Nova canción e videoclip dos Vacalouras, «Fedes a faiado»!

Os Vacalouras estrearon xa o segundo adianto do que será o seu vindeiro álbum, Xuventude Prexubilada. Despois do éxito que supuxo a súa colaboración co mítico Quim Barreiros, «O Samil é Portugal», lanzada en xullo e que xa conta con decenas de miles de reproducións nas plataformas dixitais, chega agora «Fedes a faiado». Esta nova canción, escrita profeticamente antes da pandemia, fala sobre a crise existencial que experimentamos moitos mozos que xa non somos tan mozos, cando xa custa máis saír de festa como antes e a comodidade de quedar na casa chega a facernos cheirar a faiado.

Os Vacalouras

Para acompañar o tema, a banda de punk rock de Teis conta cun videoclip protagonizado pola cineasta Anxos Fazáns, que tamén dirixiu e realizou a peza conxuntamente con Noemí Parga Iglesias e o guitarrista do grupo Víctor Vacaloura, baixo o seu pseudónimo Charles Rapante. Fazáns xa estivo detrás dos vídeos para as súas cancións «Desbrozadora», incluída no EP Eres Punki i non o Sabes (2014), e «Capacho rock», do EP homónimo (2016). Ademais dela, tamén protagoniza o videoclip o baixista Pepe Vacaloura, e isto non é casual, posto que un dos detalles máis chamativos do tema é que nesta ocasión fai el o papel de vocalista principal, un rol que adoita desenvolver o tamén gaiteiro Gabi.

Xuventude Prexubilada chegará en novembro, e será o primeiro álbum completo de estudio da banda dende que gravaron e lanzaron de xeito independente e autoproducido Xa Están Aquí en 2011. Despois do alcance e repercusión mediática que tivo «O Samil é Portugal» e desta estrea de «Fedes a faiado» na web da revista Vinte, a expectación polo novo dos de Teis, asinados con Galunk Producións, non pode ser maior. Aquí tedes o vídeo: