A historia do metal en galego: Capítulo II (1995-1999)

No primeiro capítulo desta serie de reportaxes falabamos dos primeiros grupos de metal que cantaron cancións na nosa lingua, a finais dos anos oitenta e principios dos noventa. Porén, foi na segunda metade desta década cando se editaron os primeiros álbumes integramente en galego, sentando así as bases para a expansión do metal na nosa lingua no novo milenio. Estes avances viñeron da man de varias bandas clave, coma os composteláns Túzaros, os laurentinos Skornabois (na foto principal) ou os cangueses Astarot. Mentres que os dous primeiros se ubicaban nas vertentes máis punkies e alternativas do metal, irmanándose así coas bandas do mítico rock bravú da época, os terceiros comezarían nesta etapa unha serie de discos en galego versionando poemas e cancións célebres da nosa cultura popular, que os levaría por infinidade de festas patronais e aparicións na TVG. Tampouco podemos esquecer á veterana banda punk Zënzar, de Cerceda, que nesta etapa amosaba un forte compoñente de heavy metal na súa música. Cada unha á súa maneira, estas bandas dan proba da crecente diversificación de estilos que se daría na escena, que pasaría ao longo destes anos de estar dominada polo thrash metal a incluír practicamente todos os subxéneros existentes.

Por unha banda, Túzaros é a banda que máis entronca co que estaban a facer precursores coma Desvirgheitors, Mol e Mala Oxtia: practicaban unha mestura de hardcore punk e metal, esta vez máis influída polos sons lentos e pesados do groove metal que tanto despuntaba na escena destes anos. Este trío da capital galega sacou unha maqueta xa en 1994, e ao ano seguinte participaron na mítica serie de sinxelos Son Parrulo editada pola Sala Nasa de Compostela (cuxo histórico lugar está hoxe ocupado pola Sala Malatesta, que colleu o seu testemuño).

Para 1995 xa estaban o suficientemente consagrados como para facer parte do recompilación Unión Bravú co tema “Cuspen na cara”. Este disco, editado por Edicións do Cumio e coa produción executiva a cargo dos Diplomáticos de Monte-Alto, contaba tamén con estes e con outras das máis míticas bandas do movemento bravú e a música en galego daqueles anos, coma Os Papaqueixos, O Caimán do Río Tea, Xenreira, Ruín Bois, o regueifeiro Pinto d’Herbón, ou outro dos grupos dos que falaremos aquí, Skornabois. Non podemos esquecer tampouco que a este movemento tamén se adoitan adscribir outras bandas cunha forte influencia de estilos tan relacionados co metal como o hard rock, sendo o caso de Heredeiros da Crus.

Xa en 1997, como gañadores do Festival da Canción do V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela, Túzaros grava o tema “Mata ao monstro”, entre outros temas en máis recompilacións nas que participan. Todas as cancións editadas polo grupo tiñan, entre outras, unha característica en común, pois todas estaban escritas en galego. Por vez primeira un grupo de metal desenvolvía o seu repertorio de xeito practicamente íntegro nesta língua; polo tanto, non é de extrañar que ese mesmo ano sacasen xa un álbum de metal totalmente en galego, o CD titulado Túzaros. Un traballo no que ten cabida dende o metal máis pesado ata o hardcore máis rápido, pasando mesmo polo hip-hop. A súa continuación chegaría no ano 2001 co álbum Trivial, que, alén dunha participación na recompilación contra o desastre do Prestige Nunca Máis en 2003, sería o derradeiro do grupo.

Túzaros

Aínda que a traxectoria do grupo remataría neses anos, o vocalista e guitarrista Mario César Vila pasaría posteriormente a facer parte doutros grupos de metal en galego coma InVivo ou Deseqilibrio Mental. Por outra banda, Skornabois tamén tiveron unha traxectoria breve pero fructífera nestes anos, esta vez nun estilo novo; un metal alternativo con elementos funk, hip hop e punk que os vencellaba tamén co movemento nu metal americano daqueles anos. Procedían da Mariña de Lugo, concretamente da vila de Vilanova de Lourenzá, e formáronse no ano 1988, aínda que non sacarían a súa primeira casete cun son profesional ata 1996, ano no que sae ás rúas O Verme Homicida. Neste primeiro traballo, a influencia do metal non é tan evidente, cun son moito máis punk e cercano ao do rock bravú. Pero algúns dos seus temas serían regravados para o álbum homónimo Skornabois, integramente en galego coma o de Túzaros, que sería publicado en 1998.

Este álbum xa é todo un traballazo de funk metal e rap metal. 16 temas de puros anos noventa, cheos de mestura e experimentación e cunhas letras reivindicativas e combativas perfectamente axeitadas ao estilo. Un álbum que, de non ter sido feito nesta época polos Skornabois, seguramente nunca tería existido algo similar na música en galego, e que á vez sona moi ben aínda hoxe en día. Despois de tocar por todo o Estado e de participar na terceira recompilación da Revista Bravú, titulada Terra Terremota, co tema “Plánta-te!”, a actividade de grupo chegou á súa fin.

