A banda coruñesa de black metal Lóstregos acaba de sacar o seu segundo álbum, Onde Calan os Corazóns, Ruxen as Pedras, e o recibimento non podería ter sido mellor. Este cuarteto era xa unha das agrupacións máis destacadas do underground galego, cun estilo inzado de elementos folk e inspiración mitolóxica que xa lles levou a tocar por toda a península e fóra dela, participando en festivais tan consagrados (e consagradores) coma o Resurrection Fest de Viveiro ou o Barroselas portugués. Porén, foi en plena pandemia cando gravaron e editaron este terceiro traballo, despois do EP Alzamento no Norte (2016) e o álbum Lendas Baixo o Luar (2017), que xa ten superado o alcance dos seus predecesores con decenas de miles de visitas en plataformas dixitais e unha gran atención por parte dos medios especializados.
O grupo creouse en 2016, pero dende logo non apareceu da nada. Un dos seus fundadores, o baixista e vocalista Corey, provén de bandas coma Bodybag ou Noitébrega, unha banda pioneira do black metal en galego. O outro membro dende os inicios, o guitarrista e tamén vocalista Iago toca así mesmo en Come Back from the Dead, e xunto a Corey tamén ten outras bandas coma Bokluk ou previamente Amhra. A Corey e a Iago sumáronselle, para a gravación do primeiro álbum, o guitarrista Jesús e o batería Alberto, tamén de Ovakner. A banda é pois unha mostra do mellor da prolífica escena underground coruñesa, tendo os seus integrantes tocado con membros de bandas tan senlleiras coma Machetazo, Dishammer, Nashgul ou Black Panda.
Para este álbum, ademais de coa súa discográfica habitual Damnatio ad Bestias, contaron co selo mexicano Vomit Records para unha edición americana, co estatal Vertebrae para unha edición en vinilo, e coa estadounidense Fólkvangr Records para unha edición en casete. Porén, a pesar de contar cunha distribución máis internacional, a boa acollida do álbum está sendo toda unha sorpresa para os membros do grupo. En palabras de Corey, que na banda toca baixo o pseudónimo de C. Lukwos, “non estabamos moi seguros de cómo iría, no disco traballamos moitísimo e fixemos unha maior inversión que outras veces, pero ao ter tantas partes máis experimentais, pensabamos que igual non calaba tanto na xente. Pero ao final si, e estamos moi contentos”. Aínda que o disco mantén o estilo característico do grupo, introduce precisamente moitos elementos novos: “era o que saía no momento, fluía todo. Non íamos coa intención de facer un disco máis experimental nin nada. Vese moi ben tamén na variedade dos temas, é unha mestura de todas as influencias que temos”.
O proceso compositivo foi puramente grupal, con Iago e Corey traendo as ideas dos riffs de guitarra baixo e Alberto e Jesús arranxando e dando estrutura ás súas ideas, construíndo sempre as cancións na propia sala de ensaio. Ás veces incluso recorren a ir de ruta xuntos polo monte en busca de inspiración: “logo chegas a casa, colles a guitarra e notas que cargaches as enerxías”, comenta Corey. Esta variedade de aportacións e influencias apreciase especialmente, por exemplo, nos elementos de heavy metal e rock clásico que se poden apreciar nos temas, coma nos solos de guitarra de Jesús ou na batería de Alberto, que veñen en boa parte de tocar estes estilos.
Por outra banda, no ámbito lírico a banda aposta de novo pola temática mitolóxica, moi frecuente en bandas deste estilo en todo o mundo e que tan ben se adapta aos mitos e lendas da cultura popular galega. No caso do tema “O meigo das pedras”, recorreron a unha figura xa mítica pero moito máis recente do habitual: a do artista ermitaño Man de Camelle, un alemán que viviu boa parte da súa vida en plena natureza na costa de Camariñas. Con esta canción, o grupo leva a súa figura ao black metal, sumándose a outras obras musicais que se inspiraron na vida do célebre anacoreta: dende “Manfred” de Joan Isaac e Ana Belén (2006) ata “Ballena negra” de Leo Jiménez e Diva Satánica (2019), pasando polo álbum Man da banda de rock progresivo coruñesa Trac (2016).
O black metal de inspiración pagana de Lóstregos pode parecer relativamente unha rara avis dentro da célebre escena de música extrema coruñesa, pero iso non é nin moito menos un obstáculo. Segundo conta Corey, “nós somos xente moi aberta musicalmente, eu veño de tocar con grupos punk de toda a vida e medrei con esa escena de neocrust que houbo con Ekkaia ou Madame Germen”. Na propia música de Lóstregos “nótase moitas veces esa influencia punk, especialmente neste novo disco, e eu penso que encaixamos nesa escena especialmente pola filosofía que levamos, que é moi semellante a esa ideoloxía totalmente punk e do it yourself, de autoxestión e de facer as cousas nós, por nós mesmos”.

O grupo non se identifican en absoluto, pois, co purismo que moitas veces se ve en estilos coma o black metal. Falando concretamente da mestizaxe musical dos grupos coruñeses, “ao final a todos mólanos mazo o metal, pero tamén tiramos moitas veces polo punk por ese rollo de actitude, de maneira de pensar, de xeito de ver a vida”, di Corey, apuntando que en todo caso “son estilos irmanados, de clase obreira. Logo fóronse comercializando, pero non deixan de ser música reivindicativa, de xente que ten algo que dicir e que está de mala hostia e que ten que desafogarse dalgunha maneira”.
Outro elemento clave na música de Lóstregos é o feito de empregar o galego para as súas letras, unha tendencia á que pouco a pouco se van sumando máis grupos: “é unha boa maneira de reivindicar a nosa lingua, e de dar a coñecer a cultura galega por aí, de estar orgullosos diso”. Ademais, cabe destacar que isto non foi nunca para o grupo un impedimento para achegarse a audiencia de fóra de Galicia, alén de situacións cómicas que relata Corey coma que lles chamen “los tregos” por erro. “A xente entra en sintonía coa música, a escoitan e contan que lles transmitimos a sensación de estar no verde de Galicia, nas montañas, da nosa cultura”, e ademais “enténdese ben o que se di, cáptanse igual as letras e as mensaxes” por parte das persoas castelánfalantes que lles teñen escoitado.
Á espera de que a situación sanitaria mellore e lles permita defender en directo este novo disco, o traballo xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais e adquirir a través do Bandcamp do propio grupo e dos diferentes selos discográficos implicados na súa edición. Dende o estalido da pandemia, non deixaron de saír en Galicia grandes discos de rock e metal, moitos deles en galego, que dan a esperanza de que cando todo isto remate a escena galega saia con mellor saúde que nunca e mesmo reforzada deste trance. E Lóstregos están sendo encargados, xunto a outros grupos do underground, de que o black metal sexa unha parte importante desta efervescencia cultural que segue adiante contra vento e marea. Seguro que Onde Calan os Corazóns, Ruxen as Pedras non será nin moito menos o último que escoitaremos deste cuarteto coruñés, que continúa a medrar e a superarse con cada lanzamento.
Recensión completa do álbum, aquí: https://roucoson.com/2021/09/15/lostregos-onde-calan-os-corazons-ruxen-as-pedras-2021/