Os 40 discos galegos de 2024 (Parte 1)

Imos coa primeira parte da nosa lista de discos destacados do pasado ano cos 20 primeiros. Hai black metal, rock duro, grindcore, indie, punk, pop e moito máis. Bandas novas, regresos moi agardados, e, por algún motivo en particular, moitos dúos. Aí vai!

Zelion – TUV

O 15 de xaneiro foi lanzado de xeito independente o terceiro álbum de Zelion, TUV. A banda está formada por membros e exmembros de agrupacións galegas tan destacadas como Raze, Tálesien ou Eco, que en Zelion practican unha mestura de hard rock e heavy metal moi melódica. Os 12 temas deste traballo caracterízanse por un considerable protagonismo dos teclados e por estar cheos a rebordar de melodías pegadizas, pero tamén pola súa técnica e a súa contundencia. Paga moito a pena darlle unha volta!

Mondo Podre – Nadie al Volante

Despois do seu álbum de 2022 Necronomía de Subexistencia, o cuarteto de grindcore Mondo Podre publicou o 2 de febreiro do pasado ano o EP Nadie al volante, esta vez con Miguel collendo o testemuño do xa ex-membro Gon (agora centrado en Akouphenom e Cruzeiro) na guitarra. O EP inclúe seis temas no seu estilo característico nos que mesturan letras reivindicativas e irónicas escritas en galego, inglés e castelán. Xuntos suman pouco máis de nove minutos contando intros, como é habitual nun xénero tan caracterizado pola súa velocidade e intensidade (aínda que non faltan tampouco os riffs pesados). Por esta razón, darlle unha volta paga a pena e non custa nada! A edición física si que chega aos 12 minutos ao incluír unha cover do mítico grupo canadiense de brutal death técnico Cryptopsy… Tocada aínda máis rápido que a orixinal.

Aphonnic – Crema

En 2024 sacaron disco varias bandas que non precisan de ningunha presentación, e unha delas foi a viguesa Aphonnic. 5 anos despois do lanzamento de La Reina en 2019, o 9 de febreiro chegou o seu séptimo álbum, Crema. Aupado por sinxelos como “Melodía antifascista”, o novo traballo do cuarteto regálanos novos himnos do seu rock alternativo con elementos de metal que de seguro soarán con forza nas gorxas do público festivaleiro de todo o Estado.

Carlos Ares – Peregrino

O mesmo día que o novo de Aphonnic saíu o primeiro álbum do coruñés Carlos Ares, que se atopa agora mesmo levando por salas é festis de todo o Estado a súa proposta en solitario despois de varios anos sendo un prolífico produtor. Aínda que na súa carreira previa pasou por diversidade de estilos, neste traballo predomina o indie folk, estando Ares acompañado de numerosos músicos e músicas que enriquecen o seu son con diferentes instrumentos principalmente acústicos. Falámosvos máis en profundidade sobre as súas cancións na nosa crónica do seu concerto no Son do Camiño do pasado verán: https://roucoson.com/2024/08/31/as-bandas-galegas-no-son-do-camino-2024/

Rheia Gorecki – Monochrome

Como veredes, o 2024 foi un ano de moitos regresos moi agardados. E case exactamente tres anos despois do lanzamento do seu aclamado EP VVV, o 12 de febreiro de 2024 Rheia Gorecki lanzou a súa continuación, Monochrome. Acompañada unha vez máis dun fermoso traballo visual, a música do dúo compostelán explora as fronteiras de estilos como o rock alternativo, o post metal ou o shoegaze. Esa foi dende o nacemento da banda en 2018 a área de converxencia entre Catuxa Magán Pichel e Adrián P. Blunier, que proviñan de estilos tan distintos como o R&B de Soul Maxín a primeira ou o black metal de The Last Twilight ou Merciless Warfare o segundo. Xa dixemos na nosa lista de discos destacados 2021 que a banda fora toda unha revelación, e cos seis temas do seu novo traballo confirman ese status e van máis alá. Confiamos en que o seguinte será xa un álbum completo!

