A rapazada do IES Lama das Quendas organiza a cuarta edición do Lamañazo Rock o 4 de xuño

O alumnado de Música de 4º da ESO no IES Lama das Quendas, en Chantada, está xa a preparar o IV Lamañazo Rock. A cuarta edición deste xa ben asentado festival terá lugar o vindeiro día 4 de xuño en tres escenarios diferentes, incluíndo o recentemente inaugurado novo auditorio do centro educativo. Contará coa participación de 6 proxectos musicais: Lampreas, Trobar do Caos, Maira y los Ratones, The Black Lennons, Menina e CMA.

O nome do evento homenaxea ao de outro gran festival de Chantada, o Castañazo Rock e os seus máis de 30 anos de historia. O Lamañazo está integramente organizado polo alumnado do curso coa axuda do persoal do centro, en particular do profesor de Música, Juan Manuel Vázquez, e a profesora de Expresión Artística, Cristina Ouro Gómez. Dende o festival afirman que “o mellor xeito de entender as cousas é facéndoas: trabucarse, repetir, probar, acertar, compartir, reflexionar, desfrutar”.

A preparación do Lamañazo Rock comezou nas pasadas semanas, nas que o estudantado dividiu o traballo en varios grupos dedicados a cadansúa tarefa específica. E pouco a pouco, o seu esforzo está dando os seus froitos. O departamento de xestión de grupos contactou cunha diversidade de artistas para tocaren no evento, da que saíron os 6 proxectos seleccionados. Mentres tanto, intendencia foi o encargado de pedir os permisos necesarios para levar a cabo os concertos, así como a preparar do material e os espazos necesarios para os mesmos. Cantina abastecerá a todo aquel que veña o festival con refrescos e, no caso dos grupos, tamén con petiscos.

Tamén se está preparando o mercadiño. Ás camisetas e pulseiras do pasado ano súmanse novos deseños e máis un exclusivo chaveiro co logo desta edición do 2026. E dende o departamento de prensa anímannos a vir un ano máis ao Lamañazo Rock, onde “es artistas exporán a súa música en distintos escenarios no Lama das Quendas”. Un deles, como decimos, será o novo auditorio con 206 butacas e 348 metros cadrados de superficie.

A cuarta edición do festival comezará ás 17:00 do 4 de xuño no salón de actos, coas actuacións da banda de heavy rock Lampreas (formado por alumnado de 4ª da ESO) e da banda de pop rock Trobar do Caos (de rapazada de 1ª de Bacherelato, que xa tocaron na edición do ano pasado). Ás 18:00 será a quenda do auditorio da Carballeira, do pop rock de Maira y los Ratones e do rock de The Black Lennons (que tamén repite no festival); estas dúas bandas proceden da escola de música local, a Casa da Música de Chantada. E ás 19:00 no escenario Biblioquendas chegarán as versións shoegaze de Menina e o ambient electrónico experimental de CMA (siglas de Colectivo Musical Autónomo).

En resumo, unha proposta moi completa para un festival autoxestionado que nada ten que envexar a calquera outro. Esta variedade é unha seña de identidade do Lamañazo, xa que na III edición as propostas foron igualmente diversas: foron dende o metal de Natus ad Mortem e a música galega de DJ Laura ata o ruído ambiental épico de F1n05 ou o pop de Candy Pop, sen esquecer a Pistachos ou Tantxs Cavernarixs.