Con fotos de Emi Ramírez.
É, sen dúbida, un dos baterías de rock e metal máis destacados de Vigo e de Galicia. Suso Valcárcel ten pasado por bandas como The Mirage, Nocheni e Supernatural, e leva máis de 20 anos tocando. Agora mesmo é, entre outras cousas, batería de sesión, profesor na súa escola Dream and Drum, e está inmerso no seu proxecto persoal Dramsanyú. Con el crea cancións xunto a outras destacadas artistas galegas, que se poden adquirir para escoitalas previo pago, e cuxos beneficios son integramente adicados a iniciativas benéficas. Ademais, axiña volverá subir aos escenarios da súa cidade natal, o 27 de maio na sala Master, xunto a unha banda aínda por desvelar, e xa ten preto dun terzo das 300 entradas totais vendidas para este evento. Pero, mellor, deixemos que el mesmo vos conte todo isto.

Moi boas, Suso! O primeiro que quero facer é parabenizarte polo exitazo da primeira canción de Dramsanyú, coa que recadaches e entregaches xa 1.400€ para o ONG Acción pola Música. Cando haberá nova canción? Algo que nos poidas contar?
Boas, encantadísimo e agradecido a ti, Jacobo, e á xentiña que formades Rouco Son. Primeiramente quería darvos as grazas por esta revista, por este espazo que creáchedes para dar cabida a todos os que nos adicamos a isto da música na nosa terra, e tamén por todas as loitas que levades a cabo asociadas a esta iniciativa. Moitísimas gracias tamén polas felicitacións respecto ó humilde exitazo da primeira canción do proxecto Dramsanyú, que efectivamente acadou xa 1400€ destinados á Fundación Acción por la Música e máis en concreto á orquestra Son das Flores, que está aquí en Vigo. Eu nun inicio era feliz con chegar a 1000€ , así que… Máis gañamos que poñéndoa no Spotify e en menos tempo. Todo segundo estaba nos plans (risas).
Como nova canción, teño xa unha idea enmaquetada, e practicamente rematada, agardando ao momento para que os compañeiros que gravarán nesta ocasión poidan pasarse por Dream and Drum a deixar a súa impronta e gravar as súas pistas. Por motivos de axendas sempre van máis lentos este tipo de traballos, evidentemente, pero aí están, sempre en movemento. Esta canción será unha canción dabondo diferente da anterior, posto que a cantante é a miña sobriña, Xiana. Miña sobriña é moi nova aínda, e está empezando nisto da música, así que a canción está pensada para ela e a súa voz, que é un pouquiño máis doce e non tan experimentada e enérxica aínda coma a de Thais, quen gravou a primeira canción do proxecto, “Mi ser, tu ser”.
É unha canción un pouco máis tranquila, máis adaptada ás tesituras da miña sobriña, polo menos ó pouco que coñecemos aínda das posibilidades da súa voz, que non é demasiado e está por explorar. Eu penso que está a quedar moi bonita, a verdade. Quería que a súa primeira canción orixinal saíse á luz ao carón do seu tío para que saiba que sempre terá en min un apoio, e tratar de que aprecie dende os seus inicios o proceso creativo, que eu penso é o máis bonito que podemos levar a cabo no noso paso polo mundo da música. Agardo que vos guste tamén, e que sexa algo diferente que poida achegarlle á xente unha nova cantante que posiblemente formará parte tamén da música do futuro desta terra nosa. Ogallá así sexa.
O diñeiro recadado servirá, como xa dixeches, para financiar a actividade da orquestra Son das Flores, que desenvolve unha labor fermosa para a cativada de Teis. Tiveches claro dende o principio que o que recadases ía ser para eles, ou barallaches tamén outras iniciativas?