Unathousänd – Wrath and Death on Earth

O 22 de febreiro chegou a quenda do primeiro traballo dunha banda nova, a viguesa Unathousand. O quinteto demostra neste álbum a súa mestura de death metal melódico moderno e metalcore, dominada polas melodías de guitarra, os medios tempos e os elementos electrónicos. Un disco de pouco máis de media hora de duración pero perfectamente executado, como non podería ser doutro xeito ao atopar na súa formación a membros e exmembros de bandas como Mano de Piedra, Luciférnaga ou In.Verno. Non en balde, a pesar da súa aínda curta traxectoria, xa chegaron mesmo ao escenario do mítico Kanekas Metal Fest de Cangas do Morrazo o pasado verán.

Seitura – Somos Nós

Tamén veu a luz o 22 de febreiro Somos Nós, o segundo traballo de Seitura. Este EP do cuarteto de punk rock do Val Miñor, lanzado por Galunk Producións, bástase de catro temas para expoñer o estilo directo e pegadizo da banda, que conta ademais coa colaboración de destacados artistas da escena. A voz de Gabri (Dakidarría) e a guitarra de Max (Skacha, Harry May) son a guinda dun pastel que demostra unha vez máis que o punk en galego segue máis vivo que nunca. Máis detalles, aquí: https://roucoson.com/2024/02/27/seitura-publica-o-ep-somos-nos-e-o-videoclip-xente-ceibe/

Aquelarre – Antares

O quinteto vigués de power metal Aquelarre, que conta con tres álbums de estudo lanzados ao longo de 18 anos de traxectoria, optou neste 2024 por unha estratexia inusual. Está a lanzar o que en condicións normais xa sería o seu cuarto álbum, Versus, dividido en 4 EPs diferentes. Antares, Aldebarán e Regulus viron a luz no pasado ano, mentres que Formalhaut está polo momento pendente de publicación. Aínda que calquera deses tres primeiros EPs podería ser susceptible de estar nesta lista, imos optar por Antares, que saíu o 24 de febreiro. Este destaca especialmente pola inclusión de “Son dos penedos”, un tema en galego que conta coas colaboracións de Ani Ldoe de Last Days of Eden e de Marcos e Dana de Mileth. A influencia folk da canción pega á perfección coa mestura de power e metalcore que caracteriza ao grupo dende os últimos anos.

Kalte Sonne – Laniakea Communique

O 1 de marzo chegou outro regreso moi esperado na escena galega, o do trío lucense de post metal instrumental Kalte Sonne. 5 anos despois do seu último lanzamento discográfico, que veu acompañado tamén dun parón nos seus concertos ata 2023, os de Lugo sorprenden cun álbum de catro pistas no que destaca o tema de 18 minutos “Twory-F”. Tampouco podemos esquecer do que abre o disco, “P3X-7763”, que conta coa colaboración de Iván Ferro (Ictus, Khmer, Negarte…), responsable tamén de gravar os traballos da banda nos seus Kollapse Studios. E tamén hai que mencionar a colaboración de Abraham Cupeiro en “Anarres”, e o temazo “Symetriady”… Laniakea Communique é unha viaxe sonora fascinante de principio a fin. Falámosvos máis do seu lanzamento nesta noticia: https://roucoson.com/2024/03/04/laniakea-communique-e-o-novo-album-dos-lucenses-kalte-sonne/

Insire Nome – Agarimo

Tamén o 1 de marzo chegou o terceiro e derradeiro EP da banda de post-hardcore e screamo Insire Nome, Agarimo. Tratouse dun disco póstumo, lanzado despois da disolución do grupo, no que o trío incluíu catro últimas cancións nun total de aproximadamente 19 minutos de duración. Repite deste xeito a estrutura dos EPs anteriores Non Volverá (2022) e Nu e Só (2023), e tamén o seu estilo característico, que alterna de xeito dinámico as pasaxes máis relaxadas do post rock coas máis intensas e extremas do skramz. Falámosvos máis sobre o disco nesta nova: https://roucoson.com/2024/02/06/insire-nome-anuncia-o-lanzamento-do-seu-derradeiro-ep-o-postumo-agarimo/

Tecor Societário – Ti Que Vas Fazer?