Quen si teñen unha traxectoria de décadas que dura aínda hoxe son os cangueses Astarot. Foron unha das primeiras bandas de hard rock e heavy metal de Galicia, nacendo no ano 1983, e ao longo dos oitenta e a primeira metade dos noventa sacaron varias maquetas e álbumes en castelán. O seu paso á língua galega comezou co seu terceiro álbum Apuesta y Gana, un disco principalmente en español pero que inclúe unha versión de “Airiños, airiños, aires” e máis unha versión en galego do tema de Neil Young “Rockin’ in the free world”, titulada “Sigo en pé no mundo”. Porén, a primeira canción orixinal veu en 1997, da man da xa mencionada Revista Bravú, editada por Xerais e que exercía de altofalante do movemento homónimo. Na segunda recompilación editada pola revista, os cangueses incluíron a súa balada heavy “Coa proa no ceo”.

Astarot

Logo chegou un disco bastante peculiar: un compartido coa banda de ska e pop rock madrileña The Refrescos, coñecidos polo seu gran éxito oitenteiro “Aquí no hay playa” e cuxo cantante ten orixe viguesa. A unión foi auspiciada pola Xunta de Galicia para celebrar o Xacobeo 1999, alternándose as cancións dos madriñelos coas de Astarot. As dos cangueses, que son as que aquí nos ocupan, son por unha banda versións de cancións míticas coma a “Rianxeira” ou o “A Santiago vou”; por outra, o “Over the hills and far away” de Gary Moore versionado en galego coma “Ceo gris”; e por outra, unha canción propia, titulada “Unha promesa”. A máis interesante delas é sen dúbida esta última, que mestura heavy metal melódico e folk nun estilo reminiscente dos Mago de Oz que xa comezaban a despuntar neses anos. Despois deste traballo tan excéntrico, sacarían ao ano seguinte un novo álbum, O Sentir dunha Terra, onde continúan a liña de versionar temas populares en galego pero no que de novo inclúen algúns temas propios, nomeadamente “Coa proa no ceo” e “María Soliña”, un tema épico con letra de Xosé Manuel Pazos onde narran a historia da lendaria muller canguesa acusada de bruxería e asasinada no Século XVII.

Posteriormente, en 2006 o grupo publicará Longa Noite de Pedra, onde engaden composicións propias a poemas de grandes autores galegos coma Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, ou Rosalía de Castro, ademais de realizar unha versión en galego de Supertramp. O seu seguinte e ata o momento último álbum de estudio sería de novo un disco en castelán con algúns temas en galego, titulado Séptimo Pecado (2013). O enfoque da banda, especialmente centrado en versionar cancións e poemas coñecidos, resultou polémico para os seus vellos fans e para os fans do estilo en xeral, pero tamén lles abriu, a diferencia de boa parte do resto de bandas de hard rock e metal galegas, as portas da Televisión Galega e da administración autonómica e local, necesitada de impulsar a artistas que empregasen a nosa lingua. Fose deste xeito ou máis dende o underground coma os grupos dos que falamos anteriormente, o feito foi que o metal en galego diversificouse, e a maior proliferación de grupos e propostas aínda estaba por chegar nos anos vindeiros.

Rematamos este capítulo co caso de Zënzar, unha banda activa facendo música en galego dende finais dos anos oitenta, cando se fundaron baixo o nome de Mördor. Esta banda lanzou nesta época traballos coma a casete Fascinados polo Prohibido (1995) ou o seu primeiro álbum, Disparados ao Futuro (1997), lanzado por Edicións do Cumio. A pesar da súa traxectoria eminentemente punk, nestes lanzamentos pode apreciarse unha considerable influencia do heavy metal, e mesmo aparecen aquí e alá momentos propios do crossover thrash e o hardcore punk. Non en van tocaron en directo naqueles anos con bandas de metal coma Xudef Klas, Kraken, Túzaros ou mesmo Barón Rojo.

Aínda con marcado espírito punky, as dúas gravacións mencionadas están moi centradas nos riffs de inspiración heavy, un trazo especialmente notorio nesta etapa pero que a veterana banda mantería tamén nos anos seguintes, sacando álbumes coma Todo vai Ben (2001), no que contaron con diversas colaboracións de grandes artistas do panorama galego, e Rockanrol (2002). Despois destes discos prodúcense cambios na formación da banda que virían acompañados dun menor peso do metal na súa música nos anos seguintes. Porén, a influencia do heavy metal volve aparecer de cando en vez ao longo da súa notablemente ecléctica carreira, aínda en curso hoxe en día. A mestizaxe de estilos é, en todo caso, unha virtude común nos grupos galegos da época, polo que non é de extrañar que grupos que adoitan estar englobados dentro do rock ou do punk, como é o caso de Zënzar, sexan tamén relevantes á hora de falar de estilos irmáns coma o metal.

Zënzar