Efectivamente. Todos os cartos que se recadaron ata o momento foron destinados á orquestra Son das Flores. Nun inicio eu andaba na procura de algunha asociación, fundación, ou algunha organización que se encargara de traballar con nenos e algunha actividade relacionada coa música. Cando estaba na procura non vin que houbera moito onde escoller nese sentido en España, máis apareceu no medio Acción por la Música e o seu fermoso proxecto no que traballan man a man con nenos en situacións complicadas, en risco de exclusión social, con falta de medios nas familias para pagar clases de música ou instrumentos e, en definitiva, nenos cunhas vidas non tan cómodas coma as nosas.
Ademais de formación musical gratuíta, apórtanlles tamén un entorno seguro e feliz para eles varias horas á semana, no que os nenos se sinten protagonistas de algo súper bonito, comparten, aprenden idiomas… Foi unha decisión magnífica, a verdade, e á xente lle encantou participar. Moitas gracias dende aquí a todos os que confiaron en min para facer posible esta aventura, dende os músicos amigos ata a xente que se fixo coa canción, que soamente eles escoitaron, por certo, e que non está presente en ningunha plataforma dixital. Despois, cando comecei a tirar do fío, atopei a orquestra Son das Flores, que estaba apadriñada por Acción por la Música. De feito un dos directores de orquestra de Acción por la Música estivo estes días por Vigo traballando cos nenos da orquestra. Cando me din conta de que a orquestra de Vigo, apadriñada pola fundación, estaba xusto a dous minutos da miña casa, no CEIP Vicente Risco, souben perfectamente que a decisión non puidera ter sido mellor. Qué mellor que poder poñer un granciño de area entre todos para botar unha man no mesmo barrio no que un naceu. Foi marabilloso coñecelos e coñecer ó equipo que traballa con eles no colexio. Un proxecto precioso.

Neste “Mi ser, tu ser” acompáñante varios musicazos e profesionais, cos que xa tes coincidido no pasado. Ademais da incorporación de Xiana, haberá máis cambios na formación de Dramsanyú para a seguinte canción?
Por suposto, sempre me gusta agradecer nos espazos que me dades nestas entrevistas a toda a xente que me acompañou nese camiño ata a saída da primeira canción. Thais Suki, Dani Lemos, Raúl Ben e Héktor Díaz-Valdés, compañeiros e colegas dende hai moitos anos, que colaboramos xa antes noutros proxectos, efectivamente, e que me botaron un cable enorme a darlle o pulido final á composición que eu xa tiña perfilada, digamos. Foi unha marabilla voltar traballar con eles facendo música orixinal, e seguramente non será a última ocasión.
De tódolos xeitos, Dramsanyú naceu improvisadamente e é unha especie de proxecto vivo que se move é que non sei cara onde irá no futuro, pero a idea inicial é que sexa un proxecto benéfico, no que colabore xente diversa en cada canción. A segunda peza non está gravada polos mesmos membros, e estou seguro de que algún repetirá de vez en cando se lle apetece ou tamén se considero que pode encaixar no contexto da propia canción tal como a teño na cabeza. Non sei a futuro como evolucionará a cousa, aínda que tamén me gustaría buscar o xeito de que, co tempo, isto se convertise nun proxecto de directo co que poder sacar cartos para nós os músicos tamén, que ben se merecen, mantendo por suposto a parte benéfica da venda das cancións. Como dicía antes, non o teño nada claro e isto se move ó ritmo que a miña cabeza vai cambiando de idea dun xeito natural. Non sei a onde iremos parar, nin se o estamos facendo ben ou mal, ou se se pode facer mellor, pero sei que polo menos estamos facendo algo e o proceso está a ser súper agradable, e tamén sen as tensións propias das bandas que conviven nos locais de ensaio a diario. É algo súper relaxante compoñer sen presión ou agobios de tempos.
Hai pouco anunciaches, non con pouco misterio, que axiña poderemos volver verte sobre un escenario en Vigo despois de tanto tempo… Algunha pistiña que nos poidas dar?
