Foi con calma, como é habitual nesta revista, pero xa está rematada a nosa lista de discos destacados do pasado ano! É a terceira vez que a facemos dende o nacemento da revista no verán de 2021. E a medida que fomos medrando, tamén fomos chegando a máis recunchos das inabarcables escenas rock, punk e metal galegas. Por iso a lista deste ano é tan extensa como as dúas anteriores xuntas, porque non queríamos que se nos quedase ninguén atrás e decidimos falarvos de nada menos que dos 60 discos máis interesantes e significativos do 2023 para nós. Rematou sendo tan longa que decidimos dividila en tres partes para facela un pouquiño máis amena; esta será, pois, a primeira entrega, cos discos lanzados dende o 1 de xaneiro ao 1 de maio. Non vos preocupedes, que as outras dúas partes chegarán axiña!
De EPs a álbumes de estudio completos, de discos de pop rock a discos de brutal death metal técnico… Como sempre dicimos, na escena galega hai unha variedade e unha calidade inmensas. De feito, nestas listas aínda faltarían moitos traballos significativos lanzados no 2023; por exemplo, a recompilación de versións de bandas galegas históricas Ferro e Pedra: Homenaxe ós Precursores ou as lanzadas por Silvia Penide ou Dios Ke Te Crew. Tamén as reedicións do álbum Reverie de Absorbed ou das demos de Alpacadora, banda precursora de Nashgul. Ou tamén os discos de artistas tan archicoñecidas que xa nin é necesario falar delas aquí, como Luz Casal, Iván Ferreiro ou Xoel López. E moitísimos máis! Que como nos poñamos a mencionar todo, ao final imos chegar aos 100.
Así que, sen máis dilación, aquí van os primeiros 20 dos nosos 60 discos de rock, metal e punk do 2023; como sempre, ordeados polo seu día de lanzamento. Dalgúns xa vos falaramos no adianto que nos pediron os nosos amigos de Rock Entre Amigos, outros aparecen máis ou menos habitualmente polas nosas páxinas, e outros moitos chegan deste xeito a Rouco Son por vez primeira. Comezamos!

Abre esta lista o cuarteto compostelán Noite Atari, que lanzou o seu EP debut Pais Ausentes o día 15 de xaneiro. Poderíamos ubicalo no espectro do pop punk máis noventeiro (algo acorde coa súa nostálxica portada), con cancións sinxelas e pegadizas pero tamén potentes que nos lembran por que este son volveu con tanta forza despois duns anos hibernando. Cada vez hai máis bandas practicando este estilo en Galicia, máis poucas o fan en galego, polo que isto é un punto a favor dos composteláns. O grupo naceu en 2020, pero os seus membros veñen doutras destacadas bandas galegas, como Cazacús, Impulsos Criminais o Lost Psychotics. As nosas cancións favoritas do traballo son as rápidas “Fronteira” e “Luisjulián”, a canción que abre o disco, perfecta para adicarlla a certas persoas…

Ídelle dando voltas a este disco se ides este verán ao Resurrection Fest, porque Sandford Music Factory será unha das bandas galegas que se subirán ao escenario do festival de Viveiro. Concretamente, ao Desert Stage, por suposto. O novo álbum da banda ferrolá, que foi fundada no ano 2000 baixo o nome de Sweet Oblivion Band, foi lanzado o 16 de xaneiro polo selo galego Radix Records. Nel atopamos atopamos as influencias setenteiras e grunge que caracterizan á banda, pero na súa vertente máis pesada, sendo tamén apreciable a influencia de estilos como o doom metal ou o stoner metal máis clásico. Nunha época en que termos como grunge, stoner ou metal alternativo son empregados indiscriminadamente, é de agradecer escoitar cancións verdadeiramente protagonizadas por riffs lentos e disonantes e tamén blueseiros e psicodélicos. Vémonos no Resu vendo a SMF, a Balmog e a Perpetual: https://roucoson.com/2023/12/30/balmog-perpetual-e-sandford-music-factory-estaran-no-resu-2024/

Nestes tempos nos que semella que o ska punk deixou xa de ser o estilo predilecto dos festivais galegos para dar paso a outros sons, mola ver que The Skarnivals segue facendo o seu estilo de sempre e tan ben como sempre, alleos ás modas que van e veñen. E, quen sabe, ao mellor agora que se reúne La Raíz volve o festivaleo de 2016 ao verán galego! Este Latexo foi lanzado o 25 de xaneiro por Galunk Producións, e nel, a banda aposta por continuar coa súa pegadiza mestura de ska punk e folk (con gran presencia en especial da gaita galega), de letras en galego e en castelán. O disco conta tamén con colabos de artistas de diferentes estilos, como son García MC e Boikot. Xa vos falamos do lanzamento do álbum e de adiantos como “Cuervos” ou “Latexo” nas nosas páxinas, como podedes comprobar aquí: https://roucoson.com/2023/01/27/the-skarnivals-saca-novo-album-e-un-videoclip-con-garcia-mc/

