Os 35 discos galegos de 2022

2022 estivo cheo tanto de lanzamentos moi esperados como de novas sorpresas na escena rock galega. Era moi difícil igualar o rexurdir da pandemia que supuxo 2021, pero este pasado ano non se quedou atrás. Tanto é así, que non puidemos quedarnos só con 25 discos destacados como fixemos a vez anterior… Polo tanto, decidimos darvos 10 discazos de regalo e subir a lista a 35 traballos de rock en galego de todos os estilos. Do pop rock máis lixeiro ao metal máis extremo, pasando polo rock alternativo, o rock progresivo ou o hardcore. Hai de todo na escena galega, e todo moi bo, a verdade!

A pesar de todo, seguro que nos quedaron moitos no tinteiro, así que non dubidedes en comentarnos por redes sociais que discos teríades incluído vós. Xa sexa polo seu carácter innovador, pola súa importancia para a escena, ou simplemente por ser discos caralludos. Aquí vai, pois, a nosa selección, que incluímos por orde de lanzamento (xa que ordealos doutro xeito é imposible por ser discos de estilos moitas veces incomparables). A ver que vos parece:

Mentah – Everyone Hates

O primeiro disco desta lista chegou xa o 5 de xaneiro do pasado ano, como se dun agasallo de reis anticipado se tratase, e foi un claro signo de que o 2022 viña forte. Só con saber que Mentah é un dúo de rock alternativo de Ferrol, xurdido das cinzas do trío Klüte, xa soa interesante a cousa. E ao poñer este traballo de 22 minutos, a cabalo entre o álbum breve e o EP longo, entón xa ficas totalmente sumerxido nos seus sons atmosféricos e de considerable carga emo. Melódico e pegadizo, sen que iso comprometa a coidada elaboración das cancións. Moi recomendable!

Superoito – A Mala Vida

Apenas dous días despois, o 7 de xaneiro, colleu o testemuño Superoito co seu agardado novo álbum. Pasaran xa 8 anos dende o último traballo de estudio, Todo me da Voltas, e 6 dende o EP en directo que lanzaron a continuación, así que a expectación era grande. E cumpriron, dándonos 29 minutos do seu rock alternativo e punki, e, por suposto, en galego. Ao ser un grupo de Ordes, cuxa comarca nos ten dado a Galicia tantos grupazos, non sorprende ademais que gravaran con Mahi no Cimática Studio de Cerceda. Aínda hai unhas poucas semanas presentaron o disco por todo o alto na compostelá Sala Capitol, xunto a Acouga e máis numerosas colaboradoras. Aquí tedes a crónica que desa noite escribiu Javier Pereira, cargada de fotazas: https://roucoson.com/2023/02/17/10o-aniversario-de-superoito-na-sala-capitol-xunto-a-acouga/

Lethal Vice / Arkham – Bastardize the World

Entramos xa en febreiro con este EP compartido de puro thrash metal, da man de dúas das máis lonxevas bandas deste estilo no sur de Galicia: Arkham, de Tui, e Lethal Vice, de Vigo. Ambas levan dende a primeira década dos 2000 dando tralla e honrando aos clásicos do thrash. Sabendo isto, o formato compartido, que tanto se estilou historicamente no metal subterráneo, é perfecto para conxurar esa estética retro e sen compromiso. Catro cancións en 17 minutos, portada ao estilo Ed Repka, guerra e birra… Non fai falla máis.

Arrhythmia – I

Primeiro chegou III en 2012, logo II en 2016… e o 18 de febreiro de 2022 xa foi a quenda de I, poñendo a guinda do pastel a esta conta atrás. A banda de rock alternativo de Lugo é unha habitual dos festivais galegos coas súas cancións potentes á vez que pegadizas, moitas veces acompañadas de colabos do primeiro nivel. E neste álbum de media horiña de duración atopamos todo isto e máis. Non esquezades botarlle un ollo á nosa crónica do concertazo de presentación do disco que deron daquelas na Sala Malatesta de Compostela: https://roucoson.com/2022/03/05/arrhythmia-presenta-por-todo-o-alto-o-seu-novo-album-na-malatesta-de-compostela/

Dakidarría – Colaxe

Á semana seguinte chegaría o novo álbum de Dakidarría, Colaxe. A banda de ska punk, formada hai 20 anos no Val Miñor, é unha das bandas de rock en galego máis coñecidas e recoñecidas. E, como tal, neste álbum fan bandeira da escena cunha chea de colaboracións galegas e internacionais, destacando especialmente as do primeiro sinxelo do disco, «Pobo de artistas». Nesta canción e no seu correspondente videoclip están acompañados de Tanxegueiras, do Rabelo, e dunha chea de destacadas artistas galegas (no vídeo saen máis de 70). Botádelle unha orella e máis un ollo!