Pois sí! Por fin! Despois de catro anos case dende que non me subo a un escenario de Vigo cunha banda tocando repertorio de temas orixinais, volto ó meu hábitat natural o 27 de maio. Subireime ó escenario da sala Masterclub, que sempre me tratou de marabilla, como baterista contratado dunha banda que me encanta e que creo que paga moitísimo a pena ver en directo e que soan súper profesionais xa no propio local de ensaio. De momento non vou desvelar o nome da banda ata dentro dun tempo, segundo vaian as reservas de entradas, que xa son 83 neste intre no que estou a escribir esta resposta. Quedan case tres meses para o concerto con algo máis do 25% do aforo vendido. Estou seguro de que vai saír xenial e estou desexando que vexades á banda, que os coñezades, e ter tamén o feedback da xente cando remate o concerto.
De momento imos reservando entradas e a xente está portándose, que da gusto reservando sen saber nin a quen van ver máis que a min cunha banda que non coñecen… É unha marabilla poder gozar da confianza dos teus no teu propio criterio. Flipo. Ademais os que merquen a entrada en marzo terán dereito a un sorteo que pronto poremos a funcionar coa cortesía dos meus amigos do Mesón Ben Feito (sito fronte ao Mercado de Teis). Tamén darei o dereito a “unha riña gratuíta” se non disfrutan do concerto, cousa que me parecerá imposible (risas). Fora coñas, estou seguro de que pasaremos unha noite marabillosa xuntos, e cantos máis sexamos mellor.

Ultimamente, aínda que non tes un grupo propio como tal, non tes parado de tocar e gravar con bandas como Autopía, Superblack… Que tal é a túa experiencia como músico de sesión? Botas de menos ter unha banda, ou non o fas en absoluto?
A experiencia de ofrecer os meus servicios como baterista de sesión é, para min, unha das mellores decisións que teño tomado nos últimos tempos. É algo que me divirte, que me fai aprender mogollón tanto en asuntos técnicos de gravación, coma de mellorar tocando, e aínda por riba coa aprendizaxe e posibilidades que conleva o enviar as miñas pistas gravadas de batería a algúns enormes produtores para que as misturen. Por outra banda, é unha ensinanza a rebaixar o propio ego dun músico, porque te fai poñerte ás ordes doutros artistas, que dan ordes ou suxerimentos diferentes á nosa visión, e xeralmente se acadan mellores resultados que cando un se empeña en tocar o que lle apetece. É unha pasada o que se aprende cando estás aberto a respectar a visión do músico ou banda que te contrata, tanto sobre o propio proceso de composición coma sobre o xeito de tocar que un mesmo ten. A min faime cambiar o chip constantemente sobre como vexo eu o que toco habitualmente cando o comparo co que toquei a petición do dono da obra. Na comparación adoita saír gañando a visión externa, porque teñen unha moito mellor visión global da canción, e non só a perspectiva dende a batería coma pode ter o instrumentista, neste caso eu. Ademais de todo isto, evidentemente, a min me aporta tamén un empurronciño económico facendo unha das cousas que máis me gusta facer na vida, que é gravar. Encántanme os directos, máis creo que gravar é a segunda das miñas debilidades moi de preto e a que máis fago ultimamente das dúas. Así que contentísimo nese sentido.
En resposta á segunda cuestión, por suposto que boto en falta ter una banda, pero máis que o tema de montar unha banda, que ó final eu estou coma se estivese en varios proxectos á vez todo o ano, boto en falta os intres de ensaios semanais e de compartir o tempo con xente que queres ou aprecias. Non hai sensación online nin virtual que poida substituír nunca unha tarde de cañas e de facer música orixinal con boa xente. Todo irá voltando ó seu camiño, que aínda queda moito por facer e moitos soños que cumprir.
Ademais, tamén repetirás axiña como un dos mil membros de Rockin’ 1000, co que xa tes tocado en estadios cheos noutras ocasións. Que nos podes contar deste proxecto e a túa implicación nel para quen non o coñeza?
