E con isto xa rematamos a nosa lista de discos destacados do pasado ano (non foi sen tempo, a verdade), cos traballos lanzados dende o 1 de setembro e ata que rematou o ano. Tedes a parte anterior da lista, aquí: https://roucoson.com/2024/06/04/os-60-discos-galegos-de-2023-parte-2/

O novo cuarteto punk morracense Gallego Común recupera o espírito bravú no que é o seu primeiro traballo, que veu a luz o 5 de setembro despois dun par de adiantos. O grupo fai cancións sinxelas e potentes, con letras retranqueiras e costumistas que agochan a súa crítica do mundo que nos rodea aos galegos de hoxe, aínda que está claro que Podía Ser Peor… Isto o vemosxa nos títulos das cinco cancións que compoñen o EP, “Churrasco & champán”, “Turismo termal”, “Kale borroka”, “1/2 rural” e “Salvaxes”. Podedes ler máis sobre o disco nesta ligazón: https://roucoson.com/2023/09/18/podia-ser-peor-primeiro-traballo-discografico-dos-morracenses-gallego-comun/

Volvemos ás bandazas incansables do metal extremo galego. Dantalion destaca por ter atravesado diferentes fases estilísticas ao longo da súa dilatada carreira, producindo discazos en todas elas. E dende hai uns anos atópanse nunha fase de regreso ao máis puro e escuro black metal, como exemplifica este Fatum, o seu primeiro lanzamento co selo europeo Non Serviam Records. Chegou ás rúas o 8 de setembro, e segue a liña do seu anterior álbum Time to Pass Away. Este disco xa supuxera o regreso da inconfundible voz de Sanguinist, que xa estivera na banda entre 2008 e 2012.

O ano 2023 foi dificilmente mellorable para os fans do rock and roll e do garage rock máis revivalista. Outro dos grandes discos galegos desta onda que saíron o pasado ano foi este novo álbum de The Bo Derek’s, lanzado o 8 de setembro por Family Spree Recordings (ao igual que o debut de Lunamotos). A banda conta con Óscar Avendaño (exbaixista de Siniestro Total) á guitarra e a voz principal, Jorge López González ao baixo e Martín López González á batería; tamén con numerosas colaboracións nos saxos, na trompeta, no piano ou no órgano, logrando un disco ben variado e con personalidade, a pesar de encadrarse nun xénero tan explorado ao longo de tantas décadas. As letras están inzadas de referencias á cultura pop, ao propio rock and roll e a multitude de artistas do xénero, para que os máis afeccionados as desgranen coidadosamente ao tempo que se deleitan escoitando o traballo.

O 14 de setembro saíu o agardadísimo segundo álbum de Grande Amore da man de Ernie Records. A banda, fundada por Nuno Pico e convertida agora en trío coa adición de Clara Redondo e Mariagrep, mestura de xeito totalmente natural e propio xéneros que van dende a música electrónica ao rock, pasando polo pop e o hip hop, e con pinceladas ata de black metal, como deixa adiviñar a propia portada do disco. Bailable e melancólico a partes iguais, este disco nos lembra por que Grande Amore é unha das grandes revelacións da música galega dos ultimos anos. Pode gustarche ou non (aínda que a todo o mundo nos flipa!), pero non se pode negar que o seu estilo é único. E, aínda por riba, a voz característica de Nuno recoñécese a kilómetros. Falámosvos un pouco máis sobre o lanzamento de II nesta noticia: https://roucoson.com/2023/09/18/grande-amore-lanza-o-seu-segundo-album-titulado-ii/

Que máis se pode dicir dunha das bandas de grindcore máis internacionais da historia de Galicia, que non é pouco? Os coruñeses tráennos o que é o seu terceiro álbum de estudio completo, aínda que son innumerables os lanzamentos doutro tipo (demos, compartidos, directos, compilacións, teñen de todo) que realizaron dende a súa fundación en 2001. Media hora e pico de duración, 16 temas de pura tralla, como é habitual no estilo. O disco foi lanzado o 29 de setembro por Selfmadegod Records.

