«Cerceda ten boa parte de responsabilidade da escena que hai na comarca de Ordes»

O concello de Cerceda segue a estar no centro do mapa do rock en Galicia. Proba disto son Broa, un trío que, a pesar da súa breve traxectoria, tendo nacido hai apenas tres anos, xa ten na rúa un álbum moi ben recibido tanto polo público como pola crítica. Titúlase Cucú, e fíxolles merecedores do Premio Martín Códax da Música na categoría de metal, entre outros. Iso si, hai truco, pois os membros da banda veñen de agrupacións tan recoñecidas coma Machina, Morgen ou Ruxe Ruxe.

A pesar de que Cucú saíu xa en 2020, e a canción que da título ao disco veu a luz coma adianto xa a finais de 2019, a pandemia de covid-19, como xa todos sabemos, truncou os seus plans para presentalo en directo como tocaba. Non foi ata maio deste ano cando puideron, despois de ter que adiar varias veces a data, subirse por fin ás táboas da Sala Rebullón en Mos, unha das poucas que mantivo unha certa actividade ao longo do último ano, con esta fin. 

O cantante e guitarrista da banda, Gonzalo, é cauteloso respecto de cando poderá cambiar este panorama: “A situación evidentemente mellorou, pero todo o relacionado coa música en directo déixase para o final”. “Si que se van improvisando algúns festivais en formatos algo diferentes, sobre todo os festivais máis profesionalizados”, afima. Porén, o problema disto é que “chegar a ese tipo de cousas é difícil, xa teñen unha lista de espera larga”. Así que, para sacar proveito destas circunstancias, o frontman da banda conta que “xa está na nosa cabeza ir preparando novo material, aínda non está totalmente encauzado, pero así aproveitamos este impasse”. Polo momento, o trio xa volveu ao estudio hai pouco para gravar a súa participación no tributo a Ruxe Ruxe 25 Anos Ruxindo, no que 32 artistas versionaron cancións do mítico grupo galego polo seu 25 aniversario.

Dende logo, a pesar das ganas por presentar a súa música en directo por Galicia adiante, unha das cousas que destacan de Broa é o seu vencello coa súa Cerceda. De feito, o seu álbum foi gravado no propio concello, no Cimática Studio que leva o batería do grupo, Mahi. Nos seus outros proxectos, os membros de Broa tenderon a optar por estudios máis consolidados, así que tiñan as ganas de probar esta vez a facelo na casa, e xa se sabe que, polo xeral, como na casa, en ningún sitio. En palabras de Gonzalo, “isto permitiunos cousas que fóra da casa non podes facer, basicamente por orzamento”. Esta aposta por gravarse e producirse a si mesmos permitiu ao grupo “probar un montón de cousas, adicarlle un montón de horas…”. Tamén “rompernos moito a cabeza e entrar en bucle, aínda que iso non é moi recomendable”, bromea o guitarrista e vocalista. Visto o éxito do son de Cucú, son varios os grupos, coma Superoito, Lóstregho, Fillo Corvo ou Acouga, que xa optaron por gravar tamén nos estudios Cimática. E é que Cerceda xa leva tempo ocupando un lugar destacado no mapa do rock do país.

Broa ao vivo na Sala Rebullón

A escena musical do conxunto da comarca de Ordes conta cun número relativamente elevado de nomes que son verdadeiros expoñentes da música galega de diferentes estilos, entre eles o rock. “Boa parte desa responsabilidade a ten a nosa vila, Cerceda”, conta con orgullo Gonzalo, xa que “a finais dos anos 80 comezouse a facer un festival de rock, xa que había varias bandas de rock na vila, e aínda que xa non se fai durou bastante tempo”. Isto supuxo “un aliciente importante para que se formasen máis bandas”, xa que “sempre coñecías a alguén que tocaba nalgunha, xa fose en Zënzar, en Desertores do Arado… entón a túa meta era tocar no festival”. En consecuencia, tamén proliferaron os pubs e salas onde se facían concertos alén dese Festival Rock de Cerceda, e a faísca prendeu tamén no resto de vilas da comarca. 

Todo isto foi en boa parte grazas ao boca a boca e ao apoio mutuo entre os grupos, onde os máis veteranos, que xa conseguían cotas tan destacables daquelas coma pode ser sacar un disco, aconsellaban e servían de modelo aos novos. Porén, “foi algo que foi desaparecendo, e hoxe xa non hai apenas locales onde tocar, aínda que siga habendo bandas vivas. Pero moitos vimos xa reciclados doutras bandas anteriores”, apunta Gonzalo.

Porén, aínda que a escena da comarca de Ordes non estea vivindo o seu momento de maior efervescencia musical en palabras do de Broa, non cabe dúbida que os estilos nos que se move o grupo, coma o rock alternativo ou o metal, seguen a ter bastante forza no conxunto da escena galega. E parece que ten futuro. “Están saíndo bandas, coma Nuada ou Teima, de xente nova que está facendo proxectos moi serios”, e “aínda que non haxa unha escena tan xeográfica, as redes sociais permiten que poidamos interactuar e conectar entre nós”. Queda como referencia o éxito obtido nos últimos anos por bandas coma Nao, referencia obrigada, cuxo vocalista, Jasper, fai unha aparición nun dos temas de Cucú

Seguro que a medida que a música volve á normalidade despois do paréntese no que leva inmersa dende que estalou a pandemia, o rock saído de Cerceda de Broa volve a tomar Galicia por asalto, xunto a tantas outras bandas que a pesar das dificultades seguen a facer escena. En Cucú atopamos todos os ingredientes que precisa para triunfar unha receta coma esta, simple pero efectiva, coma a da broa. Unha nova fornada, como eles mesmos din, saída das chemineas fumeantes de Cerceda.

Podedes ler a nosa recensión de Cucú aquí: https://roucoson.com/2021/09/21/broa-cucu-2020/