Este proxecto é, como lle digo a moitos compañeiros que me preguntan, unha experiencia que recomendo vivir a calqueira que colla un instrumento nas mans. Se podes, tes tempo, e podes permitircho economicamente, faino. Cámbiache a vida e o xeito de vela, traerache mil amizades novas de medio mundo, tocarás para tanta xente coma na túa vida probablemente farás, e vivirás o que é a felicidade multiplicada por mil durante 4 dias. Rockin’1000 é un proxecto no que os músicos son voluntarios, e parte da organización tamén, de aí que comentase o dos temas económicos. O proxecto naceu dunha xente que quería levar aos Foo Fighters a tocar as súa cidade en Italia, Cesena. Ocorréuselles que poderían xuntar a mil persoas tocando unha canción da banda e filmala nun vídeo para enviarlla a Dave Grohl e compaña. Conseguiron unha resposta por parte de Dave Grohl, e tamén que a banda pasase tocar pola cidade de Cesena.
De aí en diante, o proxecto non deixou de medrar e medrar, e a día de hoxe xa teñen programado varios concertos de estadio en cidades de varios países do mundo, como Sao Paulo, París, Milán, Frankfurt, ou Madrid, onde xa teñen próxima data o 3 de xuño no estadio Civitas Metropolitano, onde voltarei tocar con eles despois de ter participado en Milán (aeroporto de Milano-Linate), París (Stade de France), Os Alpes Italianos (Val Veny en Cormayeur) e Florencia (Estadio Artemio Franchi). Non obstante, ademais de tocar, creo que a experiencia é máis grande aínda polas sinerxías que alí se xeneran entre músicos de todo o mundo. Os egos quedan atrás e todos somos igual de importantes alí. É fermoso. Unha experiencia inesquecible que, repito, recomendo a calqueira que colla un instrumento nas mans.

Ademais de todo isto, tes unha traxectoria impresionante en bandas galegas ao longo dos últimos 25 anos. Nocheni, The Mirage, Supernatural… Xunto a elas tes dado centos de concertos e acompañado a moitos dos grandes nomes do rock duro e o metal galego e internacional, por exemplo, a Helloween en Castrelos. Que é o que máis valoras ou botas de menos desas experiencias?
Pois a verdade é que sí que tiven a boa sorte e o pracer de poder tocar con varias bandas, non moitas tampouco, máis foron varias das que creo que no seu tempo fixeron cousas bastante importantes dentro do que se podía facer dun xeito independente. Chegamos bastante lonxe, por exemplo con The Mirage, nun tempo no que fixemos un montón de cousas bonitas en salas importantísimas do país. Non todas as bandas independentes poden contar o ter tocado en La Riviera en Madrid, por exemplo, ou no fermoso auditorio de Castrelos da nosa cidade, que todo músico vigués desexa pisar algunha vez na vida. Tamén programamos as nosas propias xiras por España presentando os traballos discográficos que sacamos xuntos. Todo de xeito independente ó igual que con Nocheni previamente, ou con Supernatural tempo despois.
Con Nocheni aprendín moitísimo, posto que eles eran maiores ca min e levaban un monte de concertos xa ás costas cando me colleron para cubrir o posto das baquetas na banda. Fixen mogollón de concertos con eles, o primeiro da miña vida compartindo cartel con Barricada, tiven a miña primeira experiencia nun estudio de gravación… Un sin fin de bos recordos e de historias na maleta. Tamén moitas festas (risas). Con Supernatural conseguemos en moi pouco tempo traspasar as fronteiras de España tanto en prensa especializada como coa furgoneta cargada de bártulos, tiñamos unha boa proxección e a banda soaba incrible en directo (agora non está mal que o diga eu)… En fin, foron a miña vida e parte da miña traxectoria e, por suposto, todos eses proxectos me aportaron moitos bos momentos, tamén malos e malísimos, pero dende logo levo gravados a lume os bos, e os malos consérvoos para seguir facendo camiño aprendendo deles. Foron moitísimas aventuras con esa xente, moitas ensinanzas, aprendizaxes, esforzos brutais por acadar sacar soños adiante … A experiencia que che aporta o ter feito tantas cousas durante tanto tempo ininterrompido sei que tamé afecta ó meu desenvolvemento como músico no tempo presente, na cantidade de contactos que un ten a día de hoxe, e seguro que terá moito peso no meu futuro, e, evidentemente no meu xeito de traballar como profesional neste mundo na actualidade. Vai un pasando a ser can vello en moitas cousas.
