Aki, de Épsilon: «Fomos a primeira banda heavy que gravou en galego por casualidade»

Épsilon son todo un mito do rock da cidade de Lugo. Foron uns pioneiros do heavy metal en toda Galicia, sacando varias maquetas e dando numerosos concertos entre 1981 e 1987, ano no que os seus membros deciden separarse e participar doutras bandas. Neses anos tiveron a honra de tocar xunto a varios dos grandes nomes do rock estatal e de facer parte de festivais míticos coma o do Concurso de Rock Cidade da Coruña de 1982, embrión do futuro Noroeste Pop Rock. A asignatura pendente que lles quedou nos oitenta foi a de gravar un álbum, misión para a que se reuniron a finais dos noventa. O resultado, Épsilon (1999), que foi tamén a súa última obra, é un resumo perfecto de por que este grupo foi tan influínte e importante para a historia do metal galego. Porén, tampouco se poden ignorar as súas diferentes maquetas, nas que coquetearon con estilos que van dende o speed metal ata o rock progresivo, e nas que chegaron a empregar a lingua galega nun tempo en que ningún grupo do estilo o fixera.

Falamos con Aquilino Jacob, “Aki”, que foi o fundador, guitarrista e principal compositor do grupo, así coma membro de todas as súas formacións. Hoxe en día é profesor dunha escola de guitarra en Lugo, ademais de ter pasado por outras formacións, coma La Escalera de Jacob, Los Solitarios, Brath ou Force. Aki mantén viva a historia de Épsilon en internet compartindo a cotío material e anécdotas da súa traxectoria, e nestas liñas fala dalgunhas das curiosidades que rodearon os momentos clave da banda e a súa época.

Épsilon teloneando a Leño nunhas festas de San Froilán, en Lugo

Épsilon foi non só o primeiro grupo de heavy metal e hard rock de Lugo, se non tamén un dos primeiros en toda Galicia. O feito de ser unha novidade foi unha vantaxe ou pola contra dificultou os vosos primeiros pasos?

Nós, con 14 años de idade naquel momento, non eramos conscientes disto. Aínda que xa levabamos un ano ensaiando en 1981, influenciados pola New Wave of British Heavy Metal, resulta que nos convertimos na primeira banda de heavy metal e hard rock coñecida de Galicia (risas). O noso estilo non foi vantaxe nin desvantaxe;  facendo pop quizais podes saír máis na radio, pero o rock ten  un público máis fiel. De feito, nós tiñamos unha boa basca de seguidores, un agarimoso saúdo a todos eles, que, facendo pop, igual non teríamos tido, non sei. Temos que dar as grazas en todo caso a todos os medios de comunicación lucenses e galegos que tanto nos apoiaron.

Unha cousa está clara, o que vós conseguistes en tan poucos anos, tocar con bandas tan recoñecidas coma Leño, Asfalto, Ñu ou Los Suaves, é algo que moi poucos conseguen. Como era tocar con grupos xa daquelas tan establecidos?

Un soño.  A un ano ou dous de comezar estabamos tocando e facendo amizade nos camerinos con grupos que admirábamos de toda España. Faltounos actuar xunto aos números 1, Barón Rojo, a quen seguíamos con asiduidade en directo. Non perdimos nin unha das súas actuacións no Pabellón de Riazor da Coruña, un lugar que tamén foi emblemático para Épsilon.

Naquel tempo era quizais máis difícil dar os primeiros pasos como banda, e en consecuencia non había tantas que conseguisen editar algún traballo coma as que habería en décadas posteriores. Como cambiaba aquilo as cousas en comparación a hoxe en día?

Bueno, eu a partir do 2000 deixei os grupos e adiqueime á docencia na miña Escola de Guitarra e xa non podo falar moito, pero nos años 80 e 90 había un fervedoiro de bandas por toda España, e moitas con disco. En Madrid e Barcelona nos 80, moitas de heavy. O meu compañeiro de grupo Ricardo e máis eu temos experiencia en ambas cidades: en Barcelona estivemos 8 días convidados por Sesé de Castro “El Pulpo” de La Banda Rítmica de Cristal, e ensaiamos con Trip, además de coñecer á xente de varios grupos punteiros do heavy estatal; e en Madrid chegamos a vivir nos últimos 80 e primeros 90, tocando en distintos grupos, el en Cobra e eu en Force, Los Solitarios e Day-Gual, coñecendo a moita xente tamén. O gran cambio hoxe en día foi a era de Internet, allea completamente ao que vivimos nós e que provocou unha reforma na industria da música. No Século XX ir a comprar un disco era case coma un ritual, no sentido de momento agradable, agora a música maiormente báixase de Internet.