Ao día seguinte do de The Skarnivals, o 26 de xaneiro, chegou O Corasón como un After de The Rapants. Xa chegamos algo tarde para falar deste disco, porque o cuarteto muradán segue pulverizando os seus récords co seu recentemente editado novo álbum La Máquina del Buen Rollo. Pero o certo é que O Corasón como un After foi o disco que os consagrou como unha das novas bandas galegas máis populares do momento. Pouco máis podemos dicir sobre eles. Seguro que se vas a algún festi este verán os poderás ver ao vivo, porque esta banda de indie fundada en 2018 é das que non paran quietas. Podedes ler máis sobre o seu último traballo, aquí: https://roucoson.com/2023/01/27/the-skarnivals-saca-novo-album-e-un-videoclip-con-garcia-mc/

Posdata saíu o mesmo día que o disco de The Rapants, da man do selo madrileño El Volcán Música. Daquelas, a súa creadora era coñecida como Dani a secas, pero agora é Dani Dicostas; engadiu ao seu nome artístico a referencia aos ilustres apelidos do seu pai Silvino Díaz, da súa nai Rosa Costas e do seu tío Miguel Costas, todos eles exmembros de Aerolíneas Federales. Agora que a viguesa ten xa unha impresionante aínda que breve traxectoria ás súas costas, xa non ten por que disimular que a movida viguesa corre polas súas veas. O seu pop inclúe influencias de estilos como o rock ou a música electrónica e mestura á perfección o retro e o actual. Non era doado facer unha continuación para o seu álbum revelación Veinte (2020), pero con esta Posdata, a viguesa, agora afincada en madrid, confirma que o seu vai seguir sendo un dos nomes máis presentes da nova música galega.

E seguimos co terceiro día consecutivo de lanzamentos, porque ao día seguinte do de Dani, o 27 de xaneiro, saíu In the Absence of Solace de Faced Out. Esta banda viguesa é unha das máis destacadas da nova onda de bandas de hardcore e metalcore do país, e o por que está neste álbum, no que a pesadez dos habituais breakdowns non resta protagonismo aos riffs rápidos e dinámicos herdados do crossover thrash e o death melódico. Despois de varias demos, este é o seu primeiro traballo de estudio completo, con 10 cancións concisas de hardcore metálico noventeiro ao longo de media hora de duración. Foi lanzado de xeito compartido polos selos Medusa’s Lair Records, The Coming Strife Records e Force Of Reckoning Records.

Coa etiqueta de dark heavy metal, Dark Embrace pon nome ao seu estilo ecléctico, composto por influencias que van do death metal melódico ao black metal sinfónico pasando polo metal gótico ou o heavy metal clásico. Tamén se chama deste xeito o seu terceiro álbum completo de estudio, lanzado o 24 de febreiro polo mítico selo alemán Massacre Records, que os convertiu nun nome habitual nos cartaces de festivais e das xiras de coñecidos grupos de metal. Pero o de Massacre Records non é o único gran nome do metal internacional que aparece no libreto do disco, posto que as baterías que podemos escoitar no mesmo foron gravadas por Snowy Shaw (ex membro de bandas como King Diamond, Mercyful Fate, Memento Mori, Dream Evil…). Xa vos falamos bastante deste traballo na nosa crónica da actuación da banda no último Resurrection Fest, que foi parte da súa xira de presentación: https://roucoson.com/2023/08/24/as-bandas-galegas-no-resu-2023-parte-2-dark-embrace-dismal-keepers/

Space Opera: a concept album by Zålomon Grass non deixa espazo para a dúbida: estamos ante un álbum conceptual. Isto si que é un disco puramente retro, lanzado polo power trío vigués o día 10 de marzo da man de Rock CD. A banda fai gala, nas oito cancións deste disco, da súa panoplia de riffs que mesturan estilos como o rock duro, o rock psicodélico, o blues rock, o heavy metal ou o rock progresivo. Toda a esencia do rock dos anos 60 e 70 está contida neste ambicioso traballo, dende o enfoque conceptual aos atuendos dos músicos, e o grupo fíxolle xustiza embarcándose nunha profusa xira para presentalo. A pesar de que só levan en activo dende 2020, as súas táboas son máis que evidentes, pois os seus membros proveñen de bandas como Soul Jacket, Karma Animal, You Dog! ou Spoonful. De seguro imos seguir véndoos medrar!