Treintañeras Cañeras – Música para el Programa de Bertín Osborne

As cancións punkis e satíricas de Treintañeras Cañeras veñen acompañadas dun feixe de riffs de hard rock e metal neste Música para el Programa de Bertín Osborne, lanzado el 3 de marzo. O título xa fai adiviñar o tipo de temas que imos atopar neste álbum de 8 cancións en 27 minutos, que é o primeiro da banda viguesa fundada en 2017 despois de varios EPs e sinxelos. Ao escoitalo é imposible evitar pensar no guapos que estarán estes temas en directo, así que ide mirar as súas redes ou as da súa promotora Galunk Producións (hai uns cantos máis discos lanzados por eles nesta lista e nas nosas páxinas) para non perder a oportunidade.

La Quinkillada – Gozar, Sentir, Bailar

La Quinkillada semella creada para ser unha banda intrinsecamente festivaleira. Comezaron a súa carreira na pandemia como banda de versións, e en 2021 sacaron un disco, Verano Mix, no que adaptaban 15 temas míticos de punk, ska, rumba ou incluso hip hop. Porén, con este Gozar, Sentir, Bailar, lanzado o 4 de marzo, decidiron pasar ós temas propios, amosando a súa mestura de música latina verbeneira, rumba e un sinfín de estilos máis.

Third Nail – Theos-Haimaton

Third Nail é unha banda dun só membro, que non é nada menos que Balc. O membro fundador de Inmacula Mortem e Balmog ten unha carreira extremadamente prolífica, pasando tamén por bandas tan destacadas como Witchfyre, Scent of Death ou Marthyrium, ademais de numerosos proxectos paralelos de diversos estilos xunto aos principais nomes da escena extrema galega. Neste proxecto persoal fai o que podería considerarse o seu xénero principal, black metal; blasfemo, puro e sen compromisos. Este EP de case 20 minutos é o seu segundo traballo, lanzado o 12 de marzo despois de Sherperd of Wolves en 2021. E todo isto tendo en conta que Balmog sacou un album tremendo o ano pasado e apenas acaba de anunciar a secuela do seu aclamado EP de 2020 Pillars of Salt. Toda unha proeza.

Esquizofrenia Paranoide / Nados na Escuridade – Esquizofrenia Paranoide / Nados na Escuridade

O 17 de marzo saíu un novo EP compartido, desta vez de dúas bandas de doom metal: Esquizofrenia Paranoide e Nados na Escuridade. Foi editado conxuntamente por dous míticos selos subterráneos, Loita Underground (Vigo) e Nigra Mors (Ourense). Abre o disco, contido nun sombrío digipack, Nados na Escuridade, que comeza a súa parte cuns riffs que sonan ao mellor doom tradicional, pero acompañados dunha voz entre gutural e marmurada, que lles dota dunha escuridade (valga a redundancia) máis propia de estilos máis extremos. O seguinte tema, porén, é puramente electrónico e ambiental, pero mantendo á perfección a atmósfera lúgubre da canción anterior. Chega despois a quenda de Esquizofrenia Paranoide, que asoballan ao oínte co seu característico doom metal desgarrador e minimalista. O toque sucio, agresivo e Faino ti Mesmo da súa música trae reminiscencias do sludge metal, mentres que as voces entran máis no terreo do death doom e mesmo o funeral doom. Lento e pesado, sendo xa non apto para fans casuais do doom pero sen chegar ao extremo de lentitude do drone metal. Puro subterráneo, como debe ser.

