Óscar, de Barbarian Prophecies: «Se Rosalía vivise hoxe tería unha banda gótica ou black»

Barbarian Prophecies levan 21 anos sendo unha das bandas de referencia do metal extremo galego. O cuarteto de Lugo acaba de sacar Horizon, un disco que culmina unha discografía formada ata o momento por outros catro álbumes de estudio e dous EPs, ademais de varias recopilatorios ou demos. Apenas acaban de comezar a presentar este novo traballo en directo, estreando ademais a súa nova formación, na que a vocalista Alicia Chousa asumiu tamén o mando das catro cordas do baixo.

Horizon, lanzado conxuntamente polas discográficas Base Record Production, Violence in the Veins, Hecatombe Records e Iron Matron Records, amosa o death metal melódico que practica o grupo. Porén, trátase dun death melódico afastado do canon do estilo, inzado de elementos tomados do metal progresivo ou do black metal que practicaron nos seus inicios. Ao longo dos 52 minutos que duran as súas 10 cancións, os de Lugo crean estruturas elaboradas nas que se mesturan os seus riffs extremos con seccións limpas ou sintetizadores. Nelas atopamos varias novidades na discografía do grupo, coma unha canción parcialmente en galego inspirada en Rosalía de Castro, «Morte negra», ou unha regravación dun dos primeiros temas do grupo na súa época máis black, «Supreme Vampire».

Para entender a traxectoria e a evolución da banda, dende Rouco Son falamos con Oscar Besteiro, membro fundador da banda que hoxe comparte con Alicia, o guitarrista Arnt Bünz e o baterista Diego Maya.

Óscar Besteiro, no regreso aos escenarios de Barbarian no Club Clavicémbalo de Lugo

Este ano celebrastes o voso 21 aniversario, sendo unha das bandas en activo máis veteranas da escena. Cales son as maiores diferencias que notas respecto a como era o panorama entón e como é agora?

Si, e en breve xa 22 anos. O tempo pasa moi rápido e cando te das conta xa tes 40 e pico anos e todavía segues buscando enlaces na música, bandas para intercambiar concertos… O mundo cambiou moito, sobre todo houbo un gran salto o entrar o novo milenio. A implementación das novas tecnoloxías e o seu uso foi un factor determinante para o avance social e simplificou moito para todo o que xira entorno a unha banda Underground. Hoxe en día é moito máis sinxelo coñecer outras bandas, conseguir concertos, gravar un disco ou ter material audiovisual de calidade. Pensa que hai 25 anos, nos 90, era practicamente imposible gravar un disco con boa produción, sobre todo porque era moi caro. Agora podes gravar un álbum de calidade cun home studio na túa casa. E nos anos 80 xa non o quero nin pensar, a xente que viviu esas épocas suplía as carencias económicas e loxísticas coa ilusión dun futuro aberto e inclusivo que, por degraza para todos e todas, nunca se chegou a acadar.

Por outra banda, estou un pouco farto do conto de sempre, no que se magnífica o pasado cunha visión romántica moitas veces resultante de lembranzas de xuventude onde todo parece mellor. O underground sempre foi underground, e antes estaba moito máis soterrado. Como comentei, todo era máis difícil, ata o feito de ter instrumentos de calidade. Pode que houbese máis xente nos bolos, pero era porque había menos concertos, non porque houbese máis xente amante da música extrema ou independente. Coido que había menos fans ou entusiastas ca hoxe, simplemente é cuestión de accesibilidade.

O estilo de Barbarian foi evolucionando dende o black metal cara ao death metal melódico, pero sempre con variedade de influencias de diferentes estilos. A que se deberon estes cambios en cada momento?

Imaxina unha banda pola que pasaron máis de 13 persoas diferentes. Un dos resultados desta muda de membros é unha evolución constante ó longo do tempo, xa que cada un foi aportando os seus gustos persoais e as súas inquedanzas. Para min iso é algo especial, xa que parte da alma ou mente de todos aqueles que formaron parte de Barbarian ficarán representadas para sempre na música que se foi creando ó longo destos anos. Por outra banda, en Barbarian nunca se puxeron límites na creación ou composición. Moitas veces unha canción pode xurdir dunha estrutura xa pensada, pero as ideas e variacións que se nos van ocorrendo e nos gustan non temos medo de incluílas. A fin de contas, isto faise sobre todo para nós mesmos, e coa ilusión de compartirlo cos demais. Compoñer música non se trata de agradar a uns ou outros, nin de ser o mellor ou o máis extremo e true, senón de crear algo do que te sintas orgulloso ou orgullosa.

A banda, na súa sala de ensaio

En Horizon recuperades un dos vosos primeiros temas, «Supreme vampire». Como foi mesturar este tema co voso novo estilo?

Foi interesante, sobre todo á hora de empregar o metrónomo para gravar, e tamén modificar a canción de maneira que non perdese a súa esencia orixinal pero incluíndo novas armonías e algunha parte ampliada. «Supreme vampire» foi un tema feito por rapaces de entre 16 e 20 anos, noutra época e con grande ilusión. Por isto pensamos que sería unha boa homenaxe á xente daquela época e ós que formaron parte da banda no pasado.

