A compostelá Sala Moon acollerá mañá, sábado 24 de outubro, un concerto de tres bandas da escena actual do metal e o hardcore en Galicia. The Blind Path, Tear Down e Dioivo unirán forzas por primeira vez, presentando os seus lanzamentos discográficos máis recentes nun evento que mesturará estilos como o metalcore, o metal alternativo ou o black metal.
A apertura de portas será ás 20:30, mentres que os concertos comezarán ás 21:00 e rematarán ás 00:00. A entrada pode adquirirse a un prezo de 8€ de xeito anticipado a través das bandas e de 10€ no despacho de entradas da propia Sala Moon.
Por unha banda, The Blind Path é un quintento que mestura estilos modernos como o metalcore e o djent, contando con membros de entre Vigo e Compostela. Foi fundado en 2024 con membros procedentes doutras agrupacións, como Northslave, Other Game, Arson Tides ou Diving Through Jellyfishes. Neste ano 2026 lanzaron o seu primeiro sinxelo, titulado “Polaris”.
A formación está composta por Pablo na voz, Jose no baixo, Mateo na batería e Isaac e mais Alberto nas guitarras. A pesar da súa breve traxectoria, xa teñen dado concertos en diferentes puntos de Galicia, como Vigo, Compostela ou Cangas de Morrazo, compartindo escenario con Tear Down no Tronko Bar da parroquia pontevedresa de Lourizán.

Por outra banda, o cuarteto Tear Down practica un metal alternativo inscrito na corrente do nu metal dos anos 90 e primeiros 2000. Dende a súa presentación en 2025 teñen editado tres sinxelos, titulados “Brainless”, “PTSD” e “Bananaman. Os seus membros proceden das zonas de Compostela e o Salnés, con Ángel na voz, Iván no baixo, Damián na batería e Fran na guitarra. Teñen tocado en diferentes salas de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra ou Vigo.
Finalmente, Dioivo é un dúo vigués que practica unha mestura de black metal melódico e thrash metal. Foi fundado polo batería Dani e o guitarrista Jacobo en 2016 das cinzas da banda anterior Rust in Peace, fundada en 2011. Volverán á sala Moon para presentar o seu terceiro álbum e quinto traballo de estudio en total, Que Soe o Trono, que saíu en febreiro de 2026. O dúo ten tocado por toda Galicia e en diferentes puntos da península, tales como Porto, Braga, Madrid, Valladolid, Segovia, L’Hospitalet de Llobregat, Sant Adrià de Besòs, Amurrio, Gasteiz, Nava ou Garrafe de Torío entre outros.