Igloo é unha das bandas de indie rock máis veteranas de Galicia, pois foi fundada en Caldas de Reis hai 20 anos. Este Planes para Días Grises, lanzado o 10 de marzo por Ernie Records, é nada menos que o seu sexto álbum de estudio, e aínda habería que sumar á lista outros traballos, como a recompilación IglØØ2 (2015). Nas once cancións que compoñen o novo álbum podemos escoitar o rock alternativo melancólico, profundo e elaborado á vez que melódico e accesible, ás veces incluso bailable, que caracteriza á banda. Son habituais dos festivais de indie de todo o estado, polo que de seguro haberá numerosas ocasións de velos en directo.

Oneiric, lanzado o 17 de marzo da man de Esmerarte Industrias Creativas, supuxo un cambio radical para o son de Furious Monkey House. E é que esta banda, formada principalmente por rapazas de en torno a 20 anos de idade, naceu hai nada menos que dez anos, cando as súas integrantes se atopaban na preadolescencia e ían a clases de música co seu profesor Gonzalo, tamén membro de grupo. Como non podía ser de outro xeito, a medida que os membros do grupo foron medrando, tamén foi cambiando o seu estilo: o rock alternativo guitarreiro dos seus anteriores álbumes, os exitosos Run (2015) e Love, Scum and Dust (2019), deu paso en Oneiric a un son máis influenciado pola música electrónica, o pop e outros estilos. Isto aparece representado na propia portada do álbum, na que as músicas vinteañeiras observan o ataúde no que se atopa Gonzalo, que anteriormente aparecía publicamente coa banda cunha máscara de mono, simbolizando deste xeito a morte do personaxe do “mono furioso” que lle deu nome á banda para dar paso a unha nova etapa. Dádelle unha escoita a esta nova faceta do grupo, porque paga a pena!

Para os que sexan fans do heavy e o power metal máis clásico, con riffs dos de sempre e con voces desgarradoras, como desde logo é o meu caso, este é un álbum galego imprescindible. Así foi que o presentaron o 18 de marzo enchendo ata os topes a agora extinta SalaSon de Cangas do Morrazo, e foron repetindo éxitos alá por onde pasaron con este disco debaixo do brazo: Santander, Madrid, Oviedo, Ferrol, Coruña, o seu Vigo natal onde repetiron sold-out en maio coa axuda de colaboracións top da escena… Se pasan pola túa vila ou cidade, non perdas a oportunidade de ir velos! Don’t Leave your Child Alone é o segundo disco desta banda viguesa nacida en 2016, seguindo o camiño iniciado polo EP de 2019 The Grim Reaper.

Pablo Leira é un rapaz mugardés que, co seu primeiro álbum Dirt, Wood and Grass, recupera con extrema fidelidade o son (e ata a estética) do folk rock americano dos anos 60 e 70. O disco foi lanzado o 20 de marzo polo destacado selo ferrolán Ferror Records, un nome que se repetirá un par de veces na lista. As súas cancións en inglés son pegadizas, variadas e nostálxicas, e nelas non faltan as guitarras acústicas e eléctricas, o órgano ou, especialmente, esa a guitarra slide tan country que lle dá á música de Pablo Leira un toque verdadeiramente distintivo dentro da escena galega. Ás veces, inspirarte no son de artistas lendarios. sobre todo cando non moita máis xente do teu país o está a facer, é un bo xeito de ser orixinal. Se replicar a música de Crosby, Stills, Nash & Young de xeito competente fose doado, todo o mundo o faría!

O 25 de marzo foi lanzado o segundo álbum dos coruñeses Wetsocks, titulado Endless Drive. Este disco, que toma o testemuño de Reflections (2019), amosa as múltiples facetas deste grupo de rock alternativo, que pasa dun momento a outro de pasaxes calmadas e sinxelas a outras intrincadas e potentes; en especial, aquelas dominadas pola guitarra de Víctor Tarela (membro tamén da bandas de metal Strikeback e Adlibitum, así como guitarrista en directo de Arrythmia e profesor da RockSchool). Tamén cabe destacar os momentos guiados polos teclados de Martín Grela, como os de cancións como “This time”, un dos sinxelos do disco e a canción encargada de abrilo tras a introdución de rigor. A variedade que atopamos no traballo é consistente coa orixe do agora sexteto, que naceu como banda de versións en 2016 inspirándose en artistas que ían do grunge ao indie e do jazz fusión ao heavy metal. Mentres agardamos polo seu seguinte disco, xa que non hai dous sen tres, podemos ir escoitando a súa nova canción “Eyes on eyes”, banda sonora da película do aresán Martín Castro Violet Sky.