Para min tiveron moito atractivo os 80 e os 90, tanto en Lugo coma en Madrid, aínda que foi unha mágoa que Épsilon dera un baixón en número de galas dende 1984, quizais porque deixaron de proliferar os festivais e as apostas polo rock. Tivemos dous representantes, Xaime e Ricky, que fixeron todo por nós e aos que quixemos moito, pero a partir da data que menciono xa teriamos precisado un mánager que nos movese, así coma máis estabilidade e compromiso de todos os compoñentes do grupo, porque, por exemplo, tivemos que cambiar de batería ata tres veces nunha pequena cidade onde, cando tes un grupo, os músicos son case irremplazables. Xa na reunión, o último batería que tivemos, Marcelino Penas, era de Arzúa e tiña que desprazarse a Lugo para ensaiar. Pero sei que cada un dos músicos que pasaron por Épsilon nas distintas etapas deu o mellor de sí e lles mando a todos dende aquí o meu máis agarimoso recoñecemento e lembranza. Sigo en contacto coa maioría.

Vós fostes os pioneiros, e despois aparecerían máis grupos de metal na vosa cidade, especialmente no ámbito máis extremo. Algúns, tan destacados coma Ictus ou Barbarian Prophecies. Consideras que hai algunha continuidade entre o voso grupo e as xeracións seguintes?

Si, claro, os dous guitarristas de Barbarian son grandes amigos meus e teñen unha traxectoria intachable, facendo galas por toda España e fóra dela. Os seus discos teñen  unha produción para quitar o hipo, moi boa. Sempre hai unha continuidade, se ben Épsilon era heavy clásico oitenteiro ou, máis ben, hard rock.

Aki, na súa escola de guitarra

Ti, persoalmente, como profesor de guitarra, seguramente estiveches en contacto con moitas xeracións de músicos da cidade, non?

Por suposto. Tiven, e grazas a Deus teño, a inmensa honra de darlle clase a moitas xeracións de afeccionados á guitarra clásica, eléctrica e acústica, sin límite de idade, e a guitarristas que forman ou formaron parte de bandas e distintos proxectos, independentemente de que conmigo viran outro temario. Algunhas artistas e bandas que lembro ahora, e pido perdón polas que esquezo, cuxos guitarristas pasaron pola miña escola son Lucía Pérez, Xavier Vizcaíno, Iván Capón de Orquesta Acordes que tamén tocou na reunión de Épsilon, Barbarian Prophecies, La Penúltima, Los Jorobados del Miño que é unha interesante aposta cun segundo disco ás portas, Vrásica, Kalte Sonne, Jairo V. Balsa… e moitas máis.

A aparición tan temperá de Épsilon, xunto a unha ruptura tamén temperá en 1987, dificultou que coincidise no tempo con outras bandas de hard rock e metal de Galicia, aínda que si fostes coetáneos de algunhas coma Los Suaves ou Astarot. Había o que poderíamos chamar unha escena galega naqueles anos?

Fumos coetáneos e moi amigos de Los Suaves, que non se consideraban unha banda de heavy, polo menos nos primeiros 80. Aproveito para parabenizar a Yosi, Charly e compañía con todo o meu entusiasmo, porque eles conseguiron ser número un en España, algo que está ao alcance de moi pouquiños practicando ese tipo de rock. Astarot son posteriores e nós xa non coincidimos con eles en ningún evento. Por suposto que había una boa escena galega de pop-rock, aínda que hard rock ou heavy metal practicásemos unha minoría: neste estilo lembro agora a Polen de Ferrol, que nos parecían moi bos. Seguramente, encerrados nos locais de ensaio había máis grupos. No resto de España si que había moitos máis, que saían, coma nós, na revista Heavy Rock.

