O trío pontecesán Lóstregho está a piques de lanzar o seu primeiro EP, titulado Arroutada, e a modo de mostra sacou xa o seu segundo sinxelo, acompañado dun videoclip: trátase de «Zarpazo», un tema de rock de garaxe festeiro e pegadizo, e cantado en galego. Inmediatamente chama a atención a alineación da banda, na que o baixo domina o show. E é que o grupo bergantiñán bástase só de voz, batería e o mencionado baixo (coa axuda duns poucos efectos) para dar caña máis que de abondo. Un tipo de formación innovadora e minimalista que se vai asentando cada vez máis na escena galega.

Arroutada estará composto por 6 temas, gravados no Cimática Studio de Cerceda por Mahi de Broa, dos que xa vos temos falado anteriormente nesta revista. Para que saibamos que podemos agardar deste traballo, a banda promete unha «perfecta armonía entre o grunge, o stoner e o garage rock con tintes de psicodelia. Todo isto visto dende o contarrevolucións marcando en vermello». Unha mestura da cal este «Zarpazo» recolle a esencia nos seus apenas dous minutos de duración.
A banda da Costa da Morte elixiu precisamente o mar coma paisaxe para este videoclip, o segundo que fan despois do seu primeiro tema «Dardos». Dirixido por eles mesmos, contaron para a súa realización con Lorena Mariño, Roberto Iglesias, Adrián Mayo e José García. Aquí o tedes! E lembrade que tanto «Dardos» coma «Zarpazo» se poden escoitar tamén en plataformas dixitais coma Spotify.