A Sala Rebullón, na parroquia mosense de Tameiga, é un oasis de música en directo que estivo en funcionamento incluso durante boa parte do tempo que levamos de pandemia. Sendo parte do Centro Social, Cultural e Deportivo As Pedriñas, coa Comunidade de Montes detrás, o seu estatus aforroulle moitas das limitacións que sufriron as salas consideradas establecementos de ocio nocturno, e dende a Rebullón aproveitaron a situación para apoiar ao máximo posible a escena musical. E moi especialmente, a da música en galego, cunha oferta moi diversa na que estilos coma o rock tiveron ademais un papel moi destacado. Falamos con Cao de Mos, que leva catro anos á fronte da programación da sala, para que nos conte como resistiron durante todo este tempo facendo concertos da máxima calidade sempre que as circunstancias o permitiron.

A Sala Rebullón é unha desas que sorprenden a calquera, unha sala totalmente profesional e cun son espectacular en medio do monte de Mos. Déixate preguntándote, isto de onde saíu? Cales foron as súas orixes?
Cando entramos xente nova na Comunidade de Montes de Tameiga, eramos a xente que faciamos aquí en Mos o Festival Rebumbio. E como xa estaba proxectada a ampliación do edificio da asociación veciñal cun espazo multiusos, decidimos enfocar ese espazo a concertos, teatro, e demais. Foi cando recibimos os cartos do que se nos expropiou para a construción da autopista. O edificio da asociación xa levaba uns 25-30 anos aberto, e con isto xa quedou rematado.
Supoño que suporía unha inversión moi considerable facer unha sala así.
Inversión en equipo non fixemos moita, porque temos a Alfonso Esky, que nos aluga o seu equipo e fai o traballo de técnico. O que si foi un pastizal foi acondicionar acusticamente a sala. De feito, “cargáronse” o espazo de media sala para facela soar mellor.
Sodes un dos poucos sitios da zona de Vigo onde se seguen a facer concertos case ininterrumpidamente a pesar da pandemia. Por que?
Ao ser un centro cultural, a nosa obriga moral e ética era seguir facendo cultura. Porque parou todo, pero cando nos confinaron todo o mundo precisou cultura: libros, cinema ou calquera cousa. Nós consideramos a cultura un ben esencial, e temos que ofrecerlla a xente. Sen cultura, onde imos?
A vosa programación é moi diversa, pero destaca a importancia que ten a música en galego. Foi casual, ou tedes un filtro máis ou menos estricto sobre quen toca na sala?
É a filosofía da sala, tentar apoiar ao máximo a música galega e en galego. De feito, aspiramos a non ter que cobrar alugueiro aos grupos galegos, que isto sexa para eles un espazo para expresarse. Polo momento aínda non o podemos facer, porque isto supón un patizal, pero é ao que aspiramos. Xa era a nosa filosofía dende que faciamos o Rebumbio.
A pandemia fixo que vos solicitasen máis concertos, ou pola contra notades que se reduciu o número de grupos dispostos a tocar en directo nestas circunstancias?
Notamos que nos escriben moito máis para solicitar información, especialmente dende fóra, do resto do Estado. Realmente, 2020 ía ser o ano no que iamos despegar como sala, tiñamos unha programación con bastantes pepinazos. Rodrigo Cuevas, Stoned Jesus, Tanxugueiras… Logo veu a pandemia e xa se sabe, tirouno todo abaixo. Pero ao final, aínda que non me guste dicilo, parece que nos vai vir ben. Fumos a única sala da que se falaba porque era a única que seguía programando, porque eramos os único que podiamos facelo. O que nos salva é ser un centro cultural e poder invertir en cultura. Realmente, se comezas a sumar, abrir a sala son 600 ou 700 euros por concerto, entre persoal, seguridade, camareiro… e o meu traballo xa nin se contabiliza economicamente. É inviable para calquera ara facer iso, co aforo que se tiña que cumprir. A ver agora como saímos desta era…
Tedes incluso feito algún concerto ao aire libre, coma o de Ruxe Ruxe e Sonoro Maxín. Como foi a experiencia?
Foi case unha volta á normalidade, case parecía un medio-festival (risas). Tendo o espazo que temos… Iso si, é moi complicado, porque a xente pensa “pois podo velo dende fóra e así xa non pago”. Pero a verdade é que mola un montón e con bo tempo da moita vida. Vías á xente bailar aínda máis dende as súas cadeiras.
Como vos inflúe o feito de estar en Mos e non nunha das grandes cidades galegas?
Notamos que a xente de fóra de Galicia non ten nin idea de onde queda Mos, e moitos intentan poñer Vigo no cartel do concerto. Non, Vigo non, Mos, perdoa. Tivemos algún cristo por este tema con algún manager, ata o punto de dicir “pois non se fai o concerto”. “É que nos interesa poñer Vigo”, din… Nós estamos reivindicando o noso concello, se che interesa poñer Vigo, vai a unha sala de Vigo. Logo tamén hai que ter en conta, polo de ter feito antes o Rebumbio, que os grupos galegos aquí en Mos xa teñen o seu público. Eu creo que un grupo galego mete máis xente en Mos que en Vigo agora. Agora e antes, realmente, porque moita da xente que viña a Vigo a ver concertos de música galega era xente de fóra de Vigo. Así que ao final non é moito problema. Ademais, estamos a dez minutos do centro de Vigo, non é nada.
Un dos vosos selos de identidade é ser unha asociación veciñal e cultural, e parte da Comunidade de Montes. Que importancia ten para vós o voso funcionamento asemblear?
O funcionamento asemblear da Comunidade de Montes, é que ten que ser así. É algo que xa vén dos pobos xermánicos, que xa xestionaban así os monte comunais. Para nós é o mellor sistema que hai. Logo no tema da sala xa non é tan asemblear porque estou que son o vicepresidente para levar isto, que o resto da directiva xa ten bastante choio (risas).
A sala ten acollido festivais de ámbito underground, coma o festival de metal extremo Napalm Fest. Nótase moita diferencia entre os grupos máis underground e os grupos máis profesionais e grandes, a nivel de ambiente, relación coa xente da sala…?
O que máis mola e cando se xuntan colectivos nun festival, coma o Napalm, ou o que faciamos de reggae. É outro rollo. A verdade é que nesta sala temos un público que é incrible. Cae unha copa e non fai falla mandar ninguén a limpar porque xa o limpa a xente no momento (risas). O ambiente que hai nesta sala non o atopas en ningunha outra sala de Galicia. Xa imos collendo un público fiel e acabas coñecendo a todo o mundo. E a xente valora moito o feito de que sexa un rollo non profesional, pero feito dende o corazón.