Grima – A Ver Ahora

O novo traballo de Grima foi, sen dúbida, un dos máis esperados do ano. Lanzado o 23 de marzo xunto a Galunk Producións, o dúo pontevedrés afonda en A Ver Ahora no estilo que comezamos albiscar en A Ver a que Sabe (2018), pero engadindo ao furioso rock alternativo que as caracterizaba máis elementos post-hardcore e ata psicodélicos, con estruturas non tradicionais e máis pasaxes instrumentais. Cabe destacar as tremendas colabos con Kaixo e máis con Bala, outro dúo co que xa teñen compartido varios concertos conxuntos. Non perdades a nosa crónica da súa participación no Resurrection Fest como parte da xira de presentación do disco: https://roucoson.com/2022/08/09/as-bandas-galegas-do-resurrection-fest-2022-dia-4-4/

Nin a Tiros – Na Hora do Lobo

Segundo EP deste sexteto de Compostela, despois de ter lanzado un homónimo en 2018 e máis un split xunto a Lenincat. Neste Na Hora do Lobo, lanzado o 27 de marzo, perfeccionan o seu pesado estilo, que hibrida á perfección o groove metal e o heavy hardcore e no que non faltan tampouco as pasaxes rápidas. As letras escuras poñen a guinda do pastel. Con este disco son xa, por dereito propio, unha das bandas clave do metal en galego actual, e xa non podemos agardar a ocasión de verlles tocar por fin en directo! Agardamos que o 2023 nos dea por fin esta ansiada oportunidade. Non podemos non mencionar as colaboracións nas voces de Laura Iglesias no tema homónimo e de Victor Bronkas (Desbrozadora, Ruthless en directo…) en «Tristura triturada» e «A derradeira candea». Contámosvos máis detalles sobre o lanzamento no seu momento nesta noticia: https://roucoson.com/2022/05/25/nin-a-tiros-saca-o-seu-segundo-ep-na-hora-do-lobo/

Seso Durán – Ascensión

Despois de tantos destacados lanzamentos en marzo, o 20 de abril colleu o testemuño o cantautor marinense Seso Durán, co seu Ascensión. 10 temas, 41 minutos, exhibindo un pop rock independente, comprometido e introspectivo. O disco supón unha excelente continuación para o seu anterior traballo, Son da Memoria, que exploraba temas relacionados coa Guerra Civil. Para gravar o novo disco, Durán rodeouse unha vez máis de destacados músicos e colaboradores. Contámosvos máis sobre o lanzamento nesta nova daquelas: https://roucoson.com/2022/04/06/o-20-de-abril-publicase-o-novo-album-de-seso-duran-titulado-ascension/

A Banda da Loba – Xabón Lagarta

A Banda da Loba non é só un dos grupos infaltables en boa parte dos festivais do país, senón que tamén son notablemente prolíficas en estudio, tendo editado catro traballos dende o seu nacemento en 2016, comezando en 2017 con aquel Bailando as Rúas. Xabón Lagarta saíu o 29 de abril e é o último deles, co que se teñen embarcado nunha exitosa xira de presentación tanto por Galicia como pola península adiante, xunto á súa road manager e colaboradora Patty Castro. Neste álbum, de 12 temas en 43 minutos, as 5 integrantes do grupo expoñen á perfección o seu característico estilo, que incorpora rock, pop ou folk. Cancións sinxelas e pegadizas cunha forte carga expresiva e simbólica, e, por suposto, en galego.

Cró! – Buah!

A finais de 2022 recibimos a triste nova da separación do grupo, que deu o seu concerto de despedida a principios deste mes de xaneiro. Porén, temos como consuelo que nos deixaron un testamento excelente, Buah!, lanzado o mesmo día que o disco da Banda da Loba. Un exemplo perfecto da inclasificable música do cuarteto vigués, que vai do rock progresivo ao alternativo e ao psicodélico. 7 temas «curtos» para o que adoita ser no estilo, pero ben cheos de cousas, que son un colofón perfecto para a súa traxectoria, que comezou en 2009 e nos deixou discos tan chulos como Mounstros (2016), Pera (2014), Onkalo (2012), Dime que Quedó Gravado! (Improvisaciones) (2011) ou o homónimo Cró! (2009).