Tamén se atopa entre o punk e o rock máis clásico o dúo Thee Blind Crows, aínda que, a diferencia dos Bo Derek’s, a agrupación formada por Diego Crow á batería e Al Crow a todo o demais (alén dalgunha que outra colaboración) mestura neste caso xéneros como o blues punk, o country ou o surf rock. A banda leva dende o ano 2008 en activo, e o seu último traballo, Thee Blind Crows 0823, saíu o 6 de outubro da man dun selo que se repetirá na lista, Folc Records. O disco foi gravado, mesturado e masterizado por eles mesmos, logrando un axeitado son retro e lofi que complementa á perfección aos 15 variados temas do álbum.

Máis black metal escuro e sen reservas, aderezado cunha boa dose de death metal como xa vimos tamén no disco de Balmog. O cuarteto coruñés Akouphenom, que conta nas súas filas con membros doutras destacadas bandas tanto de metal extremo como de xéneros como o doom metal de Cruzeiro, lanzou o 13 de outubro co selo italiano Unorthodox Emanations o que é o seu primeiro álbum de estudio completo, a pesar de que levan en activo dende 2015 (lanzaron previamente un EP e dous compartidos, con La Hija del Carroñero e con Kursk respectivamente). Con el lograron unha excelente acollida entre a escena black, tocando por diferentes puntos da península co disco e a súa portada ao máis puro estilo Deathspell Omega ou Bølzer baixo o brazo. 45 minutos de temas longos e asoballantes que dan conta, unha vez máis, do bo estado da escena black galega.

O cuarteto vigués Loiros mestura en Back from the Edge estilos clásicos como o rock progresivo e o rock psicodélico con outros máis alternativos, como o post rock ou o shoegaze. As súas 6 cancións, entre os 3 e os 8 minutos de duracións, alternan habilmente seccións ambientais con outras máis potentes, fermosas harmonías vocais con riffs pesados, e a través de todo isto son capaces de facer experimentar unha multitude de emocións diferentes no oínte, dando lugar a un dos discos galegos máis interesantes do ano. O álbum foi autoeditado pola banda o pasado día 14 de outubro.

Entre o rock duro e o heavy metal máis melódico atópase o grupo vigués Cherokee, formado por músicos veteranos da escena, que lanzou o pasado 20 de outubro este novo álbum da man do selo estatal Demons Records. Sen máis pretensión que a de venerar aos seus ídolos e facer a música que lles mola, os vigueses tráennos 11 temas entre os que atopamos colaboracións como a do baixista Niko del Hierro ou unha versión de “El guardián de tu piel” de Beethoven R. Un viaxe ao pasado no que gozar con grandes solos de guitarra e voces agudas imposibles.

Este quinteto de coruñés está formado por músicos moi novos pero cun gran dominio dos seus instrumentos, e que se moven todo o posible para seguir medrando na escena. Despois dalgunhas incursións fora da súa cidade natal, acaban de tocar no bulevar do Resu, no que interpretaron varios dos seus temas novos, polo que todo apunta a que van seguir medrando e medrando. Underdogs é o seu primeiro e ata o momento único traballo, un EP de catro temas no que amosan o seu estilo de metal alternativo, con coidados riffs e arranxos de batería e cunha voz melódica e potente que retrotrae á idade de ouro noventeira do subxénero. Foi lanzado o 27 de outubro de xeito independente.

Leprophiliac é un dúo coruñés de death metal formado por dous veteranos da escena extrema como son Suici e Dopi. Ambos fixeron parte nos 90 de bandas como Cenopath o primeiro e Machetazo ou Frustradicción o segundo, e agora traen de volta a esencia dese death noventeiro con discos como Gein, un álbum conceptual sobre o asasino homónimo que repasa os seus horrendos crimes nas súas 9 cancións. Curiosamente, resulta refrescante escoitar este estilo clásico e puro de death metal, sucio e macarra, que xa non se estila tanto por estas terras. O true crime está agora moi de moda, pero o death metal como o de Leprophiliac segue sendo subterráneo como o era na Galicia de hai tres décadas, e isto, dende logo, non ten nada de malo. O disco foi lanzado polo selo estadounidense RFL Records, axeitadamente, o 31 de outubro, a véspera de tódolos santos.