O 5 de novembro recibimos a triste nova do parón indefinido de Tecor Societário, banda compostelá de folk punk con sete anos de traxectoria, que a diferencia da de Insire Nome chegou totalmente de imprevisto. Por sorte, uns meses antes, o 7 de marzo, deixáronnos un novo álbum, con Ti Que Vas Fazer? como título. Neste disco de oito cortes, o terceiro do grupo, combinan as súas características cancións propias de letras reivindicativas con versións do “Companheiro Daniel” de Suso Vaamonde ou da canción tradicional “Palmira”, adaptada co título de “Lola” e unha nova letra. Agardamos que a disolución sexa temporal e poidamos volver defrutar da música do grupo máis adiante! Máis info, aquí: https://roucoson.com/2024/03/19/tecor-societario-lanza-o-seu-novo-album-ti-que-vas-fazer/

Exeria – Sobre a Independencia

O cuarteto de rock alternativo Exeria, procedente da comarca do Condado, demostra ser unha das novas bandas máis activas do panorama galego. Despois da publicación de varios sinxelos, numerosos concertos por todo o país e ata unha sesión acústica ao vivo, sacaron por fin o seu primeiro EP, Sobre a Independencia, no pasado mes de marzo. O lanzamento veu acompañado do do videoclip do tema que abre o disco, “A costa de Frades”, e hai unhas semanas saíu outro, para o terceiro corte “Neno”. Non esquezades botarlle unha orella ás 5 cancións que compoñen este primeiro traballo, que dende logo nos deixa con ganas de máis.

The Rapants – La Máquina del Buen Rollo

Xa non queda nada por dicir sobre o que foi un dos discos revelación do ano pasado en Galicia, o do cuarteto muradán de indie rock The Rapants. Como xa dicíamos na nosa recensión de O Corasón como un After na nosa lista de discos destacados do ano anterior, o indubidable éxito colleitado con aquel traballo só era unha antesala do que chegaría con La Máquina del Buen Rollo o pasado 14 de marzo. Non fai falla dicir que escoitedes o disco porque non só seguramente xa o fixestes, senón que xa vistes a banda nalgún festival galego, porque están en todos. Contámosvos máis sobre o álbum, aquí: https://roucoson.com/2024/03/30/the-rapants-segue-a-colleitar-exitos-co-seu-novo-album-la-maquina-del-buen-rollo/

Hexenbann – The Eternal Wheel of the Seasons

Hexenbann é unha banda ferrolá moi atípica, incluso para os estándares das bandas de black metal. Dende 2019 lanza non menos de 3 discos ao ano que oscilan entre o black metal cru, o épico e o dark ambient, sempre dun xeito decididamente lo-fi. Despois de lanzar en febreiro o álbum noise Asylum, o 20 de marzo saíu The Eternal Wheel of the Seasons. Nel todos os instrumentos están interpretados, a xeito de banda unipersoal, por Der Hexenmeister, un dos membros fundadores da banda xunto a The Warbass. Este é un traballo sobre as estacións do ano que alterna pistas ambient con outras dun black metal atmosférico pouco común, con voces e sonoridades pouco comúns no estilo. Podedes comprobalo por vós!

