O rock progresivo dos 70, en Galicia (e en galego)

Entre finais dos anos 60 e principios dos anos 80, o rock progresivo foi un dos xéneros do rock máis populares en boa parte do mundo, unha tendencia á que nin Galicia nin o resto do Estado foron alleos. Este estilo caracterízase por desafiar os convencionalismos e as estruturas que seguía o rock ata o momento, incorporando elementos externos tomados de xéneros coma o jazz, o folk ou a música clásica. A influencia desta última era especialmente notable en moitas das bandas máis populares desta corrente, coma Yes, Genesis ou Emerson Lake and Palmer, que recibían polo tanto a denominación de rock sinfónico; esta etiqueta adoitábase empregar por extensión ao resto de grupos progresivos, aínda que a música clásica occidental non estivese necesariamente entre as súas inspiracións principais.

Aínda que os grupos máis famosos foron principalmente ingleses, o rock progresivo conta con grandes expoñentes en numerosos países. E precisamente pola súa natureza elaborada e ecléctica, a escena de cada lugar ten matices propios, moitas veces a raíz de absorber a tradición musical propia de cada un. Un caso especialmente paradigmático disto foi, mesmamente, o de Andalucía, onde bandas tan representativas coma Triana, Medina Azahara, Cai, Alameda, Imán ou Guadalquivir mesturaron o progresivo co flamenco nunha nova música puramente andaluza. Incluso famosos cantantes vencellados a outros estilos, coma Miguel Ríos, flirtearon co rock progresivo andaluz nesta época, sacando varios discos nesta liña. E en Galicia, aínda que ningunha das nosas bandas logrou o impacto comercial das anteriormente mencionadas, nin houbo unha escena tan prolífica, tamén pasou o mesmo; xermolou na segunda metade dos anos 70 un rock progresivo galego e en galego no que o folk e a música tradicional tiñan un peso considerable, dotándose así dun toque distintivo, único e recoñecible.

Non podemos esquecer que, a causa da política cultural do Franquismo, o desenvolvemento do rock en xeral no Estado español foi relativamente tardío. E en Galicia, a situación non era, dende logo, unha excepción, con escasos artistas editando discos con material propio. Así, mentres que os anos dourados por antonomasia do rock progresivo foron a principios dos anos 70, na nosa terra hai que atopalos na segunda metade da década, coa morte de Franco, e mesmo ben entrados os anos 80, cando en boa parte do resto do mundo o estilo xa se atopaba en retroceso.

O primeiro achegamento ao rock progresivo aquí veu da man de cantautores coma Luís Emilio Batallán ou, especialmente, Bibiano Morón. O primeiro deles, no seu célebre álbum de 1975 Ahí ven o maio, incorporou instrumentos e sons do rock cunha sensibilidade innovadora que o afastan de ser un traballo de folk de cantautor tradicional, aínda que ese sexa o seu estilo principal. Isto resultou nun disco de folk rock con tintes progresivos equiparable ao que varios cantautores británicos ou estadounidenses estaban facendo neses anos. E ademais de compoñerse integramente de musicacións de poemas de célebres poetas do país, incluíu tamén o son de instrumentos tradicionais coma a gaita, aventurando as mesturas de folk galego e rock que virían despois.

O segundo deles, integrante do mítico colectivo Voces Ceibes e posteriormente figura clave da movida viguesa, sacou nestes anos tres álbumes en solitario, nomeadamente Estamos Chegando o Mar (1976), Alcabre (1977) e Aluminio (1979). Neles xa atopamos un folk rock progresivo máis desenvolvido, con cancións breves pero moi diversas nas que teñen cabida a experimentación vangardista, os sons sinfónicos e os instrumentos folclóricos. A gaita non aparecería ata o terceiro álbum, máis nos outros podemos apreciar como nos teclados se simula o seu timbre e a súa interpretación en varias melodías.

Bibiano

Un dos puntos clave da música de Bibiano foron os músicos dos que se rodeou para gravar estes discos, cousa que fixo nos tres casos nos estudios Audiofilm de Madrid. O primeiro gravouno en boa parte con músicos procedentes da escena de rock progresivo e jazz fusión catalá, vencellados a bandas coma Fusioon, Iceberg ou Pegasus. Porén, a partir do segundo priman xa os músicos galegos, que en varios casos farían parte doutros grupos progresivos do país. Por unha banda, o guitarrista Xoán Piñón foi membro de NHU, e xa a finais dos 60 formara parte dun grupo antecesor, Generación 49, que practicaba unha mestura instrumental do beat e o rock psicodélico da época co folk galego. Tamén aportou guitarra eléctrica ao álbum Fonte do Araño de Emilio Cao (1977). Posteriormente, atoparíamolo na banda de folk DOA, que nos anos 80 sacou dous álbumes progresivos ao incorporar o jazz fusión ao seu son. Por outra banda, o baixista Pepe Bordallo e o batería Fernando Llorca coincidirían posteriormente en Outeiro, unha banda de rock progresivo e jazz fusión fundada en 1979 que tamén nutriría de membros a DOA nos anos 80.