E logo un sempre bota de menos moitas cousas que xa semellan non ser xa nin destas épocas nas que ata compoñemos online, porque tamén son outros tempos con outra idade, outras responsabilidades, outras enerxías (aínda que eu as teño intactas) para facer cousas das que faciamos antes. Sempre boto en falla esa continuidade nos concertos, nas xiras, nos ensaios cunhas birras a man, ou estar continuamente recibindo correos sobre organización de eventos ou saraos. Estar aí metido no medio, nesa historia de que semella constantemente que vas a chegar aí a rockstar (risas). Cos anos dinme de conta das parvadas que facemos como procurando un éxito que non é tal cousa, porque o éxito é outra, de feito. O éxito é vivir, e se vives co que che gusta xa é un éxito dobre. Non tiña nada que ver con recibir palmadiñas nas costas que dicían “que ben tocades rapaces”, porque xente que toca ben hai unha morea (risas). E isto coméntoo eu, que non paro de facer cousas, de gravar, de tocar con esas bandas que me encantan como Superblack, Autopía ou Wild Fuzz Trip… Bótase de menos o resto da parte de convivencia, así que, para cubrir esa falla… teño algún proxecto sorpresa no tinteiro do que falaremos cedo … ata aí podo ler (risas).
Quere iso último dicir que volveremos ver a Suso Valcárcel nunha banda así nalgún momento próximo?
A resposta é sí, efectivamente (risas). Engado un dato máis para que quede no aire: veráseme con máis dunha banda. de feito, aínda que no escenario polo momento só coa banda coa que estarei tocando na Masterclub de Vigo o Sábado 27 de maio. Ata aí podo dicir…
Dos grandes nomes internacionais cos que tes coincidido dando ou montando concertos que mencionaba antes… Algún, ou algúns, do que poidas dicir que foi o teu favorito ou do que máis significou para ti?
A verdade é que son tantos anos e tantas vivencias que a min cústame xa lembrar cal foi en concreto a mellor experiencia, o mellor concerto, ou o mellor artista co que traballei en calqueira das miñas facetas dentro da música, pero sempre lembro con moito agarimo a experiencia de ser promotor de concertos co meu colega Gonzalo Soliño, que ten un bar excepcional onde escoitar boa música en Cangas, La Ciénaga. Esa época foi moi bonita, traendo aquí a casa a algúns dos meus artistas favoritos de todos os tempos, como Eric Martin de Mr Big, ou a Goran Edman con Karmakanic. Gardo para sempre no corazón algunhas parrafadas que botei con xente coma Lalle Larsson de Karmakanic, un músico tremendo e unha persoa extraordinaria co que puiden compartir viaxes e cafés no hall dun hotel. Aprendendo sen pagar cunha incrible lección de vida en dúas horas sentados nunha mesa dun bar.
Xa actuando eu coma músico teño moi boas memorias da xornada abrindo para Joe Lynn Turner e a oportunidade que tiven de poder botar un anaco falando de música coa súa banda, incluíndo a Simon Wright (baterista de AC/DC ou Dio). Foron tantas experiencias en tan poucos anos que é complicado non esquecer mencionar algunha, a verdade. Imos vellos (risas). Tocar na sala Apolo de Barna e La Riviera en Madrid abrindo para Stryper coas salas con entradas esgotadas tamén foi unha gran sorte e un privilexio, así como tamén foi bonita a miña experiencia con bandas máis pequenas como conductor. Lembro alegría da pequena xira na que acompañei ós suecos Three Seasons substituíndo ó meu adorado e desgraciadamente finado Juanpa Veovoces coa súa furgo. Cinco días inesquecibles. A medida que escribo vou lembrando outras tantas historias que non pararía de escribir, a verdade. Encántame ver atrás e ver que levo unha vida bastante vivida, son un afortunado en moitos sentidos, aínda que tamén curro moito para que esas cousas ocorran, claro.

