From Ashes to Dust, Dios e Dioivo presentan mañá os seus novos traballos en Vigo

As bandas viguesas From Ashes to Dust e Dioivo presentarán ao vivo os seus novos traballos discográficos na súa cidade. Farano acompañadas da barcelonesa Dios, que visitará por primeira vez Vigo e que tamén presentará aquí o seu novo disco. O concerto das tres agrupacións será mañá, sábado 13 de xuño, no pub Transylvania, ubicado na rúa de Rogelio Abalde, en plena zona de Churruca. A apertura de portas será ás 20:30, e as entradas están a un prezo de 7 € as anticipadas e 10 € no despacho de entradas.

Por unha banda, From Ashes to Dust é un dúo de metalcore formado en 2024, que incorpora tamén influencias de estilos como o hardcore e do deathcore. Veñen de lanzar, no pasado día 16 de maio, o seu novo EP Nasty shit, composto por 5 cancións nuns 12 minutos de duración. Trátase da continuación do EP homónimo From ashes to dust, editado, de xeito independente ao igual que o último traballo, en 2025.

A pesar da súa aínda curta traxectoria, teñen tocado en diferentes puntos de Galicia e da península, como A Guarda, Compostela, Bueu, Pontevedra, Madrid, Nava ou Amurrio. Dende a súa formación o grupo está formado por Pablo, tamén produtor e artista en solitario, na guitarra, e Ismael, membro tamén de bandas como Muriel ou Xofre, na voz.

Dios, pola súa banda, é un cuarteto de death metal fundado en Barcelona en 2020. En 2023 sacaron o seu primeiro EP, titulado Exordium, seguido de Roods for God en 2025. Agora acaba de ver a luz o sinxelo “Triturador pagano”, adianto de Reexordium, un traballo co que refarán o seu primeiro disco con novas reelaboradas e un tema totalmente inédito.

O cuarteto está composto por Dani no baixo, Roger na batería, Carles na voz e Vri na guitarra. Son tamén membros de bandas como Cultum Mortis, Undivine ou The Last Oblation. Xa ían visitar por primeira vez Vigo xunto a Dioivo en 2024, pero tiveron que cancelar a súa presenza na nosa cidade, polo que esta vez si que se estrearan finalmente nos escenarios vigueses. O vindeiro día 27 de xuño tocarán de novo xunto a Dioivo, pero esta vez en L’Hospitalet de Llobregat.

A banda barcelonesa Dios

Finalmente, Dioivo presentarán en Vigo, despois de telo feito tamén en Compostela, o seu novo álbum Que soe o trono. O dúo vigués de black metal melódico e thrash metal recuperou con este último traballo as cancións da súa banda predecesora Rust in Peace, fundada en 2011 e reconvertida en Dioivo a principios de 2016. As cancións do álbum contan con novas letras en galego, como é norma para os vigueses.

Que soe o trono foi gravado en Vigo por Dany Soengas e editado en CD polas discográficas Romantic Songs Records, Loita Underground e Speedhammer Prods. Nel, o batería Dani e o guitarrista e vocalista Jacobo contaron coa colaboración dos antigos membros de Rust in Peace; a baixista Darcy, compositora tamén de todos os temas deste álbum, e o guitarrista Pablo.

Neste concerto, de feito, o dúo contará tamén con numerosas colaboracións, principalmente de baixistas, que foron anunciadas nos últimos días a través das súas redes sociais. A primeira en ser anunciada foi Fati, baixista de Suevia e Kuna de Odio, seguida de Mateo, baixista de Musgo 981 e ex-membro de Insire Nome e Teima. Tamén colaborarán con María, baixista de Baleas, e con Mario, baixista de Why Not? e guitarrista de Xofre. E tamén colaborará Pablo, membro fundador de Rust in Peace, á guitarra para pechar o concerto.

O cartel do concerto

Ademais de Que soe o trono, Dioivo ten lanzado outros varios traballos discográficos dende a súa fundación. En 2016 saíu o seu primeiro EP Dioivo, seguido do álbum Dioivo II en 2019 e o EP Dioivo III en 2021. Mentres que o primeiro foi autoeditado, os outros dous saíron da man do selo estatal Darkwoods. En 2023 chegaría o segundo álbum, Que soe o trono, da man da discográfica grega Sleaszy Rider Records. Ademais, teñen sacado diferentes sinxelos e maquetas, así como participado en diferentes compilacións. A súa traxectoria ao vivo suma cidades e vilas de toda Galicia e tamén de fóra dela, como Segovia, Madrid, Palma, Covilhã, Braga, Gasteiz, Sant Adrià de Besòs, Porto ou Garrafe de Torío.

Dende as bandas convidan a “calquera seguidor ou seguidora do metal e o hardcore” a asistir a un concerto integrado por bandas “que se guían polos principios da autoxestión e o faino ti mesmo” pero que contan xa con traxectorias considerables na escena subterránea estatal. “Será un xeito marabilloso de presentar os nosos novos traballos rodeados de amigos e amigas da escena viguesa”, engaden. O evento conta co apoio dos colectivos Raposos Crew, Musik Attack, Vigo Rock Crew, Metal Nostrum e Vigo Metalheads.