Se hai un disco do black metal en galego que merece a consideración de clásico, ese é Nocturnal Misantropía. O primeiro álbum de estudio de Xerión, despois dunha serie de excelentes demos e discos compartidos, foi tamén un dos primeiros álbumes do estilo editados en Galicia e o primeiro deles feito na nosa lingua, hai case 15 anos. E ademais de todo isto, trátase ante todo dun discazo de black metal, tocando varias das súas vertentes, como é habitual no grupo ourensán: black épico e sinfónico, black atmosférico, black/folk, black melódico, black tradicional, black/doom… Todo isto ao longo de pouco máis de media hora de duración.
Ao núcleo do grupo conformado por Nocturno (guitarra, baixo, voz e frauta irlandesa) e Daga (teclados), que aínda o conforman a modo de dúo hoxe en día, hai que engadir outros dous músicos que formaron parte do conxunto nesta época: o guitarrista Iron e o batería e percusionista Aboriorth, coñecido este último por facer tamén parte de bandas tan representativas coma Kathaarsys, The Last Twilight, Heilnoz, e prolíficos proxectos en solitario coma o homónimo Aboriorth e Nocturnal Hell. O álbum foi gravado por Óscar «Chichi» dos Estudios Mafia de Carballiño, con quen tamén gravaron dende Aphonnic e Nao ata Upcoming Devastation. Veu á luz finalmente en febreiro de 2007, en casete da man da editorial quebequesa Tour de Garde e en CD pola alemá Schwarzdorn (que inclúe un interludio extra), se ben non hai que esquecer que boa parte dos traballos do grupo saen co selo Nigra Mors, fundado polo propio Nocturno.

O disco abre con «Akelarre», un breve pero intenso tema de black/folk no que unha melodía de frauta irlandesa da paso a un torrente de blast beats, trémolo e berros guturais que, a xeito de invocación, abre ese ritual que é o álbum completo. Este tema desemboca no homónimo «Nocturnal misantropía», un tema de black puro e escuro no que tampouco faltan a variación e as disonantes pero fermosas melodías, que serve de canción principal do disco xunto ao seu respectivo videoclip (que podedes ver ao final da recensión). Nun tono máis melódico están temas coma «Na traza esotérica do ar invisible», que entronca co tema anterior incorporando unha variación dun dos seus riffs, ou «No pazo derruido da existencia», un tema intenso e dramático que ben pode ser un dos máis memorables da banda.
«Aqueles que nos deixan atrás», por outra banda, explora o territorio do black metal lento e depresivo. E «No val do silencio», o tema que pecha o disco, destaca polo seu toque épico e sinfónico, sendo ademais un dos temas de Nocturnal Misantropía que máis entronca co lado máis mitolóxico e lendario do grupo. Porque, se ben este disco ten unha apreciable influencia dese elemento folk galego, é certo que este vese máis claramente noutros traballos da banda, atopándonos aquí cun black metal máis canónico. Este feito tamén se reflicte nas letras das cancións, que polo xeral tratan con desesperanza e enfoque poético temas máis persoais, en contraposición á temática mítica que o grupo tamén trata de cotío.
A nivel son, en contraposición aos primeiros lanzamentos do grupo coma O Espírito da Fraga ou O Trono de Breogan, non atoparemos aquí ese son puramente faino ti mesmo nin eses teclados que retrotraen ao dungeon synth e ás bandas sonoras de videoxogos clásicos de fantasía. A pesar do indiscutible encanto destas trazas, aquí temos o caso dunha produción profesional e equilibrada, dentro por suposto do que é como debe sonar un disco de black metal clásico. Tamén é apreciable un cambio nas voces de Nocturno, que nas maquetas sonaban máis distorsianadas e difuminadas e agora son executadas dun xeito máis teatral e agónico.
Todos estes elementos fan de Nocturnal Misantropía un traballo redondo, no que as cousas poderían ter sido feitas de xeito diferente, pero non mellor. Sen dúbida, unha obra que está no top de discos de metal galegos de toda a historia, co permiso, de feito, doutras grandes obras do grupo, coma o tamén clásico Cantares das Loitas Esquecidas (2010) ou Escarnio, Maldizer e Morte (2017). En todo caso, ao ser o primeiro álbum da banda e polo rompedor que foi, ben merece unha lembranza especial.