Broa preséntase ao mundo con este primeiro álbum, once cancións entre o rock e o metal alternativo, con elementos mesmo de stoner rock ou post-hardcore, e por suposto cantadas en galego. O trío de Cerceda vén pisando forte, cun disco que os sitúa inmediatamente xunto a nomes tan consolidados do estilo en Galicia coma Arrythmia, Raiba, Aphonnic, Bala, Nao ou Machina.
Trátase dun disco melódico, onde entre os riffs e os ritmos da batería destacan estrofas e retrousos pegadizos que o converten nun álbum accesible dentro do estilo. Este enfoque pode apreciarse especialmente en cancións coma “Nas mareas estreleiras” ou “Sairá o sol”, esta última coa colaboración do cantante de Nao, Jasper, que lle remata de conferir ese carácter de himno de festival galego que podería petalo no seguinte Revenidas ou SonRías Baixas. As letras de temática social e reivindicativa que vemos nestes dous temas son unha tónica xeral do disco; destaca tamén a outra colaboración do disco, “Fillos de Sharón” co rapeiro Moudafaka, de Alto Asalto, na que denuncian a situación que sofre o pobo Palestino. Porén, tamén hai oco para temáticas máis persoais en cancións coma “Enteira para ti”, unha de amor en toda regra.
A pesar desa énfase nas melodías vocais e as letras, cancións coma “Prende as cadeas”, “Caio”, ou a que abre o disco, “Liberatio”, tamén inclúen riffs pesados que lle dan ao álbum esa conexión co stoner e o metal alternativo propiamente dito. Pero é sobre todo en “Cucú”, o sinxelo homónimo acompañado de videolclip que foi o primeiro avance do disco xa en 2019, onde se sintetizan todos os elementos anteriormente descritos, un rock alternativo potente e melódico que trae reminiscencias de Machina e dos últimos discos de Nao pero, como non podía ser doutra maneira, cun estilo propio.
En conclusión, Cucú é un traballo moi completo, onde a experiencia dos seus membros conflúe recollendo a tradición do rock e o metal alternativo galego. As súas once cancións, que en total suman 43 minutos, pásanse a testemuña entre si de xeito dinámico, sen chegar a repetir e coroadas por unha produción coidada e chea de detalles que enriquecen as composicións; dobre mérito para o grupo, tendo en conta que foi gravado polo batería, Mahi, nos seus novos Cimática Estudios e producido por eles mesmos. Unha opera prima sen dúbida prometedora que xa agarda pola súa continuación.