Montaraz – Defendiendo tu Voz

Volvemos cambiar de estilo, esta vez da man do heavy metal máis clásico que practica o quinteto naronés Montaraz. O seu segundo álbum, que colle o testemuño do seu debut Via Crucis (2016), foi editado o 22 de marzo polo selo especializado Demons Records. Nel atopamos 7 temas en 40 minutos cheos de riffs heavys dos de toda a vida, retrousos pegadizos e agudos brutais, cos que a banda de Narón logra replicar á perfección ese son retro que tanto nos gusta aos apaixonados do xénero. Ganazas de velos en abril no país xunto á lenda do power metal alemán Scanner…

Leria – Marusía

O cuarteto de indie pop rock coruñés Leria, fundado en 2021, ten todo para ser a próxima revelación do seu xénero en Galicia. Así o demostran neste primeiro álbum, Marusía, lanzado o día 29 de marzo e que recolle tamén os sinxelos editados previamente pola banda. Nel atopamos 10 temas en galego e superpegadizos cos que May, Itzi, Hele e Andre nos levan bailar sen parar mesturando o informal e o reivindicativo. Un debut moi completo e de son impecable que de seguro será só o principio!

Mentah – Empty

Imos con outro dúo, cuxo regreso tamén se fixo de rogar para os que os descubrimos a principios de 2022 co seu discazo Everybody Hates. A banda ferrolá de rock alternativo Mentah lanzou Empty da man de Radix Records o 9 de abril, e non decepcionou no máis mínimo. Volveu apostar por un son indie noventeiro moi emotivo e ambiental, partindo dunhas cancións pegadizas que sacan e adolescente incomprendide que levamos todes dentro. Xa estamos desexando que chegue o seguinte!

Cabodano – É Mellor Matarse

Falando de regresos, o 13 de abril chegou o do quinteto de metalcore en galego Cabodano, procedente de Sigüeiro, Oroso. En 2018 lanzaron o seu álbum debut O Espertar, e agora editan este É Mellor Matarse. Nel continúan amosando o seu estilo característico, fortemente influído polo death metal melódico, pero case dobrando a duración do traballo anterior. Cabodano é dunha das bandas clave do metal en galego actual, polo que o seu novo álbum é esencial para calquera persoa interesada na música feita en Galicia hoxe en día.

Grampoder – Amuleto

O dúo compostelán Grampoder, formado por LeRoi á batería e Martin Wu á guitarra e á voz, lanzou o que é o seu terceiro álbum completo de estudio o pasado día 26 de abril. Aínda que esta lista dá boa fe de que o dúo é o formato de moda, LeRoi e Martin levan xa máis de dez anos facéndoo, logo de coincidir en The Homens e de formar parte de bandas como Fame Neghra, Stay Pretty ou Malraio. En Grampoder sintetizan a súa traxectoria integrando moi diversos estilos, como o pop, o hardcore, ou, no caso deste Amuleto, o dark wave, o indie ou o blues. Ao longo de dez temas variados de letras en galego exploran todas estas influencias, aproveitando ao máximo todas as posibilidades da súa formación minimalista. Contámosvos máis detalles nesta noticia: https://roucoson.com/2024/04/30/grampoder-presenta-este-venres-na-sala-sonar-de-compostela-o-seu-novo-lp-amuleto/

Bala – Besta

Outra banda sobre a que xa moi pouco queda por dicir. Se o dúo é a formación de moda, Bala son un dos dúos galegos por excelencia dende o seu nacemento en 2014. E celebraron os seus dez anos por todo o alto sacando, o 26 de abril, o seu cuarto traballo Besta. Nel amosan a súa mestura de diferentes estilos, que van dende o rock alternativo ao stoner, pero tamén o seu lado máis punky, como non podía ser doutro xeito ao contar coa colaboración de referentes como Ana Curra de Parálisis Permanente. Aínda que a banda emprega principalmente o español nas súas letras, tamén en Bestas hai sitio para o galego con “Ouveo”, un tema conxunto nada menos que con Tanxugueiras.

Segunda parte da lista: https://roucoson.com/2025/07/09/os-40-discos-galegos-de-2024-parte-2/