Outra novidade deste álbum novo é a inclusión dunha canción, «Negra morte», cun fragmento en galego correspondente a versos de varios poemas de Rosalía de Castro. Por que decidistes probar a cantar tamén na nosa lingua?

Xa era algo que tiñamos na mente dende hai moito, pero non se puido materializar ata este último álbum. Para nós, o galego ten unha sonoridade moi boa para cantar, e incluír lírica de Rosalía era algo inevitable. A musa gótica galega por excelencia. Estou seguro de que se tivese vivido nesta época tería unha banda extrema, gótica ou black. Seguramente faremos máis temas en galego nun futuro.

Ademais das numerosas bandas de metal extremo que cantan sempre en galego, tanto novas coma veteranas, outra banda da vosa quinta, Balmog, tamén está comezando a incorporar o galego na súa música. Notas que é algo que se pode xeralizar cada vez máis?

Coido que a xente ten cada vez menos medo a incluír idiomas que non sexan o inglés ou o castelán. O galego ten unha maior repercusión e respecto en todo o territorio estatal. Hai que ter en conta que non hai tanto a palabra galego era sinónimo de tonto, e sobra dicir quen non era o mesmo ser catalán ou vasco que galego a tódolos niveis. Seguimos á cola, pero o avance é evidente. Isto fai que cada vez máis bandas inclúan a súa lingua materna por orgullo, polo que significa máis alá de ideas políticas. O idioma como parte esencial da evolución humana, sumado á música como expresión cultural universal, sempre vai estar nun nivel superior ó imposto por credos, ideoloxías e demais estratexias de control. 

Ademais do teu papel en Barbarian, fas un gran traballo promovendo o underground, xa sexa a través do contacto co resto de grupos da escena coma en redes sociais ou a través de organizar o Napalm Fest. Fai falla máis apoio mútuo entre as bandas do underground?

O apoio mutuo é fundamental, a xente ten que concienciarse de que isto non é Noruega nin Suecia. Tampouco estamos en Los Angeles nos 80. Aquí, en España, todo o que saia do socialmente aceptado e imposto é desprestixiado e barrido totalmente da escena cultural. Precisamente porque vivimos nun país atrasado, que está entre o terceiro e o primeiro mundo, a cultura está totalmente manipulada e é usada para controlar as condutas sociais e eliminar a disidencia intelectual. Por este motivo, a miña filosofía sempre foi sembrar boas accións que fomenten a colaboración e a axuda desinteresada, para así xerar un hábito noutras persoas que, vendo que esta táctica funciona, tendan a replicala. A pandemia coido que nos deu moitas claves para que a xente esperte. A cultura saíu perxudicada, pero, ollo! Non toda, salvo no confinamento máis extremo. Despois, a cultura non parou, seguirían facéndose concertos e actividades baixo o timón dos que ostentan o trono da administración. Por iso, agora máis que nunca, a unión e fundamental. Senón, estamos perdidos!

Barbarian ao completo no escenario do Clavicémbalo

Xa tedes dado algún concerto para presentar este novo álbum. Cales son as vosas sensacións respecto do regreso da música en directo?

Pois a verdade é que as ganas son maiores que nunca, pero tamén os nervios, son casi dous anos sen directos e iso nótase. En canto á resposta da xente, non puido ser mellor, a sala completou o aforo, moitos amigos de toda Galiza pasaron polo evento e conseguimos recaudar cartos para unha asociación cultural que axuda ás persoas sen recursos con inquedanzas musicais, a Asociación Cultural Musical Luis Nieves. Este ano tentaremos dar un par de concertos máis, pero estamos centrando esforzos xa no ano que vén.

En redes, a acollida do disco está a ser moi boa. Cumpriu as vosas expectativas?

Horizon está tendo unha resposta moi positiva, e a verdade é que non pensabamos que fose ser así, xa que o disco ten pasaxes moi afastadas do que se considera metal extremo. Así que está superando ampliamente a nosas espectativas. 

O lanzamento de Horizon e a súa promoción seguiron un calendario quizais pouco habitual, sacándoo en Bandcamp bastante antes que fisicamente e no resto de plataformas dixitais en vez de facelo todo á vez. Por que optastes por este xeito de lanzar o álbum?

Había que adaptarse a situación actual, e, como xa está de moda dicir, a resiliencia foi fundamental. Pensamos que, se non se podía tocar, o que había que facer era centrar os esforzos na promo e ir desvelando pouco a pouco o álbum e xerando sempre contido nas redes. Tamén apuntar fora do país, que é onde podes ter maior repercusión. Coido que, máis que nunca, a situación actual deixou claro que coidar moito o contido audiovisual e a promo é fundamental para calquera banda que se queira mover minimamente. Antes de despedirme, gostaríame dar a grazas por esta entrevista, e animar a todas e todos os que lean esta entrevista e que queiran colaborar con Barbarian, que se poñan en contacto con nós en calquera das nosas redes. Se podemos axudar, farémolo, o beneficio é sempre común. Un saúdo dende Lvcvs e vémonos nos escenarios. Lume!