A banda coruñesa de doom metal Cruzeiro acaba de lanzar o seu álbum homónimo, que é tamén o primeiro traballo que editan coa súa nova vocalista Bea Onix. Este disco de 40 minutos componse de catro cancións longas de puro doom metal na súa vertente máis stoner e sludge, baixo a influencia explícita de bandas míticas coma Electric Wizard, Acid King, Reverend Bizarre, Cathedral ou Black Sabbath. O cuarteto xa dera a coñecer o primeiro tema, «Aquarius», nun vídeo con letra lanzado hai dúas semanas, mentres que a canción de peche, «Al-Quibla», xa aparecera na súa demo tamén titulada Cruzeiro (2019), gravada aínda como trío coa voz do guitarrista Gon B.
Esta última canción, xunto coa nova «Balor, As Sete Pálpebras», destaca por estar en galego, xa que non son moitas as bandas de doom metal que polo momento se decantaran por cantar na nosa lingua. Porén, Cruzeiro leva apostando por este camiño dende os seus inicios. «The/Owls/Are/Not/What/They/Seem», por outra banda, xa tiveramos a ocasión de escoitala en versión demo tamén, pero esta vez xa con Bea as voces logo da súa incorporación á banda en 2020. Son temas longos, hipnóticos, pesados e psicodélicos, como só se pode agardar do estilo que nos ocupa.

Os coruñeses apostaron forte para a edición desta opera prima, que constará de versión tanto dixital coma en múltiples formatos físicos. Por unha banda, a edición en CD, presentada nun digipack coidadamente deseñado, está a cargo dos selos Vertebrae e Interstellar Smoke Records, que tamén conta con sacar unha versión en vinilo en decembro. Por outra banda, Lunar Seas Records e Caín Records encargáronse de editar a obra na clásica casete. O disco foi gravado, mesturado e masterizado en Moontower Studios por Javi Félez en setembro de 2020, polo que cabe pensar que a banda leva dende entón preparando este gran lanzamento co que levar a súa música o máis lonxe posible.