Cru é un trío procedente do concello coruñés de Carral que mestura o punk, o hardcore e o metal. Veñen de sacar o seu último traballo, A, un EP de tres temas entre os que se inclúe «Luces de Neón», do que acaban de facer un vídeo rodado na súa sala de ensaio. A música foi gravada no Iron Fist Estudio de A Laracha, e o vídeo foi realizado por Jacobo Torres e o propio grupo a modo de autoprodución.

A é o segundo traballo da banda, despois do álbum homónimo Cru, editado en 2017. Despois do lanzamento deste primeiro disco, o grupo experimentou varios cambios de formación, ata instalarse finalmente no trío de Pitu, Luís e Dani. Logo de sacar A, xa teñen pensado gravar un novo EP. Segundo explica ao respecto o guitarrista da agrupación, Pitu, «estamos traballando con máis continuidade» logo da pandemia e os cambios na formación, «e agora estamos xa a preparar set de directo, que algo parece que xa se move a cousa, con estes temas novos».
Ademais de todo isto, o trío, cuxos membros proveñen de bandas coma Némese, Esterko ou K-Raxe, participou recentemente na recompilación 25 Anos Ruxindo en tributo á mítica banda de rock bravú Ruxe Ruxe, xunto a outras moitas destacadas bandas galegas. Nel versionaron a canción «Abondo».