A banda viguesa Mileth, que mestura o metal co folclore galego, dará o seu primeiro concerto dende o comezo da pandemia o sábado 27 de novembro na Sala Rebullón de Mos. Farano acompañando á banda de neofolk Cuélebre, fundada en Valencia, que visitará Galicia por primeira vez nos seus dez anos de traxectoria con motivo tamén do seu regreso á música en directo dende a irrupción da covid-19.
O grupo galego, instalado en Vigo pero fundado na Mariña lucense, interpretarán as cancións do seu álbum Catro Pregarias no Albor da Lúa Morta, lanzado en 2019, cuxos concertos de presentación ficaron interrumpidos por mor da situación sanitaria. Este álbum plasma a súa mestura de instrumentos tradicionais ou cantareiras co metal extremo, acompañada de letras que recollen as lendas e os costumes da Galicia máis mística e enxebre. Por outra banda, Cuélebre ten tres álbumes editados, sendo o máis recente Dijara, que veu a luz en 2020. Os seus outros traballos son Anaman, de 2017, e Oinos, de 2014. Neles recrean a Iberia celtíbera, con especial atención á mitoloxía precristiá da península.
Precisamente un dos últimos concertos dado por ambos artistas foi xuntos, na Sala Independance de Madrid o 2 de novembro de 2019. Agora, dous anos despois, volven reunirse nas táboas da Sala Rebullón, ubicada nas instalacións do Centro Social e Cultural As Pedriñas da parroquia de Tameiga, en Mos. Situada a un curto traxecto en coche do centro de Vigo e con amplo espazo de aparcamento, foi unha das poucas salas de música galegas que puideron ter un funcionamento case constante durante a pandemia. As entradas poden adquirirse na propia sala, na tenda Pick Up Discos en Vigo, e a través do correo electrónico de Mileth, milethofficialchannel@gmail.com.