O cuarteto de Soutomaior, unha das bandas máis internacionais e veteranas do black metal de Galicia, volve tocar en Vigo o domingo 31 de outubro, no Pub Transylvania. E a convocatoria foi todo un éxito. A xente pedía concerto de Balmog, posto que a pesar de haber dous pases do concerto, un ás 21:00 e outro ás 23:00, as entradas xa están case totalmente esgotadas menos dunha semana despois do anuncio do concerto. De feito, só quedan entradas para a sesión das 23:00, xa que para a outra xa venderon a totalidade de entradas dispoñibles tendo en conta as restricións sanitarias vixentes. Quen queira algunha das que quedan, que bula!

Estes dous concertos non supoñen só o regreso de Balmog aos escenarios vigueses, se non que é tamén servirán de presentación do seu último álbum, Eve. Este traballo, o seu cuarto álbum de estudio como tal, chega ano e medio despois do aclamado EP Pillars of Salt, e só uns meses despois do EP de adianto titulado Desacougo. E como non podía ser doutro xeito, o novo disco está a ter de novo unha gran acollida entre os fans e os medios especializados
Unha das trazas máis inmediatamente apreciables deste Eve é o uso da lingua galega nalgúns dos temas, unha variación con respecto á boa parte da discografía co que xa coquetearan en fragmentos da canción de 18 minutos que compón Pillars of Salt. De todos xeitos, non é algo que deba sorprendernos moito nos de Soutomaior, xa que non hai que esquecer que a banda xurdiu en 2003 das cinzas de Inmacula Mortem. Esta banda pioneira do black metal en toda Galicia editou no 2001 a demo Mencer.
Se aínda estades a tempo de coller unha entrada, ou se xa a tedes, preparádevos para un verdadeiro asalto de black metal o próximo domingo 31 de outubro.