Ruinas – Resurrekzión

Este segundo traballo de Ruínas, o EP de media hora de duración Resurrekzión, saíu o pasado 13 de maio. Con este disco, o dúo rende tributo ao seu estilo death/grind e death/crust á vez que innova, e introduce como contrapunto perfecto aos riffs despiadados e os blast beats frenéticos propios destas sonoridades unha segunda parte de puro son darkwave, dun xeito similar ao que xa vimos no traballo de Nados na Escuridade, pero definitivamente propio. Nesta ligazón podedes botarlle un ollo á recensión que xa publicamos sobre o mesmo: https://roucoson.com/2023/02/01/ruinas-resurrekzion-2022/

Mondo Podre – Necronomía de Subexistencia

O mesmo día que o de Ruinas saíu á rúa outro discazo de grindcore galego, Necronomía de Subexistencia de Mondo Podre. Este quinteto, cuxos membros repártense entre Ourense, Vigo e Coruña, ten xa sete anos de historia e varios lanzamentos ás súas costas con diferentes formacións. Necronomía de Subexistencia é o seu primeiro traballo completo de estudio. 14 temas de grind sen concesións, futurista e distópico, en apenas 20 minutos. E, principalmente, en galego. Que máis se pode pedir? Non esquezades botarlle unha orella tampouco ao traballazo que os membros do grupo fan ou teñen feito en bandas como La Hija del Carroñero, Akouphenom, Cruzeiro, Infrahumano, Bokkluk, Kiste Sacro, Desolate ou Wardead. Neste nova contámosvos máis detalles sobre o lanzamento do disco: https://roucoson.com/2022/06/01/novo-disco-de-mondo-podre-necronomia-de-subexistencia/

Bloodhunter – Knowledge Was the Price

Bloodhunter son, probablemente, a banda de death metal melódico estatal máis coñecida actualmente. O seu terceiro álbum fíxose de rogar, saíndo 5 anos despois que The End of Faith (iso si, cun álbum en directo, Live in Madrid, lanzado polo medio en 2020). Pero o 27 de maio de 2022 por fin saíu Knowledge Was the Price, cunha enorme anticipación motivada polos memorables sinxelos de adianto que lanzaron e polas tremendas colaboracións que o quinteto nado na Coruña conseguira para o disco, incluíndo a de Tim «Ripper» Owens. Bloodhunter, da man da discográfica valenciá Maldito Records, cumpriu con creces coas expectativas, polo que só cabe agardar que continuarán a medrar e a medrar. Proba disto é que os seus membros, especialmente a súa vocalista Diva Satánica, teñen colaborado con grandes bandas do metal internacional, como é o caso desta última con Holy Moses, Mägo de Oz ou Crisix. Aquí tedes a nosa crónica do derradeiro día do Resurrection Fest 2022, no que tocaron como parte da xira de presentación do disco: https://roucoson.com/2022/08/09/as-bandas-galegas-do-resurrection-fest-2022-dia-4-4/

Moura – Axexan, Espreitan

O 27 de maio foi outro día sinalado para o rock galego o pasado ano, pois, ademais do álbum de Bloodhunter, saíu tamén o esperadísimo segundo álbum de Moura. O sexteto de rock progresivo e psicodélico da Coruña, que incorpora ao seu estilo o folk e a tradición musical galega, é, dende que lanzaron o seu rompedor álbum homónimo en pleno 2020, unha das bandas punteiras máis indiscutidas da escena. En consecuencia, sobre este Axexan, Espreitan xa teñen corrido ríos de tinta, polo que vos deixamos directamente coa entrevista que Patty Castro lle fixo ao vocalista e guitarrista da banda, Diego Veiga: https://roucoson.com/2022/05/19/diego-de-moura-e-necesario-retomar-o-testemuno-de-artistas-como-nhu-bibiano-ou-emilio-cao/

Lóstregho – Arroutada

Xa en xuño, achegábase o verán, polo que era o momento perfecto para que o trío pontecesán Lóstregho lanzase, o día 3, o seu primeiro EP. Nel atopamos a súa mestura de rock alternativo e punk festeiro e rechamangueiro, tocado unicamente con voz, batería e baixo. Pura Costa da Morte! Nas nosas páxinas xa vos falaramos varias veces deles, tanto cando lanzaron o disco como cando lanzaron os videoclips de «Narcotraficante de sexo» ou o adianto «Zarpazo». Non quededes sen botarlles unha orella se aínda non o fixestes: https://roucoson.com/2022/06/13/lostregho-estrea-arroutada-o-seu-primeiro-disco/