Terbutalina xa non fai cancións tan rápidas como antes, pero o rollo retro e garaxeiro co que levan anos triunfando nos festivais de toda Galicia segue intacto neste novo disco. Era Cabra foi lanzado o 3 de novembro por Folc Records, e como é habitual nos muradáns, non pasa dos 20 minutos de duración. E aínda que non chegue ao nivel de intensidade punky dos míticos Ritmo Serbio (2013), A Muerte (2014) ou Al Otomano se le Va la Mano (2015), ten un toque roqueiro potente que o diferencia do máis accesible Espabila Gallego (2019). En todo caso, a cousa é que o grupo segue a evolucionar e a ser un referente desa escena de Muros que tanto dá que falar con bandas como The Rapants, Deleiba, Archivo Adxunto ou Lisdexia. Veremos con que nos sorprenden no seguinte!

Volvemos agora aos estilos máis clásicos do heavy metal co segundo álbum do quinteto ferrolán Cranio, que chegou ás rúas o propio día 11 de novembro (11/11). Perfecto para escoitar da man do de No One Alive, banda irmá coa que de feito os ferroláns realizaron unha pequena xira na primeira metade do ano. Lanzado por Demons Records, con dez temazos da vella escola en case 50 minutos de duración.

E seguimos cun terceiro lanzamento de Demons Records nesta lista, Black Rose de Jose Rubio. Trátase do quinto álbum de estudio en solitario do coñecido guitarrista ourensán, e veu a luz o 24 de novembro. Membro de numerosas bandas como Evil Hunter ou Brétema, e exmembro doutras como Warcry ou José Andrëa y Uróboros, neste proxecto en solitario aposta por un metal plenamente instrumental, a diferencia do Down Underground do seu compañeiro Robert Beade, do que xa vos falamos anteriormente. Deste xeito, dende os temas máis suaves como o inicial “Black rose” ata os máis escuros como “The crow” ou a última do disco “Zero”, a guitarra solista é a protagonista absoluta. José Rubio amosa unha vez máis a súa ben coñecida destreza co instrumento en 7 temas longos e cheos de variacións, con 46 minutos de duración en total, nos que toca unha multitude de xéneros diferentes. Perfecto para os máis amantes dos solos de guitarra!

Movéndose entre o metalcore e o metal alternativo, o quinteto pontevedrés Brutal realizou con 22820 o seu proxecto máis ambicioso ata hoxe: un álbum de 10 cancións gravadas por duplicado, con versión en galego e versión en castelán, e cada unha co seu correspondente vídeo musical (tamén con versións en ambos idiomas). O disco foi lanzado por fases, posto que a edición física, lanzada de xeito independente, está dispoñible dende o 25 de novembro, pero non chegou a estar en plataformas dixitais ata o 5 de abril deste ano 2024, un mes despois de que saisen os dous últimos vídeos do disco, os de “Na escuridade”/”En la oscuridad”. Deste xeito, os seguidores da banda estiveron recibindo dous videoclips por mes ao longo de 5 meses, un ritmo frenético que dá idea do currazo investido pola banda neste lanzamento. Falámosvos máis sobre 22820 e sobre a historia da banda, que afunde as súas raices no grupo noventeiro de crossover thrash pontevedrés Brutal Distracion, nesta reportaxe: https://roucoson.com/2023/10/09/os-pontevedreses-brutal-anuncian-o-seu-proximo-album-titulado-22820/

