O novo álbum de Lóstregos é un deses que combinan a perfección o vello co novo. Un álbum que continúa a liña dos anteriores traballos da banda, á vez que introduce elementos innovadores que lle confiren a súa pegada propia. Con Onde Calan os Corazóns, Ruxen as Pedras, Lóstregos confirman que o black metal, incluso nas súas vertentes máis clásicas, aínda ten moitísimo que ofrecer. Seguindo unha liña á do seu predecesor, Lendas Baixo o Luar (2017), o disco componse de catro cancións longas, cun total de 45:32 minutos de duración, permitindo o desenvolmento dos temas sen que remate por resultar pesado. Os riffs flúen un tras doutro, e aínda que a música da banda está máis orientada a crear atmosferas envolventes que a desatar unha sucesión frenética de riffs moi elaborados, cada certo tempo aparece motivos que destacan e que moi facilmente quedarán gravados na túa cabeza.
O primeiro tema é “Deidades da noite/Ritos de morte”, que con berros de agonía dá comezo a unha das cancións máis escuras da banda. Nela renden culto ao black metal no máis puro sentido da palabra, aínda que combinado con riffs máis melódicos e con cambios de tempo e compás que lle dan o seu toque. Vén á cabeza a música de Noitébrega, unha banda pioneira do black metal en galego na que o baixista C. Lukows militou hai anos. Se non tedes escoitado as súas casetes, aproveitade agora que o selo Damnatio Ad Bestias reeditou dúas delas no recopilatorio Luar e Morte. Por outra banda, nos case 15 minutos do tema seguinte, “Lamentos no Medulio”, temos o estilo da banda na súa máxima expresión. As letras do grupo versan polo xeral sobre lendas e mitos celtas, e neste caso fan referencia á mítica batalla entre as tropas do Imperio Romano e os pobos que entón habitaban o norte da península ibérica.
Esta canción da paso ao que sen dúbida é un dos mellores temas da banda: “O meigo das pedras”, un tema dinámico e enérxico que mestura melodías memorables con letras para berrar co puño erguido, algo que o grupo xa demostrou saber facer moi ben en temas anteriores coma “Gallaecia” ou “Nas treboadas do norte”. A letra homenaxea a Man de Camelle, o artista ermitaño alemán que se instalou nesa parroquia do concello de Camariñas e que morreu, a lenda di que de tristura, apenas semanas despois de que a catástrofe do prestige atacara a costa onde tiña o seu fogar e destruíra boa parte das súas esculturas; unha figura que continúa tras moitos anos a inspirar a artistas tanto de Galicia coma de fóra dela.
O álbum pecha con “Bisbar que emana do ventre da terra”, na que o grupo incorpora por primeira vez unha influencia inequívoca do doom metal, e que atravesa numerosas pasaxes ata culminar nun dos solos de guitarra de inspiración metaleira clásica que xa son unha característica da banda, e que neste caso estivo a cargo dun colaborador, o guitarrista de Pölisong Diego Díaz. Todo remata cunha poética recitación a cargo de Viti, vocalista de Mordaza, que lle da ao traballo un final á altura.
Todo o álbum en xeral é un percorrido no que múltiples elementos teñen cabida: os interludios folclóricos de rigor, as seccións de teclado que o conectan o disco co black metal máis épico e sinfónico e que estiveron a cargo de Rober Bustabad (membro de bandas tan emblemáticas coma Machetazo e que compartiu banda co batería de Lóstregos en Ovakner), o violoncello a cargo de Saúl Nogareda de Grupo Fua, a produción característica do xénero… O resultado é fiel ao estilo do grupo, un metal extremo de alta voltaxe que evoca a épica de tempos pasados cun enfoque decididamente galego. Ningún oínte que se atreva con esta mestura quedará decepcionado.