Os xa mencionados NHU foron precisamente o seguinte artista progresivo en sacar un LP. Seguramente, os composteláns son o grupo deste xénero en Galicia que acadou un status máis mítico hoxe en día, sendo o seu álbum homónimo NHU (1978) moi apreciado polos coleccionistas. Isto pode deberse a ser, seguramente, a banda que se ubicou nas marxes máis canónicas do estilo, cun rock sinfónico evocador e atmosférico no que tampouco faltan os elementos do jazz rock e da psicodelia. E feito en galego, por suposto, aínda que non atopamos neste disco o grao de influencia folk que caracteriza á maioría de bandas progresivas do país. Despois deste álbum o grupo seguiu a dar concertos, pero non chegaron editar unha continuación ao mesmo, que si chegaron compoñer, antes de disolverse en 1979. Cabe mencionar, en todo caso, a súa reunión para as cámaras da TVG en 1987, cando a cadea apenas levaba dous anos en emisión.

NHU

A outra banda clave do rock progresivo en Galicia que chegou editar disco nos anos 70 foi Goma 2. Esta agrupación de 5 rapaces da vila de Portonovo, en Sanxenxo, destacaba polo seu son ecléctico, no que o rock progresivo é un compoñente máis dunha mestura que tamén inclúe ó pop rock, a psicodelia hippie ou incluso elementos da incipiente nova ola ou new wave. Un dos efectos principais do retraso relativo do desenvolvemento do rock en Galicia e no conxunto do Estado con respecto ao resto do mundo foi que moita música que non chegara antes á xente chegou toda á vez a finais dos 70, dende o rock progresivo ata o punk ou o heavy metal, dando lugar a que xurdiran aquí tantas bandas que mesturan estilos que noutros países foron máis estancos durante aqueles anos.

No caso do único álbum desta banda, o homónimo Goma 2 (1979), intercálanse os temas máis progresivos con outros máis breves e accesibles, pero sempre con gran presencia da gaita, que aparece xa plenamente integrada nun álbum de rock logo dos precursores anteriormente mencionados. Goma 2 orixinouse precisamente no grupo de gaitas Os Vieiras, unha procedencia que contrasta coa formación máis académica, clásica e jazzística dos músicos de boa parte das outras bandas do xénero. Isto apreciase claramente no disco, que ten un son máis desenfadado e cun toque amateur que contribúe ao seu encanto. Tamén hai que destacar os elementos reivindicativos nas súas letras, con cancións contra a guerra ou contra a destrución do medio ambiente. Todos estes elementos os converten tamén nun predecesor claro do rock bravú dos anos 90, como ten feito notar Xurxo Souto de Os Diplomáticos de Monte Alto. Aínda que a continuación ao seu LP nunca chegou, si lograron tocar xunto a grandes nomes coma os de Triana ou Miguel Ríos, así coma con outros artistas progresivos galegos, coma Brétema ou Xosé Inclán.

Goma 2

Aínda que estes foron os artistas que chegaron editar música durante os anos 70, seguramente a maior parte da produción do rock progresivo clásico en Galicia tivo lugar na década seguinte, con bandas coma as xa mencionadas Outeiro, DOA e Brétema, e máis outras fundadas xa nos propios anos oitenta, coma Brath (xurdida do grupo anterior Tebras), Taranis ou Alecrín, entre outras. En definitiva, temos unha escena prolífica e extensa que ben merece unha continuación desta reportaxe. O rock progresivo galego estivo á altura do movemento no resto da península, tanto nas súas máis coñecidas manifestacións andaluza, catalá e mesmo portuguesa coma doutras tamén excelentes coma a vasca, a asturiana ou a cántabra, que deron lugar a grandes grupos. Estas dúas últimas escenas son o suxeito, xunto coa galega, do libro Música para la libertad de Eduardo García Salueña, editado en 2017, que trata o rock progresivo da época nestes territorios do norte peninsular. Nas súas presentacións en Galicia, o autor contou coa compaña de músicos de NHU, Goma 2, DOA, Outeiro ou Cumbre. Ademais deste libro, o rock progresivo galego aparece en varias obras escritas sobre o folk e a música galega en xeral destes anos.

Se dalgo é proba o desenvolvemento deste estilo en Galicia é do carácter popular e de base que ten o rock progresivo, a pesar de que se lle teña caracterizado tantas veces coma unha música snob e pretenciosa. Un estilo de música feito por rapaces normais, procedentes tanto das vilas coma do entorno universitario ao que a rapazada galega comezaba a acceder, que se atrevían a innovar e romper os moldes do que a música comercial era ata ese momento, á vez que baixando a música académica e os seus trazos ao ámbito máis popular. E no caso concretamente galego, servindo de ponte entre a nosa tradición musical e as novas músicas, sendo un precedente imprescindible de todo o que veu despois, e erguendo a bandeira da música en galego dun xeito no que non se tiña feito antes.