Haim – Baphomet

Lanzado apenas 6 días despois do EP de Lóstregho, a invernal demo Baphomet, de Haim, non podería romper máis coa dinámica veraniega do anterior. Tampouco se parece nada, como poderedes imaxinar, á banda de pop rock estadounidense do mesmo nome. A nosa Haim fai, dende 2007, puro black metal, escuro, misantrópico e blasfemo. O Aim do que a banda toma o nome é un dos duques do inferno no grimorio Ars Goetia. E por se todo isto fose pouco, a banda está integrada por unha soa persoa anónima, non da concertos, non ten redes sociais, e só ten lanzado demos esporádicos nos seus 16 anos de existencia. Non se pode ser máis black metal ca iso.

Perpetual – Memento Mori

Memento Mori é o cuarto traballo e terceiro álbum de estudio da banda coruñesa de death metal Perpetual. Foi lanzado o 30 de xuño, e toma o testemuño dos álbumes anteriores Maze of Chaos (2018) e Carving a Dismembered God (2015), así como do EP Visions of Death (2009). O cuarteto, formado en 2006, presentouno por todo o alto, nada menos que na compostelá Sala Capitol, o pasado 3 de abril, xunto a Barbarian Prophecies e Agónica; unha verdadeira proeza para o subterráneo e para a escena extrema galega. O disco, lanzado por Base Record Production, é puro death metal con letras ocultistas, como nos vellos tempos. Dádelle unha escoita xa!

Morgen – Agony

Outro disco que se fixo bastante de rogar foi o segundo álbum da banda punk coruñesa Morgen, Agony, lanzado o 2 de xullo. Chegou máis de 6 anos despois de Restart, que saíu en 2016, pero a espera pagou a pena. Neste novo álbum atopamos de novo o hardcore melódico, rápido, divertido e pegadizo, que caracteriza ao quinteto. 12 cancións en inglés de sobre 3 minutos cada unha, que traen inmediatamente á mente a escena californiana dos anos 90. Se vos mola o rollo (a quen non?), non deixedes pasar a oportunidade de botarlles unha orella.

Ícaro – Incendios

O 1 de setembro chegou o terceiro EP do proxecto unipersoal de metal alternativo Ícaro. Nos catro temas deste Incendios, de máis ou menos 3 minutos cada un, colaboran artistas tan destacados como Héctor Ojea de Battosai, Germán González de Skunk DF e Barsinë, Jorge Vileilla de Virgen, e Cristian Machado de Lions at the Gate e ex-membro de Ill Niño. Foi gravado e producido polo propio Ícaro. Dádelle unha volta no seu Bandcamp ou nas demais plataformas dixitais, pois todos os ingresos xerados con este novo traballo serán doados á Asociación Española Contra o Cancro, con fins de investigación.

Hexenbann – Witchcraft Goddess

Outro disco de black metal galego sen remordimentos, lanzado co albor do outono o 22 de setembro. O dúo ferrolán Hexenbann, formado por Thewarbass e Der Hexenmeister, leva lanzando discos dende 2019, e dende entón non parou a cousa, sacando 3, 4 ou ata 5 discos nun ano, como ocorreu en 2020 en plena pandemia. No ano 2022 lanzaron 2 EPs, Winterly Sunrise e The Fall of an Empire, e máis este álbum, Witchcraft Goddess, de 55 minutos, no que ademais de incluír temas novos recuperan algunhas cancións das anteriores gravacións. Non esquezades chequear a súa labor titánica!

Moito! – Estados Naturales

Estados Naturales, lanzado o 7 de outubro, é o primeiro álbum da banda de indie rock Moito! procedente da Pobra do Caramiñal. Este cuarteto do Barbanza formouse como banda de versións, pero dende 2018 comezaron lanzar varios EPs e sinxelos de material orixinal (Ingravidez en 2018, Ingeniería Inversa en 2019 e Anexo en 2020), culminando neste álbum de 10 cancións, con 38 minutos de duración e cantado en 3 idiomas. Veñen pisando forte, así que non deixedes pasar a oportunidade de escoitar o álbum.

