As bandas de Ferrol organízanse para esixir o regreso das salas de ensaio

Ferrol leva un ano sen locais de ensaio municipais, posto que os ubicados no Mercado da Magdalena pecharon o 27 de outubro de 2020, nin sequera dous meses despois de ter reaberto tras o confinamento. Para protestar contra esta situación, varias músicas e músicos da cidade levan varios días dando a coñecer os feitos en redes sociais, tanto a través dos seus perfís persoais coma da creación en Facebook da páxina Reapertura Xa Locais Ensaio Ferrol.

Dende esta plataforma afirman que «tras levar un ano agardando para poder voltar ós ensaios, comunícasenos que o Concello alega un problema burocrático e non vai ser posible». «Actualmente existen algúns servizos municipais na mesma situación que nós e seguen realizando a súa actividade sen ter repercusión nas persoas usuarias», denuncian, o que xunto á continua actividade dos locais de ensaio privados en todas as cidades sen maior incidente, desmonta o argumento de que o peche poida deberse á situación sanitaria, e máis cos bos datos obtidos ao respecto ultimamente. Isto súmase á denuncia dunha falla de comunicación por parte do goberno municipal, que non só avisou do peche uns días despois cun «comunicado de que ata ‘novo aviso’ non sería efectiva a apertura do servizo», senón que dende a plataforma intentaron «solicitar información e non tivemos resposta por parte do Concello».

Reapertura Xa Locais Ensaio Ferrol destaca que estes locais de ensaio «levan máis de 10 anos en funcionamento, proporcionando un lugar digno e gratuito de xuntanza para músicos», e que «perder un espazo así en Ferrol é imperdoable», polo que continuarán protestando ata cumprir os seus obxectivos. Unha situación similar á desta cidade atópase noutras urbes galegas, coma en Vigo. As salas de ensaio de Vigosónico, ubicadas na parroquia de Valadares, eran as últimas que quedaban en pé despois de ter pechado, ao longo dos mandatos de Abel Caballero, os céntricos locais do Castro e da Casa da Xuventude. Levan clausuradas indefinidamente dende o comezo do confinamento en marzo de 2020, e as bandas viguesas denunciaron tamén no seu momento a falla de comunicación absoluta por parte do Concello. Este desleixo chegou a desembocar na avaría e na perda de material de gran valor que estivo alí durante meses sen que as bandas puidesen recuperalo, nun ambiente de humidade incontrolada.

Podedes visitar a páxina de Reapertura Xa Locais Ensaio Ferrol aquí: https://www.facebook.com/Reapertura-Xa-Locais-Ensaio-Ferrol-109474671520976