Xhamain estrea o novo sinxelo «Eterna soedade»

A banda de metal viguesa Xhamain acaba de lanzar unha nova canción, titulada «Eterna soedade». Esta é a segunda en ser adiantada do seu primeiro álbum, Na Alma, despois de «Soño de inverno», que viu a luz o pasado San Xoán xunto a un videoclip. O álbum está preparado para saír no día da festividade celta de Samaín, o 31 de outubro, e son precisamente estas dúas datas, pola súa simboloxía, as que dan nome ao grupo.

Xhamain mestura estilos coma o metal gótico e sinfónico ou o folk celta, cantados en galego, e está liderado polos vocalistas Rubén Alonso (exmembro de Fallen Sentinel) e Mariah Fosado (integrante tamén do dúo Lar de Lúa). Asinados coa discográfica Suspiria Records, xa tiveron co seu primeiro sinxelo e videoclip unha boa acollida nas principais plataformas dixitais. A pesar de que a andaina do grupo comezou xa en 2017, a data agardada para a saída do seu primeiro traballo, inicialmente prevista para ese ano, foise adiando. Finalmente xa está sobre a mesa, e só queda pouco máis dun mes para que o poidamos desfrutar na súa totalidade.

Este novo tema, «Eterna soedade», foi o que abriu o seu concerto de presentación en xuño de 2017, como se pode comprobar nun vídeo do mesmo subido polo grupo a Youtube, e agora podemos comprobar por fin como sona en estudio. É un tema rápido, con elementos tomados do metal extremo ou do power metal, en comparación co metal gótico máis canónico que puidemos escoitar en «Soño do inverno». Coma nese tema, iso si, acompañado todo polo son das gaitas, que lle dan o seu toque propio ao grupo. Non esquezades escoitala aquí debaixo: