A escena musical underground de Galicia está a suscitar, pouco a pouco, cada vez máis interese a nivel académico. Despois de moito tempo de relativa oscuridade nese campo, cada vez son máis os traballos de investigación que tratan algunha das múltiples facetas da nosa escena subterránea. Poderíamos mencionar, entre outros, A Coruña crust punk de Adrián Martínez Pereiro, ou Perspectivas sociais e proxección do metal na área de Vigo de María Alonso Velasco. Porén, o interese destas investigacións non se limita só ao interior das facultades. Por iso, a socióloga Estefanía Tarrío, que está a elaborar coa súa tese doutoral “unha cartografía social da música underground galega a través das tecnoloxías dixitais”, decidiu desenvolver paralelamente a esta un proxecto de divulgación co que compartir os seus achados co resto da comunidade underground, e á vez recibir feedback por parte da mesma.
O resultado disto é Proxecto Rizoma, que dende Facebook, Instagram e o seu blog achega a historia e a actualidade do punk, o metal e o rock subterráneos en Galicia aos seus seguidores, cun gran equilibrio entre a accesibilidade e o rigor científico. Toma o seu nome dos rizomas, un tipo de tallo subterráneo propio dalgunhas plantas que medra indefinidamente e de xeito horizontal, producindo constantemente novos gromos a medida que os vellos van morrendo. En palabras de Nía Tarrío, “a razón principal pola que xorde é porque, para min, realizar un proxecto de investigación desta temática sen contar coa participación da comunidade underground sería unha grande incoherencia”.

Ela xa realizara en 2019 o traballo “By fans for the fans”. Una aproximación sociológica al fenómeno del Resurrection Fest sobre o célebre festival de Viveiro xunto a Carmen Rodríguez-Rodríguez, e agora está inmersa na redacción da súa tese, para o que está realizando unha estadía na Universidade de Reading en Reino Unido. Segundo nos conta, aínda que “si que existen publicacións de carácter máis didáctico e divulgador dende hai bastante tempo”, as investigacións sobre a cultura underground galega son “un fenómeno relativamente recente” dende un plano estritamente académico.
Este desinterese histórico débese na súa opinión a dous motivos: “a desidia institucional e a propia falta de valor que lle é concedida a toda cultura que non sexa a hexemónica”. Porque isto non é algo que suceda só en Galicia, por suposto, aínda que a nivel internacional “dende a última década agroman, por sorte, cada vez máis espazos onde se producen sinerxías entre persoas que investigamos a cultura underground en todas as súas formas”, poñendo como exemplos a Subcultures Network, a Punk Scholars Network ou o congreso KISMIF, este último celebrado na universidade portuguesa de Porto, onde a investigadora participou o pasado xullo cun relatorio sobre o propio Resurrection Fest.
En todo caso, cabe preguntarse: que é exactamente iso ao que nos referimos como underground? “Non teño a día de hoxe unha definición pechada, principalmente, porque a miña investigación segue en curso”, comenta Nía, máis engade: “non obstante, si que teño claras varias matizacións sobre a definición clásica de underground”. Isto débese a que o concepto ao que se refire “non pode ser un concepto estático e monolítico, senón que se debería irse transformando e modificando á vez que o fai a propia cultura da que se nutre, non é o mesmo falar de underground nos anos 70 que facelo en pleno 2021”. Polo tanto, “empregar a mesma definición de hai 40 anos, sería non ter en conta as condicións sociais e históricas que vivimos na actualidade”. De feito, a socióloga non entende a diferenciación entre comercial e subterráneo, entre underground e mainstream, coma unha dicotomía pechada e excluínte, senón coma un espectro no que “unha mesma banda en diferentes momentos da súa traxectoria poida posicionarse nun lugar ou outro” e onde algúns artistas exercen de “bisagra” estes “dous mundos”.

