Así encheron Autopía e The Mirror a Sala Master de Vigo

Con fotos de David Figueroa.

Foi a primeira vez que tocaron en Vigo. Porén, tendo en conta que falamos dunha banda radicada en Ponferrada, a capital do Bierzo e ubicada na fronteira coa parte galegofalante desta comarca, e que contou neste concerto co destacado baterista vigués Suso Valcárcel ás baquetas, podemos dicir con seguridade que Autopía ten credenciais suficientes para ser considerada unha banda galega máis. A acollida que recibiron, dende logo, foi como a dunha banda querida que toca en casa, xa que o concerto encabezado pola banda encheu a mítica Sala Master de Vigo, ficando preto do ansiado sold out nun día en que contaban con competencia de infinidade de concertos na zona. Máis, incluso, do que é xa de por si habitual en Vigo. Entre eles, nada máis e nada menos que o dos internacionalmente lendarios Jethro Tull no Auditorio Mar de Vigo.

De feito, xa lle gustaría a meirande parte de bandas viguesas meter tanta xente na Sala Master como fixo Autopía neste concerto. Porén, como xa dixemos, isto ten truco, pois detrás da batería estivo un músico vigués con máis de dúas décadas de traxectoria, Suso Valcárcel. Hai que ter en conta, ademais, que Suso levaba un bo tempo centrado noutras cousas dentro da música, como en dar clases ou en exercer como músico de sesión (tedes máis info sobre todos os proxectos de Suso na entrevista que lle fixemos hai uns meses e que tedes na nosa web), e levaba xa un bo tempo sen tocar en Vigo. Así que o que tecnicamente era unha estrea, a de Autopía tocando por primeira vez en Vigo, sentíase máis como un reencontro, unha reunión, unha ansiada volta aos escenarios.

Tania Rodríguez e Alejandro Vasconcellos, membros de The Mirror

Pero antes de falar máis a fondo do concerto que Autopía e Suso deron na Master, resulta obrigado falar do gran concerto introductorio que deu antes The Mirror para abrir boca no evento. Esta banda toca normalmente como quinteto, practicando un rock e un R&B, nas súas propias palabras, “revivalistas sententeros”.  Porén, nesta ocasión deron un concerto como dúo acústico, contando unicamente coa cantante e cun guitarrista, que ocasionalmente facían tamén labores de percusión e de coros respectivamente.

A pesar de que xusto viñan de dar outro cooncerto esa mesma tarde, The Mirror deuno todo, derrochando potencia dentro dos límites que permite un acústico. O dúo interpretou unha mestura de temas propios, que podemos escoitar no seu álbum homónimo de 2020, e clásicos do seu estilo, tamto en inglés como en castelán. Déronno todo, amosando unha gran química no escenario e sorprendendo especialmente coas suas impecables armonías vocais. Mantiveron en todo momento unha grande interacción co público, e despedíronse coa súa versión de “Proud Mary” ao mais puro estilo de Tina Turner, que no seu momento tonara a canción de Creedence Clearwater Revival.

The Mirror durante o seu concerto acústico en formato reducido

Logo do espectáculo acústico de The Mirror, era xa a quenda de Autopía. A fanfarria introductoria de Also Sprach Zarathustra de Richard Strauss, famosa polo seu uso en 2001: Unha odisea do espazo, foi a encargada, xunto aos entusiastas aplausos dos asistentes, de acompañar a subida dos músicos ao escenario e de dar comezo ao seu concerto. A esta introdución seguiulle un dos últimos sinxelos da banda, a nostálxica “Los putos amos”.

Autopía inscríbese dentro da corrente estatal do rock urbano, un termo paraugas que se ten empregado para aglutinar a bandas de diferentes estilos e épocas dende Leño, Los Suaves ou Reincidentes ata Extremoduro, Platero y tu e La Fuga. En particular, os de Ponferrada mesturan cancións próximas ao pop rock con notables influencias do rock duro e do blues. Alén da voz, os grandes protagonistas dos seus temas son os riffs e os solos de guitarra, cos que os dous guitarristas da banda ían intercambiándose o protagonismo ao longo do concerto.

O vocalista e guitarrista de Autopía, Miguel Peleteiro

A pesar de ter sido, como dicimos, o primeiro concerto da banda na cidade, gran parte dos asistentes sabíanse as letras dos seus pegadizos e asequibles temas á perfección. Todos os músicos da banda tiveron os seus lomentos para brillar e foron profusamente vitoreados, en particular, como non, o local Suso, que leva un tempo substituíndo en directo ao baterista habitual da banda Iván Arias. De feito, a audiencia pediu insistentemente a todos os músicos que interpretasen solos. Isto chegou converterse nunha broma recorrente ao longo de todo o concerto, no que se chegaron a pedir solos ao técnico de son e ao técnico de luces. A xente estaba moi entrega, especialmente nas primeiras filas, onde non pararon de saltar e bailar durante toda a velada.

O tamén guitarrista da banda, Xoán Otero

Un dos multiples detalles que distinguiron o concerto dun recital habitual de banda de rock estatal foi a presencia aquí e acolá de partes rápidas e cañeiras que sacaron o lado máis metaleiro da banda e dos asistentes, traendo máis á mente os estilos que xa tiñamos visto a Suso tocar en bandas como The Mirage ou Nocheni. Entre as cancións máis destacadas que sonaron ao longo da noite e que máis fixeron vibrar ao público poderíamos destacar “Penélope y la lluvia”, “El individuo”, “Moscas” ou a rápida “Wendy”.

Non faltaron tampouco anacos de variadas versións de rock e metal de todo o tipo, xa que para o tramo final do concerto o grupo interpretou un medley de “Riff raff” de AC/DC e “En blanco y negro” de Barricada. E, xa como ultimísima canción, a elexida foi, como non, “Una noche para recordar”. Un tema a toda velocidade que lles permitiu interpolar as melodías de guitarra de “Aces High” de Iron Maiden, para así poñerlle o broche de ouro a unha verdadeira noite para a lembranza.

Diego Amigo, baixista da banda

Ao longo de toda a noite, o son na Sala Master acompañou ás interpretacións dos músicos sendo tamén impecable. O público despediu a Autopía e a Suso cun estruendoso aplauso, totalmente satisfeito de ter escollido este concerto entre a morea de opcións que se nos presentaron aquel día 27 de maio na zona de Vigo. Agardamos volver ver axiña a Autopía por Vigo, e tamén ver de novo a Suso Valcárcel sobre os escenarios con estes ou nalgún outro proxecto. E, por suposto, tamén a The Mirror, tanto en acústico como ao completo.

Non esquezades botarlle unha ollada á entrevista que lle fixemos a Suso aquí: https://roucoson.com/2023/03/20/suso-valcarcel-aprendes-unha-pasada-cando-estas-aberto-a-respectar-a-vision-da-banda-que-te-contrata/