Vós, en todo caso, non só estabades en contacto con bandas de rock duro e metal, se non tamén con bandas doutros estilos. Había mestizaxe ou existía xa o típico recelo contra a música dura e pesada?

Nós coincidíamos nos escenarios con bandas de rock, no sentido máis amplo do termo. Eramos os únicos heavies e ademais tiñamos 15 años, así que adoitabamos caerlles ben a todos. Tivemos o noso particular festival Reading no Primer Festival de Rock de Sada en abril de 1982, onde coñecimos a Los Suaves, que xa tiñan un gran nome feito en Galicia por ter teloneado, e superado, aos Ramones en Riazor en 1981. Tamén coñecimos a  Blancanieves de Ferrol, o seu baixista Manolo Torrente aínda me mandou recientemente unha maqueta da súa reunión e sona moi bien. Alcool, de Santiago; Bar, de Vigo co seu técnico, Bibiano, que nos sonorizou varias veces; Degenerador, da Coruña, cuxo mánager atopei de director no Sindicato de Músicos de Madrid en 1987; Ponla, de Moaña… De Lugo, ademais de nós, actuaran Tungsteno, cuxo líder Ezequiel Orol, xunto a “Pibe” que tamén nos axudou co son en moitos concertos, é un dos personaxes clave na movida rockeira lucense e ten un talento natural como músico altísimo.

Logo o I Concurso de Rock Cidade da Coruña en xullo de 1982 foi o noso singular Donington, coa plana maior dos críticos do pop-rock español no xurado. Ordovás, Manrique, Costas, Loquillo, o coruñés Nonito Pereira… Quedamos segundos tras Metro, da Coruña, e diante de Bar, de Vigo. Pero había máis grupos moi bos, coma Meteoro da Coruña e os mencionados Alcool, cun boísimo rhythm & blues tirando a duro, que seica agora que o penso foron pioneiros galegos no estilo que M-Clan practicaron en 1995. Siniestro Total foron descalificados en semifinais por ter contrato discográfico, algo que non permitían as bases do concurso. Con estas e outras bandas coincidimos logo en máis concertos entre 1982 e 1983. Por mencionar algún evento, o Rock no Terrón de Villanova de Arousa ou o Primer Festival de Rock de Cecebre.

Na nosa cidade estaban, ademais de Tungsteno, Lingotazo Whisky ou El Aeroplano. Sesé de Castro “El Pulpo” trasladárase a Barcelona fundando La Banda Rítmica de Cristal. Máis tarde, Scoobydoo, onde tocaba Segundo que foi baixista de Siniestro Total; Didia, cuxos membros Domingo e Javier forman parte actualmente de La Penúltima, que non paran de dar concertos con moito éxito; tamén Zeppo, Unicornio… Los Contentos, con dous ex-miembros de Zumo de Piña ou Bambi, crearonse xusto cando Épsilon se disolveu en 1987 e foron os primeiros do pop-rock lucense en gravar un disco, en 1988, cunha notable repercusión. Ricardo colaborou con eles. En folk estaban Llug, O Carro, Taranis … E os lendarios Brath, cos que colaborei e cuxo líder, Eloi Caldeiro, fundou a nosa discográfica Sons Galiza.

Formación que gravou o álbum lanzado en 1999

Unha cousa que non puidestes lograr ata a reunión de finais dos noventa foi gravar un álbum propiamente dito. Por que? Influíu iso na ruptura prematura da banda?

Non gravamos antes porque non quixemos facelo, xa que pensabamos que tiñamos que mellorar moito musicalmente. Tasende de Metro ofreceunos a oportunidade de sacar o noso primeiro LP coa discográfica independente da Coruña Citola, á que estamos fondamente agradecidos pola súa proposta, tras a primeira semifinal do I Concurso de Rock de A Coruña. Ricardo López, o baixista do grupo e o meu fiel compañeiro na música durante 20 anos, tenme comentado mil veces que debimos telo grabado (risas), que moitos grupos sacaron un primero LP frouxo e logo foron mellorando. Pero foi a decisión dos tres, Nacho, Ricardo e máis eu naquel momento. Non creo que iso influíra logo na ruptura da banda, Metro tiñan disco e desapareceron xa en 1984. Se a oferta tivese sido dunha multinacional teríamos aceptado.