Entre as peculiaridades que ten estudar a cultura underground, o xeito de recompilar material e fontes para o proxecto está entre as principais. Aínda que «calquera labor de recompilación adoita ser unha odisea», neste caso podes atoparte incluso con que hai material «do que non tes nin sequera idea de que existe». «É unha das principais limitacións de investigar algúns temas que non se atopan moi explorados», explica Nía, «posto que é imposible coñecer o teu universo de estudo, sobre todo se falamos de que hai materiais que teñen practicamente 50 anos». Ademais, a tarefa require de consultar fontes que moitas veces «non entran dentro do que a academia estipula que é unha fonte documental como tal, pero sen elas, sería imposible facer todo este traballo: inserts de vinilos, casetes, CDs, carteis de concertos e festivais, fotografías, blogues e foros, clips de vídeo, revistas ou fanzines». A recolección deste tipo de material resulta especialmente difícil coa situación derivada da pandemia de covid-19, polo que a axuda das persoas que interactúan en redes con Proxecto Rizoma é fundamental.
En internet, que sen dúbida supuxo un avance inmenso neste aspecto, aínda hai unha deficiencia de recursos e información sobre moitas bandas da escena, especialmente das máis antigas, e hai cousas que só se poden atopar tras unha procura longa e exhaustiva. Hoxe en día, está claro que as redes sociais e as plataformas dixitais de música permiten que as bandas compartan as súas creacións e se dean a conocer dun xeito amplo e asequible. Porén, segundo pode observar Tarrío, tanto a época dos fanzines e as casetes coma a de Spotify e Instagram teñen as súas luces e as súas sombras a este respecto.
«Nos anos 90, ter unha banda recoñecida era tremendamente complicado, xa que non había ningunha infraestrutura que estimulase a creación de grupos de música, ou canto menos, que fixese que estas perdurasen no tempo», explica a a investigadora, e «moitas veces non existía comunicación efectiva». Porén, na actualidade, por outra parte, «se ben crear unha banda pode ser algo que semelle moito máis sinxelo, facela medrar a través das redes sociais segue sendo un proceso duro». «Manter o impacto e a visibilidade dun proxecto musical en plataformas que se rexen por complexos algoritmos que requiren que constantemente publiques e crees contido é unha tarefa cansa», e para moitas bandas «é case coma un traballo máis». Esta inmediatez trasládase tamén á aparente necesidade «de producir singles e álbumes de maneira constante, xa que a música chega, consúmese e desbótase a un ritmo frenético», polo que conclúe que «esta época tampouco é a panacea».
A situación sanitaria, por suposto, tampouco axudou precisamente ás bandas que hoxe en día fan parte da escena, xa que «moitas veces as bandas non poden tocar, ou non é posible facelo nas condicións que desexan», explica. Tendo en conta que «os beneficios das e os artistas están supeditados ás ratios dos concertos», vense na obriga de «adaptar os seus prezos á metade ou ao terzo do seu aforo habitual, sen encarecer as entradas dun modo que non sexa asumible para o seu público».
En todo caso, «o certo é que a pandemia afectou de maneira desigual incluso á propia comunidade underground», pois «houbo moitas bandas que optaron por lanzar os seus traballos, ou que incluso comezaron a crear material novo», mentres que outras «esperan unha etapa de bonanza epidemiolóxica para lanzar os seus traballos e ver se poden facer pequenas xiras de presentación». Moitas outras «detiveron a súa actividade, e seguen firmes na súa convicción de non querer elaborar nada ata que a situación mellore», entre multitude de situacións diferentes máis. Pero, en balance, aínda que as consecuencias para cada grupo foron distintas, para a socióloga a pandemia «só beneficiou ás plataformas dixitais de música».
En definitiva, ninguén interesado na nosa cultura de base debería perder a oportunidade de visitar https://proxectorizoma.wordpress.com/ e as redes do proxecto, que non só fala da cultura e a escena underground, se non que é parte dela e o fai dende ela, de primeira man. Seguramente será unha iniciativa de divulgación pioneira de moitas outras que están por chegar, paseniñamente pero sen pausa, para dar a coñecer o underground galego dende o rigor e a profundidade que este merece.