Ti que coñeces ben a escena galega e estatal das últimas décadas, como valoras como foi evolucionando? Parece case un cliché o de que temos grupos enormes por aquí aos que non se lle presta a debida atención, pero para min nunca se repite o suficiente… Algún que queiras destacar?
Creo que sempre houbo un montón de movemento de bandas aquí e sempre o vai haber, o que pasa é que si que xa se empeza a notar que nos concertos, sobre todo de rock ou metal que é onde máis me movo, cada vez vese que tanto o público coma os membros das propias bandas nunca son adolescentes. Supoño que non faltará moito para que notemos de todo esa falla de relevo xeracional nos concertos e na cultura de base, e supoño que será inevitable posto que as novas xeracións veñen con outra escola, non queda outra que convencelos, pero creo que ninguén sabe moi ben como facelo. Non é tarefa doada convencer á mocidade para que teñan as mesmas gañas de vivir as experiencias que vivimos nós do mesmo xeito que nós o fixemos. Eu iso o vexo cos meus alumnos de clases de batería. Poucos tocan a batería fóra da clase ou da súa casa, non buscan compañeiros cos que facer música coma faciamos nós.
Vós, Jacobo, que sodes máis novos ca min, estades aínda vivindo, creo, os últimos coletazos da vida musical como nós e os afortunados de ter vivido os 70 e 80 a coñecemos. Xa mudou todo tanto que case non queda nada daquelas épocas nas que escoitar un novo disco dunha banda era apaixoante. Eu, agora, a verdade é que detesto o xeito de escoitar música que adoitamos, non ten a maxia que tiña antes chaparse un disco de pé a pá. Non me gusta nada tampouco o xeito en que compartimos a música, o imposto modo de mercar entradas actual… En xeral, o mundo da música, para min, perdeu moito do bonito que tiña. Á xente que toca lle pagan por tocar versións, por dar clases, ou por tocar música que non lle gusta, pero non lle pagan ou lle choran os cartos por facer a súa propia música… É un desencanto bastante grande como funciona todo, pero aí continuamos algúns, tentando facer o que nos da a real gana, o que asegura que haberá música e bandas sempre ata que vaiamos morrendo os últimos vellos (risas).
Creo que os adolescentes van tirar por outros camiños bastante diferentes aos que nós coñecemos, de feito xa están a facelo, e seguramente non teñan nin máis razón nin menos ca nós. De tódolos xeitos, a nivel cultural sí que se vai a notar una devaluación nas mensaxes que a música e en xeral o arte do pasado espallaban polo mundo adiante. Para rematar con esta novela que acabo de soltar, si, sempre fomos bastante de valorar o de fóra sobre o noso polo simple feito de ser de fóra. Eu, a verdade, é que levo xa bastante tempo mercando só a música nos concertos aos que vou, co que a maioría das miñas últimas adquisicións son ben ou de bandas locais, ou galegas ou españolas. Spotify e plataformas, o máis desconectadas posible, e nin sequera instaladas no teléfono. Respecto bandas que se están a mover bastante na zona de Vigo e que poden funcionar, ademais dos clásicos xa Aphonnic, Moon Cresta, The Soul Jacket e esas bandas que xa están proxectadas, podería recomendar, que se me veñan á cabeza agora sen saírme da cidade, Zalomon Grass ou The Mirror.
Xusto o outro día estiven dándolle voltas á Gallaecian Metal Compilation de 2006, na que aparecen unha chea de bandazas e á que The Mirage aportou o temazo “Buscando en tu interior”. Que lembras daquela época e aquela iniciativa?