Familia Caamagno – O Mundo Está Derrotado

O 17 de outubro chegou un dos discos máis agardados do pasado ano en Galicia: o novo de Familia Caamagno, o álbum O Mundo Está Derrotado. Dende o lanzamento do videoclip da súa atrevida versión do «Xuntos» de Juan Pardo, as novas cancións do quinteto de rock ‘n’ roll e power pop de Sigüeiro non teñen parado de soar por todas partes no país, dende os festivais ás salas (tamén por toda a península) e dende as radios ao plató da TVG. No seu momento entrevistamos ao seu vocalista, Manuele Caamagno, para que nos contase os detalles do disco, que presentaron tamén na Capitol: https://roucoson.com/2022/10/21/manuele-de-familia-caamagno-a-retranca-permite-poner-o-foco-no-que-che-interesa-cun-sorriso-nos-beizos/

Sanjorge – Oneiromancy

O rock e o metal instrumentais destas características non se prodigan moito en Galicia, pero contamos, como non con exemplos de gran calidade. Un deles é este Oneiromancy, o segundo disco de Sanjorge despois de Myth en 2017. Detrás destes dous discos está Diego Sanjorge, guitarrista de Iron Hunter e Pacho Brea, que nos trae cancións épicas de power metal instrumental, cheas de influencias da música clásica e de virtuosismo guitarrístico. Saíu o 30 de outubro e veu acompañado de dous videoclips, para os temas «The Wanderer» e «Enter Hades». Ide chequealos se queredes unha clase maxistral de guitarra gratuíta! Un disco á altura dun dos shredders máis rápidos da nosa terra.

Premature Burial – The Obsolete

Ao día seguinte do disco de Sanjorge saíu The Obsolete, de Premature Burial. Outro disco dun alumni de Machetazo que se cola na lista, pois a banda está formada unicamente por Jose Dopico, fundador da lendaria banda de death/grind e que tamén foi membro de Dishammer, Mol, Frustradicción ou Bodybag, entre outras. Con Premature Burial, Dopi explora novo terreo dentro dos sons clásicos do underground oitenteiro, cunha orixinal mestura de doom metal, heavy metal, speed metal e punk rock. Toca todos os instrumentos, só axudado en ocasións na guitarra solista por grandes como Paco Liaño de Xudef Klas, o sueco Johan Wallin de General Surgery, ou o estadounidense Doug Long de Funerary Box. Botádelle unha orella ao álbum, e se vos apetece algo máis extremo, tamén podedes escoitar a Dopi no dúo de death metal Leprophiliac, que lanzou tamén en 2022 o EP Slimebath.

Crystal Somnia – Breaking the Silence

Crystal Somnia mestura death metal melódico, thrash, metalcore ou metal progresivo neste primeiro traballo de estudio, Breaking the Silence, lanzado o 4 de novembro. Seis temas en 40 minutos, máis unha versión da mítica «The Philosopher» de Death. A banda naceu en 2019 e está formada por rapaces novos, pero sorprende pola calidade técnica dos temas. Neste álbum temos nas voces a Victor Tarela, xa exmembro da banda, coñecido polo seu traballo como shredder en bandas como Strikeback, amosando aquí unha nova faceta musical.

Her Anxiety – No Land in Sight

Xa vos temos falado nas nosas páxinas varias veces de Her Anxiety, a nova banda de metalcore viguesa xurdida das cinzas de His Anxiety, que lanzou o seu primeiro álbum No Land in Sight o pasado 18 de novembro coa estatal Art Gates Records. A banda colleitou unha impresionante acollida, incluíndo unha presentación nun Pub Transylvania cheo ata os topes, e está agora mesmo inmersa nunha xira pola península para presentar o álbum. Se queredes saber máis, podedes mirar a entrevista que lle fixemos á súa vocalista Aida: https://roucoson.com/2022/11/22/aida-de-her-anxiety-en-galicia-temos-sorte-tendo-tantos-festivais-de-calidade/

Sés – Diante un Eco

O de Sés é, con razón, un dos principales nomes da música galega e da música en galego. E o último álbum na súa dilatada traxectoria é este Diante un Eco, o seu octavo traballo completo de estudio (noveno contando a Readmirando a Condición, lanzado en 2017 e co que regravou e actualizou o seu primeiro álbum Admirando a Condición, de 2011). Nel atopamos novamente a súa combinación gañadora de canción de autora, música tradicional galega, rock e música latina, de reivindicación e intimismo. Veu a luz o pasado 25 de noviembre. Sen dúbida, outra destacada entrada ná súa discografía.

