A asociación xuvenil O Ariete recupera unha festa que encara agora a súa terceira edición: o Akelarre, que volve a Vimianzo tras un parón dun ano na súa celebración. Terá lugar este venres, día 21 de agosto, nos arredores da Casa da Cultura da vila. Un ano máis, está organizado integramente por moces do municipio e contará con numerosas actividades de todo tipo, como concertos, picadas de DJs, unha obra de teatro, un espectáculo drag e moito máis.
O Ariete naceu en 2023 co obxectivo de dinamizar a vida sociocultural no val de Soneira dende unha perspectiva diversa e reivindicativa, fomentando a participación, a mobilización, o compromiso, o ocio libre, a solidariedade e a igualdade. Toma o nome dunha arma que nas súas palabras “derriba castelos e derroca opresores”, en referencia á historia do concello, e que “non se pode usar individualmente”, senón en colectivo. Dende o seu comezo teñen organizado numerosos eventos, dende a Frikifesta aos seus Torneos de Fifa, pasando pola súa colaboración na Muiñada de Vimianzo ou presentacións de libros entre outras moitas actividades.
Nesta traxectoria, sen dúbida o Akelarre ten un lugar especial, lembrando a historia das mulleres que foron perseguidas pola Inquisición baixo a acusación de ser meigas na parroquia vimiancesa de Carantoña en 1611. A súa terceira edición manterá as liñas xerais das anteriores, comezando as 19:00 cun concerto de Cecilia Burillo, que xa participou en edicións anteriores do Akelarre e outras actividades organizadas polo Ariete. A compositora e multriinstrumentista coruñesa é tamén membra de bandas como Planète Sauvage, Kreze e Candy’s Freckles; volverá a Vimianzo acompañada de Darío Pérez na guitarra eléctrica, Javier Fernández no baixo e Ramón Burillo na guitarra clásica.

O concerto de Cecilia Burillo dará paso a continuación á tradicional representación teatral co Teatro das Meighas, onde es intérpretes son es propies membres do Ariete, que comezará ás 20:00. Media hora despois será a actuación de Matasuegras, unha nova banda compostelá que mestura influencias do punk, o pop estatal e o pop xaponés. Seguiralle, ás 21:30, a regueifa da man de Nuria e Lorena, regueifeiras de Vila de Cruces que teñen actuado en diferentes puntos do Estado e mesmo fóra del.
Ás 22:30 será a quenda do concerto de Musgo 981, banda radicada en Compostela pero con membros procedentes de diferentes puntos de Galicia, dende A Guarda ata o propio Vimianzo. O cuarteto mestura estilos como o post-hardcore e o hardcore melódico, e vén de presentar o seu novo sinxelo “Frío”, ademais de participar na compilación XXV Invernos na Fraga Sombría: Tributo a Xerión coa súa versión de “O deter das horas”. Anteriormente lanzaron tamén o álbum Exilio en 2025, e teñen dado concertos por toda Galicia dende a súa fundación en 2024.
Tras este concerto, ás once da noite, haberá unha queimada a cargo do especialista Miguel Queiro, seguida do espectáculo drag Lúa Meiga, a cargo de Laca N’Celada. Xa á medianoite actuará Lamprea Explosiva, dúo punk asentado na Terra de Montes cunha ampla traxectoria que lanzou no pasado ano 2025 o seu último traballo Anarquía de Montaña. As picadas comezarán ás 00:30 da man de DJ Sankara.
O Akelarre 2026 continuará con DJ Furor, que collerá o testemuño ás dúas da mañá, e pechará o evento un novo DJ set ás 3:30 sobre o que polo momento a organización non ten ofrecido máis detalles. Dende o Ariete convidan a toda a veciñanza de Vimianzo e concellos da Costa da Morte a “vivir unha espectacular noite meiga no corazón da Terra de Soneira”. Deixámosvos co cartel completo do evento, deseñado por Olisbug.