Naquela época, efectivamente, The Mirage estabamos xa tentando asomar a cabeza e comezando facer cousas moi interesantes que outros non facían, tanto por aquí pola nosa zona como fóra de Vigo. Unha delas foi ser unha das bandas seleccionadas para meter un tema noso, “Buscando un tu interior” , naquela recompilación. Aquela recompilación trouxo alegrías, máis tamén unha choiva de críticas e ataques nos foros metaleiros galegos que, a verdade, nos deron unha idea por aquel tempo de que tiñamos que desvincularnos bastante do mundillo da suposta “familia” e facer o noso traballo, tirar adiante e non atender nin perder tempo en parvadas (risas). Eramos máis novos e ás veces non encaixabamos ben as críticas, así que entrabamos ao trapo daquela merda toda equivocadamente. Algunhas críticas non viñan só para criticar, se non para tentar facer dano, supoño que por algún tipo de resquemor por un feixe de cousas que estabamos a conseguir. A verdade é que aquela experiencia tamén nos trouxo moita xente que nos defendía, nos chamaba para tocar e nos respetaba. Tivo as súas luces e as súas sombras para nós o entrar naquela publicación e no mundo da “familia” Basandere Metal. Agora faime gracia recordalo coma algo do pasado dende outra posición moito máis asentada, tanto falando de egos como de control sobre as emocións propias.

No libreto desta propia recompilación xa se fai fincapé nas dificultades históricas que atravesou a música contemporánea en Galicia e en particular estilos como o rock duro e o metal… Pensas que mudou por fin a situación, ou non?
Eu creo que os roqueiros e os metaleiros sempre somos bastante “quexicas” (que non ten por que estar mal) e ás veces nos pechamos nós mesmos as portas coas nosas decisións (incluído eu o primeiro). Eu non creo que mudara moito a historia de como foi sempre (salvo polo tema da xuventude que comentaba antes). Eu sigo vendo salas igual de baleiras que antes, salvo con algunhas bandas (polo motivo que sexa), e sigo vendo que as bandas grandes e as históricas cada vez cobran máis polos tickets e enchen igual os estadios e os recintos enormes. De feito, moitas delas, estando en peor forma que antes, cobran aínda máis agora e a xente paga por velas igualmente, supoño que moitos por nostalxia e outros pola foto e escoitar a canción que coñecen da radio. O mundo do rock n’ roll sempre foi un pouco así, non? De sufrir, de pelexar duro para poder saír a flote… O día que iso sexa máis doado igual deixa de ser para nós tan atractivo (risas). Levo dende os 14 anos asistindo a concertos e teño 41, e sempre foi un pouco semellante a situación. Comentaba antes un detalle que creo importante aquí. A día de hoxe aos músicos nos pagan sen rechistar por tocar cancións que nós non fixemos, nos pagan sen rechistar por dar clases, nos pagan por tocar músicas que nin nos gustan (afortunadamente nunca me vin na necesidade de ter que facelo), pero non podemos vivir do que creamos nós. Algo falla e cada día falla máis.
Tamén hai cousas boas a día de hoxe: temos máis acceso a un montón de cousas que que antes non eran tan doadas de acadar. Ter a posibilidade de falar directamente cun dos teus cantantes favoritos, material didáctico online gratuíto, tutoriais do que queiras no internet, plataformas nas que promocionar o noso traballo (aínda que na miña opinión o regalamos máis da conta)… Un montón de cousas que fan máis doado que antes unha parte dos nosos procesos como músicos, que é a de estar presentes para moita xente se as utilizamos ben, aínda que teñamos que facer todo nós, que ese é outro cantar.
Como curiosidade, na Gallaecian Metal Compilation tamén aparece Icewind, unha banda na que puidemos escoitar a Iago Pico moito antes de dar o salto definitivo que deu xunto a Tanxugueiras. Tes colaborado con el en varias ocasións dende entón, como foi esta evolución?