Xerión – Drou

A demo Drou, lanzado o 1 de decembro, foi o único lanzamento de Xerión o pasado 2022. En calquera outra banda isto non sería en absoluto rechamante, pero tendo en conta que o dúo ourensan é unha das bandas máis prolíficas do país con diferencia, a afirmación da idea da calidade que ten que estar necesariamente contida en Drou. Esta é a terceira das «demos do caos» coas que a banda celebra máis de vinte anos de traxectoria, cun son que lembra ao dos seus primeiros lanzamentos (dirección que tomaron tamén co álbum de 2020 O Nada no Caos Infinito). Non esquezades tampouco botarlle unha orella aos traballos das demais bandas do Negro Círculo Minhoto que integran, que ademais de a Nados na Escuridade, inclúe a VKR ou a Sordida Nox. Patty Castro falou máis de todo isto co membro e fundador da banda, Nocturno, nesta entrevista: https://roucoson.com/2023/01/15/nocturno-de-xerion-en-drou-quixen-recuperar-o-espirito-das-primeiras-maquetas/

Kings of the Beach – Woah!

Despois dunha longa odisea, o 9 de decembro saíu por fin Woah!, o segundo álbum completo do trío vigués de punk de garaxe Kings of the Beach. Gravárono en Madrid en 2019, e en 2020 publicaron o primeiro adianto, pero conflitos co seu xa ex-selo e ex-mánager lles obrigaron a lanzar a principios de 2022 unha campaña de micromecenazgo para poder pagar os gastos da gravación que estes afrontaran nun primeiro momento, e así poder lanzalo eles mesmos. Con 173 aportacións conseguiron algo máis dos 7.000€ necesarios, así que en 2022 puidemos por fin desfrutar do álbum, cheo dun punk accesible e melódico pero tamén cañeiro. De seguro poderedes velos tocalo en directo en festivais e salas de Galicia e da península (e mesmo de Estados Unidos e México, onde xa teñen feito os seus pinitos). Os seus membros tamén fan parte de Youcanthide, banda que, como xa sabedes, veremos no Resu este ano…

Loita Amada – Viva a Loita Amada Revolucionaria

O vocalista e guitarrista de Nao, Pablo Carracedo, «Jasper», está de volta con esta nova banda e este novo disco, que comparte coa vocalista e pandeireteira Nébeda Piñeiro. Viva a Loita Amada Revolucionaria foi lanzado o 19 de decembro de 2022, e posteriormente presentado por todo o alto o pasado sábado 25 de febreiro de 2023 na Sala Capitol xunto a varias colaboradoras. E, por suposto, encheron a sala, un logro moi considerable tendo en conta o pouco tempo de vida que ten a banda. Neste concerto presentaron o que é un álbum con raíces na clásica canción protesta galega e que incorpora tamén elementos doutros estilos, como o rock e outras «novas sonoridades», como indica o propio grupo.

QFB – Rexurdir

QFB é unha banda de rap metal que naceu nos anos 90 na cidade da Coruña, seguindo a estela de Def Con Dos como pioneiros do estilo en Galicia e sendo contemporáneos de bandas como Skornabois ou Kannon. As súas gravacións de 1995 vén por fin a luz neste Rexurdir, no que 6 cancións gravadas naquela época, nos estudios Pirámide da Coruña, veñen acompañadas de 6 respectivas regravacións das mesmas da man da formación actual (que tamén ten sacado outros 3 novos sinxelos nos últimos dous anos, dende a súa reunión). As letras son reivindicativas, e tamén hai espazo para a troula. Un lanzamento de gran valor histórico que nos devolve inmediatamente á época na que este estilo estaba na primeira liña da escena alternativa. Especialmente destacada é a canción en galego «Revolución», composta nun tempo en que facer cancións así en galego era moi infrecuente e na que fai a súa aparición a gaita galega. Saíndo un día despois do disco de Loita Amada, o 20 de decembro, este traballo pechou o ano ao grande.

Non esquezades comparar esta lista coa que fixemos para o ano anterior! https://roucoson.com/2021/12/17/os-25-discos-galegos-de-2021/