Realmente esta entrada pertence tanto a The Sound of a Glass of Wine Falling on a Persian Carpet como a Love, os dous EPs lanzados polo grupo coruñés de indie pop e folk psicodélico Candy’s Freckles a finais de 2023 con Radix Records. Dous traballazos (teño que preguntarlle á banda á que se debeu a peculiar decisión de lanzar dous pequenos EPs tan seguidos no tempo, aínda que gravados en momentos e estudios diferentes) elevados ao máximo polos fermosos deseños da súa artista visual de referencia, Alba Blanco, tamén coñecida como Pepiña e tamén coñecida como @buena.rabia.baya en Instagram. Un dos EPs ten 4 cancións en apenas 11 minutos, e o outro 3 en case 13, e se unen a unha serie de EPs e sinxelos lanzados pola banda dende que foi fundada como proxecto unipersoal polo guitarrista e vocalista Rodrigo Yagüe na pandemia. A música de Candy’s Freckles é pegadiza, nostálxica, e chulísima en definitiva. Todo un descubrimento.

Este primeiro traballo de estudio de Impaled Corpses, cuarteto formado por membros procedentes de diferentes puntos de Galicia, fíxose de rogar, posto que dende o seu nacemento en 2017 só lanzaran anteriormente un sinxelo, “Cidade sen lei”, no ano da súa fundación. Mental Devastation é un EP de 16 minutos de duración formado por 5 cancións de black metal con elementos de outros xéneros, como o thrash ou o death, diseminados aquí e acolá. Destacan os variados guturais de Héitor (guitarrista de Amenaza, a banda de deathcore anteriormente coñecida como Amenaza de Muerte) ou os blasts beats a toda velocidade de Iván (batería tamén de Ultraxe, Terader ou La Hija del Carroñero). O disco saíu de xeito independente o 9 de decembro.

Voodoo é unha nova banda formada en 2020 por catro rapaces da Coruña, e Mientras Arda é o seu primeiro traballo, precedido polos sinxelos de adianto “Cadena perpetua” e “Ley marcial” (2022). Este EP de 6 temas e 24 minutos de duración, lanzado de xeito independente o 9 de decembro, amosa o estilo groove metal do grupo, no que predominan os riffs thrasheiros a medio tempo e as letras reivindicativas. Supón un comezo moi prometedor para a formación, da que agardamos escoitar moito máis no futuro.

O punk rock de toda a vida segue moi vivo en Galicia con bandas como Crise, nacida en plena pandemia na Coruña. Para mostra, este EP de 4 temas e 13 minutiños de duración, que prescinde de artificios e va directo ao gran. Dá continuación deste xeito ao seu álbum debut Crise, lanzado en 2022. Lonxe foi editado o 13 de decembro polo selo especializado vasco Tough Ain’t Enough Records. Falámosvos máis deste disco nesta noticia sobre o lanzamento do videoclip de adianto “Boca abaixo”: https://roucoson.com/2023/04/05/crise-presenta-boca-abaixo-videoclip-de-adianto-do-seu-vindeiro-ep/

Terminamos cunha banda pola que sentimos unha particular predilección en Rouco Son, como se pode comprobar nas páxinas da revista. Xerión é unha banda lendaria do black metal galego e en galego, xa dende os tempos das súas pioneiras primeiras maquetas a principios dos anos 2000. Este novo traballo, lanzado para coroar o ano o pasado día 21 de decembro, revive precisamente ao Xerión máis puro e primigenio, con ocasión da celebración das (máis de) dúas décadas de vida da banda. Trátase dunha demo, a segunda de tres Demos do Kaos gravadas con motivo de tal efeméride, e conta coa colaboración de Txomy, César Valladares e Lux. A pesar de ser a segunda, foi lanzada en terceiro lugar, despois das igualmente impresionantes Drou (2022) e Morgana (2021). Non foron estes os únicos lanzamentos da prolífica banda nos últimos anos, debido a que en 2021 viron tamén a luz os EPs Ruína e Decadência e Lamento Luminiscente, ademais de varios compartidos. Por todas estas razóns e moitas máis, o dúo ourensán formado por Daga e Nocturno é cada ano unha escoita imprescindible para calquera seguidor da música metal.
Non esquezades comparar esta lista coa que fixemos para o ano anterior! https://roucoson.com/2023/02/28/os-35-discos-galegos-de-2022/