Se falamos da evolución do mestre Iago Pico en concreto pois eu digo que foi unha evolución bastante sensata pola súa banda, porque el é un pedazo de cantante espectacular, un pedazo de artista e, por suposto, un dos mellores productores musicais da actualidade en Galicia. No seu caso, e por fortuna, e estou seguro de que non sen traballo duro, como productor atopou a posibilidade de traballar con Tanxugueiras e de crecer dun xeito que xa estamos vendo e que non lle ofreceu antes ningunha das outras disciplinas nas que tan ben se move. Está a un nivel estratosférico en todo o que fai, do que me alegro como se fose un éxito meu. A min encantaríame que un día Iago levantase o teléfono e dixera: “Suso, montamos algo ou?” (risas), pero como sei que é complicado por temas da súa axenda, e incluso probablemente non lle apetecería aturarme (risas), pois doume por feliz con saber que, de vez en cando, podemos facer algunha falcatruada como as que xa fixemos. Foi unha marabilla traballar e facer cousas tanto con el coma co resto da xente que participou neses temas. A versión de Ed Sheeran, do tema “Blow”, que se pode ver en internet, aínda a escoito a día de hoxe e me digo, “joder, vaia bandaza que montabamos con esta xente”. Desgraciadamente non ten pinta de facerse realidade, pero sempre segue aí aberta a posibilidade de colaboracións a futuro.
Esta claro que agora ao que estás máis entregado é ao teu alumnado en Dream and Drum. De cotío compartes o progreso dos teus alumnos en redes sociais. Ademais do que xa comentaras antes, como ves á nova xeración de músicas e músicos vigueses?
No meu caso co traballo de clases de batería aquí en Dream and Drum teño que dicir que a maioría do alumnado este ano é xente adulta. Outros anos teño traballado máis con rapaces máis pequenos ou adolescentes, que é onde máis pode un ver quen trae as enerxías desbocadas polo instrumento. No meu caso é certo que de 30 alumnos hai moi pouquiños nos que recoñeza a iniciativa desproporcionada que tiña eu de montar unha banda e de lanzarme a un local de ensaio a tocar con xente. A maioría o fai un pouco por lecer na súa casa ou na hora na que está en clase sen moitas máis expectativas, pero teño a dous ou tres que sí teñen xa un pouco deste veleno no corpo e xa se lles comeza notar un pouco que sí que lles gusta de verdade e que tarde o cedo van acabar por poñer un anuncio como faciamos nós para unirse a alguén e facer música.
Ogallá así sexa, dende logo, e máis adiante esteamos a falar das novas xeneracións de músicos desta cidade con esta xente entre eles. Sería unha fortuna que no futuro me vise mencionado nas súas entrevistas como o tipo que lles meteu o vicio da batería e que puideran estar a vivir dela como eu humildemente o fago. Sería realmente bonito. Ademais, cada vez teñen, o que dicía antes, máis oportunidades de formación, máis oportunidades de mercarse un bo instrumento económico para poder arrancar, baterías electrónicas que serven para poder practicar en casa, e mil cousas máis. Afortunadamente, o progreso tamén trae cousas boas.
Isto foi todo pola nosa parte. Moitísimas grazas, Suso, polo teu tempo e polo apoio que nos tes dado sempre. Temos moitísimas ganas desas novas gravacións en concertos!
Nada, moitísimas gracias a vós polo voso espazo, polo voso tempo, pola vosa adicación e implicación co mundo da música da nosa terra, e pola defensa que facedes das bandas máis pequenas e vulnerables. Graciñas tamén aos que tedes esa loita en pé con Grupos en Loita, e graciñas por todo o traballo que facedes. Xa sabedes que as miñas ansias de dar concertos, de facer gravacións e de facer cousas nunca escasean, así que haberá máis das miñas toleiras que sairán á luz. E xa sabedes que estades convidados ó concerto do 27 de maio. A tres meses do concerto hai xa 82 entradas con dono, non se me durma ninguén! Unha aperta fondísima a todos.