É imposible estar nunha mellor época para as bandas que incorporan elementos da música tradicional galega na súa música, e iso é o que fai o quinteto de pop rock compostelán Naitinain no seu primeiro álbum de estudio completo Pa que lo Entiendas, lanzado o último día de marzo. O disco consta de 10 cancións en pouco máis de media hora de duración, nas que destaca o uso da gaita galega e da frauta, tocadas polo tamén baixista da banda Óscar. Naitinain toma o seu nome do ano de nacemento de todos os membros do grupo, 1999, polo que son unha das agrupacións con discos editados máis novas da escena rock galega. Gran noticia que haxa bandas así collendo o testemuño! Falámosvos máis da saída deste álbum nesta noticia: https://roucoson.com/2023/06/23/naitinain-presenta-o-album-pa-que-lo-entiendas/

Aínda que o black metal galego é ben diverso, o estilo de black atmosférico e ambiental practicado pola enigmática banda viguesa Cinza non é tan común no país. Ademais, a execución do mesmo é impecable, pois este disco é un dos que te sumerxen por completo no fluír das súas augas. A música deste álbum é instrumental, e as súas catro cancións, ben longas, alcanzando en total os 46 minutos e medio de duración; dúas eleccións artísticas considerablemente arriscadas. Porén, a pesar de que o disco prefire a inmersión do oínte por enriba de sorprendelo con moitas variacións, non se fai repetitivo, pois repasa todos os diferentes elementos que compoñen o estilo a nivel instrumental. Alén da súa música, non coñecemos case nada máis de Cinza, pero aquí fican os nosos parabéns para Marcos, a persoa detrás deste álbum segundo se pode ver no seu Bandcamp (non hai que esquecer que no black metal as bandas unipersoais están á orde do día).

Que máis dicir dunha das bandas máis míticas de Galicia, con máis de 20 anos de traxectoria ás súas costas? Entre álbumes de estudio, EPs e recompilacións, Cabalgata é o décimo traballo de Ataque Escampe, e foi lanzado o día 18 de abril da man de Tremendo Audiovisual. O quinteto compostelán practica un pop rock alternativo con infinidade de influencias distintas, que se plasman, como non podía ser doutro xeito, neste novo traballo. E as súas inconfundibles letras, sempre en galego, están cheas de referencias á cultura popular. A estas alturas non vos contamos nada novo! Botádelle unha orella vós mesmos e xa nos dicides.

Falamos agora dunha das grandes revelacións da escena viguesa dos últimos anos, pois con só mergullar un pouquiño na rede xa se pode ver a excelente acollida que recibiu este primeiro disco do quinteto Unchosen Ones, lanzado o 21 de abril por Blood Fire Death. Teñen un estilo moi melódico no que os teclados teñen un peso fundamental, algo que sempre é un puntazo. Ademais, os temas, a medio camiño entre o rock duro, o heavy metal e o power metal, son super pegadizos. Pouco máis se lle pode pedir a un disco! Moi recomendable darlle unha volta tamén ao EP a modo de epílogo que publicaron recentemente, titulado More Sorrow.

Este é un deses discos felices e melancólicos ao mesmo tempo, para escoitar con calma nunha tarde tranquila de fin de semana. Looking Higher é o primeiro álbum desta banda ferrolá despois dunhas cantas demos, e foi lanzado o 26 de abril por Radix Record. Amosa un indie rock dominado polas guitarras e as voces harmonizadas, nostálxico pero con moita personalidade, acompañado dunha fermosa portada que o complementa á perfección. Nestes tempos nos que os grandes artistas fan discos eternos con decenas de cancións para que funcionen do mellor xeito posible nas plataformas de streaming, é de agradecer escoitar álbumes de media hora de duración compostos por 7 cancións bonitas, coidadas pero concisas, que de seguro resoarán durante un bo tempo na túa cabeza.

Xa só con ver o título se adiviña que estamos ante un discazo. E é que este EP lanzado o pasado 1 de maio non é outra cousa que a continuación de Pillars of Salt, lanzado pola mítica banda de black metal de Soutomaior en 2020. Ten o seu mesmo esquema, cunha única canción de 18 minutos de duración na que o agora cuarteto desprega todo o seu arsenal. Que máis se pode pedir? Balmog non dá tregua, e como non era suficiente para eles con ese pedazo discazo que é Eve, lanzado en 2021, agora tráennos isto da man dos selos War Anthem e In Pulverem Mortis. Poñédeo e deixádevos levar.

Lenincat é unha das bandas que manteñen vivo hoxe en día o espírito do streetpunk galego, e esta recompilación, Años de Locura, recolle basicamente toda a súa produción, recollendo os diferentes sinxelos/EPs que foron lanzando dende o ano 2019 ata o propio 2023. Non é casualidade que o disco fose lanzado o 1 de maio, o día da clase traballadora, pois o quintento compostelán destaca polo marcado contido político das súas letras, que acompañan á perfección á música da banda, marcada polas gang vocals dos retrousos, os riffs contundentes e as pegadizas melodías de guitarra.
Ata aquí a primeira parte da lista, e aquí tedes a seguinte entrega: https://roucoson.com/2024/06/04/os-60-discos-galegos-de-2023-parte-2/