto a importantes referentes da cultura galega. As conversacións co escritor Pedro Feijoo e músicos como Rodrigo Romaní, un dos fundadores de Milladoiro, ou Alfredo Dourado, membro doutros clásicos do folk galego como A Roda, resultaron vitais á hora de iniciar un proceso que culminaría en Vigo, ao empaparse da vibrante escena folk local guiado polo activista cultural Xisco Feijoo e o equipo docente da ETRAD, a escola municipal de música tradicional da cidade. Unha apaixonante viaxe en busca da verdadeira esencia, que resultará na incorporación de recursos rítmicos e elementos do folclore galego, con arranxos  de percusión de Xosé Lois Romero e a achega das pandeireteiras Lilaina, e textos saídos de vellas cantigas tradicionais».

A canción remata cunha repetición dunha das estrofas da parte coral inicial, pero esta vez en voz dos siareiros, o cal xa deixa adiviñar o enorme potencial do tema para ser convertido en cánticos a pleno pulmón en cada partido en Balaídos. Polo momento, dende que saíu o tema xa se puido escoitar en varias discotecas de Vigo, sendo coreado euforicamente polos asistentes, así que as previsións son, dende logo, prometedoras.

No relativo á produción da canción, cabe destacar que o propio C. Tangana figura como produtor principal. Xunto a el, non aparecen esta vez artistas galegos, senón colaboradores habituais do cantante, como son Alizzz, Harto Rodríguez, e pablopablo, o fillo do cantautor uruguaio Jorge Drexler. E no relativo á gravación, mestura e masterización do tema, resulta destacable que ditos labores estivesen repartidos entre dous estudios, un situado en Vigo e outro na Coruña: Planta Sónica e DisQueSi, respectivante. Isto non fai máis que confirmar a vontade galega do himno, que con toda seguridade se converterá nunha das cancións en galego con máis reproducións en Youtube e demais plataformas dixitais de música ata o momento.

O Celta explica deste xeito ás orixes desta peculiar colaboración: «Todo comezou cun simple tweet. Hai dous anos, C. Tangana ofrecíase publicamente en redes sociais ao RC Celta para compoñer o himno do seu centenario.  Pero o que moitos pensaron que quedaría en simple anécdota, terminou por converterse en toda unha realidade. Dous anos máis tarde, Pucho cumpre a súa promesa e preséntanos agora “Oliveira Dos Cen Anos”,  un novo himno oficial co que o club galego celebra neste 2023 os seus 100 anos ao grande. O artista recibiu desde o principio o respaldo absoluto do club para traballar con total liberdade e o resultado é simplemente espectacular».

A Ría de Vigo ao comezo do videoclip

Fronte á polémica existente co feito de que C. Tangana fose o encargado do himno, centrándose as súas críticas no feito de non ser galego e no estilo de música que fai e polo que é inmensamente popular, o equipo e os artistas involucrados responderon cun tema na nosa lingua e cheo de tradición celtista e galega. Dende o Celta resumen así as credenciais de Antón Álvarez para realizar o himno: «No persoal e musical, a vinculación de C. Tangana e a cidade de Vigo é calquera cousa menos casual. De pai vigués e celtista de berce, a súa estreita relación artística coa escena hip hop e urbana local foi influíndo no devir da súa música desde os seus inicios.  Poida que por iso xurdise de maneira tan natural esta persoal carta de amor ao Club, a Vigo e por extensión a toda Galicia».

No comunicado de prensa do clube indícase tamén que «Oliveira dos cen anos» é «Unha peza da que Pucho desaparece deliberadamente como intérprete, para situarse a cambio á fronte dos labores tanto de composición e produción, apoiado por nomes como Alizzz, pablopablo e Harto Rodríguez, como da parte visual, ao dirixir o espectacular videoclip producido por Little Spain.  Así, e sen necesidade de entoar nin unha soa nota, Pucho convértese en autor total dunha obra que se ve marcada máis que nunca pola súa visión e presenza». De todos xeitos, moita xente está a poñer en dúbida a afirmación de que o artista antes coñecido como Crema non entoase ningunha nota na gravación, xa que a súa voz parece poder escoitarse, máis ou menos de fondo, nalgunha ocasión moi concreta especialmente ao principio do tema.

Se hai algo en «Oliveira dos cen anos» que non causou ningunha polémica, foi o seu espectacular videoclip. «Detrás das cámaras, Pucho redobra a aposta. A súa visión envólvenos nunha incríble colección de postais que nos traslada desde o aire á espectacular paisaxe da ría de Vigo, coa illa de San Simón e o icónico Puente de Rande á fronte. Cunha posta en escena á altura dunha gran produción cinematográfica, a peza pon en imaxes ese encontro entre tradición e modernidade que expón a proposta, sen perder de vista a especial relevancia da muller como eixo central da sociedade galega e a irresistible enerxía da afección celeste». Dado que segundo se anunciou no seu momento, a Ponte de Rande non puido ser pechada para a gravación do videoclip como se pretendía, ficamos pendentes a que saia un making of no que vexamos como conseguiron que esta aparecese cheo ata arriba de siareiros no vídeo.

O Celta conclúe o seu comunicado de prensa afirmando o seguinte: «Co mundo do fútbol inmerso nun cambio de paradigma que parece xa irreversible, o RC Celta chega a este importante aniversario demostrando que soubo adaptarse aos novos tempos. E, conscientes da importancia do momento, desta unión entre un club centenario e un dos artistas máis importantes da música española dos nosos días xurdiu unha das colaboracións máis ambiciosas xamais vistas na historia do fútbol» estatal.