Logo, a principios de 1987, con Eduardo “Pasha” como cantante e “Tapi” García na batería, tivemos oportunidade de gravar dous temas nun LP, xunto a outros catro grupos de heavy de toda a xeografía española ao ser seleccionados pola Emisión Pirata da Cadena COPE entre as cinco mellores novas bandas de heavy e hard rock español de 1986. O propio Juan Pablo Ordúñez “El Pirata” chamoume a casa para dicirme que Julio Castejón de Asfalto, que era quen o ía editar coa súa compañía discográfica Snif, botarase para atrás. Nunca soubemos os motivos. Así as cousas, ata a reunión do grupo non tivemos o noso disco. Saíu gracias á discográfica lucense Sons Galiza. que anteriormente editou o da nosa outra banda La Escalera de Jacob, titulado Altas Horas, en 1996. Estabamos moi contentos de que, por fin, houbese un testimonio sonoro editado e comercializado de Épsilon.

As vosas maquetas son verdadeiros obxectos de coleccionista. Pensaches alguna vez en dixitalizalas para que se poida escoitar como sonaba a banda na súa época dourada dos anos oitenta? A pesar das limitacións sonoras deste formato, teñen un valor histórico e un encanto retro indiscutíbeis.

Moitas grazas! Non houbo disco ata 1999, pero, efectivamente, tivemos moitas maquetas entre 1982 e 1987. O problema de dixitalizalas é precisamente que están en formato de cinta casete e non gañan moita calidade. Son unha testemuña do que foi, pero hai que imaxinar cómo podería sonar aquilo en directo, loxicamente moito mellor (risas). Quizais os másteres estean conservados e algún día se poidan dixitalizar con bo son os da COPE de Lugo de 1982, os de Curuxa de Lugo de 1986, e sobre todo os da RTVG de 1986. As que gravabamos no local con pletinas non vai ser posible melloralas en canto a son. Pero están aí! Fixémolas en 1983 con Nacho Fernández na batería, antes de que se uniara a Círculo Vicioso en Sevilla; en 1984, con Suso Díaz, que era o noso profesor de música, á batería con doble bombo; e en 1985, con Roberto Fouz, que en paz descanse, de baterista. Tamén dispoño das maquetas do material que tería formado parte dun segundo disco da reunión, a partir do año 2000, que nunca veu la luz, nas que programei con secuenciador as bases de batería e baixo e, no seu caso, teclados, facendo eu todas as guitarras e as voces.

 Unha curiosidade da que xa falamos é o feito de que a vosa maqueta de 1987 contén as que probablemente sexan as tres primeiras gravacións de heavy metal en lingua galega. Cal é a historia detrás desta gravación?

En decembro de 1986, o Estudio Móbil número 1 da Radio Televisión de Galicia, con Pablo Barreiro como produtor, percorreu Galicia para gravar a grupos. A única condición era que a mitade dos temas fosen en galego. Así que gravamos 6 e 3 delas as traducimos ao galego: “Noches de alcohol”, “Depende de ti” e “El líder”. Dese xeito fomos a primeira banda de heavy ou hard rock que gravamos en galego por unha casualidade, nunca o pretendimos. Porén, si hai que dicir que o resultado de “Noites de alcohol” nos gustou moito. Ese tema seguimos cantándoo en galego nos nosos sucesivos concertos.

Outra cousa que me chamou a atención da vosa historia é que, cando tocastes por última vez en Lugo en 1987, levabades dende 1983 sen dar un concerto na vosa propia cidade. A que se debeu? Era moi difícil tocar na cidade daquelas ou simplemente neses anos centrástesvos en tocar fóra?

Nós eramos de Lugo, pero preferiamos tocar fóra. Na nosa cidade non era necesario facelo cada ano. Porén, isto foi así porque en San Froilán 1985 estabamos programados xunto a Los Suaves e dous grupos lucenses, Didia e Spasmo, pero suspendeuse porque non parou de chover en todo o día.

Poderemos desfrutar algunha vez dun concerto de reunión de Épsilon?

Bueno, nunca se sabe… Deus dirá. Non estaría mal facer algo coma o que fixo Leño en 2010, na presentación do disco tributo Bajo la Corteza.

Epsilón en 1985