O Pub Transylvania de Vigo acollerá o vindeiro sábado 4 de decembro un novo concerto de metal, esta vez da man dos coruñeses Lóstregos e os vigueses Dioivo. Estes dous grupos de black metal en galego, que xa teñen compartido escenario en varias ocasións anteriores, xuntaránse de novo logo do parón provocado pola pandemia para presentar os seus últimos traballos. Lóstregos defenderá o seu aclamado novo álbum Onde Calan os Corazóns Ruxen as Pedras, mentres que Dioivo fará o propio con Retorno a Tagen Ata, unha canción longa coa que puxeron música á celebre novela homónima de Xosé Luís Méndez Ferrín e na que colaborou o propio escritor, poñendo voz ás narracións do tema.
Será un concerto sinalado non só por xuntar a dúas bandas de metal en lingua galega, unha escena que está a despuntar cada vez máis nos últimos anos; senón porque aos dous grupos principais hai que sumar a colaboración de músicos procedentes doutras destacadas bandas galegas coma Mileth, Sulf-Atär ou En Proceso. Os propios Dioivo e Lóstregos tamén sumarán forzas para interpretar conxuntamente unha canción dos vigueses.
No propio concerto estarán dispoñibles á venda as camisetas e as edicións físicas dos discos de ambos grupos. Ademais de Onde Calan os Corazóns Ruxen as Pedras, que saíu o pasado 30 de abril, Lóstregos tamén ten editado o álbum Lendas Baixo o Luar (2017) e o EP Alzamento no Norte (2016). Dioivo, pola súa banda, conta, ademais de con Retorno a Tagen Ata, con outros tres traballos, titulados respectivamente Dioivo (2016), Dioivo II (2019) e Dioivo III (2021).
As entradas pódense reservar a través das redes sociais de Dioivo:
https://www.instagram.com/dioivo_metal/
https://twitter.com/dioivo_metal
https://www.facebook.com/dioivo/